Méndez Romeu demanda á Xunta o resultado das investigacións do Igape

Méndez Romeu demanda á Xunta o resultado das investigacións do Igape

Méndez Romeu demanda á Xunta o resultado das investigacións do Igape

O portavoz de Economía e Industria do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Luis Méndez Romeu, presentou unha moción no Parlamento para que a Xunta entregue o resultado das investigacións do Igape sobre as condutas irregulares dos seus directivos. Reclama que dean conta das “supostas medidas” para garantir a transparencia e legalidade nas actuacións do ente.

Méndez Romeu solicita á Xunta que traslade á Cámara autonómica “os resultados das investigacións internas do Igape sobre as condutas irregulares, deshonestas ou de conflito de intereses, por parte dos directivos implicados nos expedientes devanditos”. Tamén reclama “os correspondentes expedientes disciplinarios iniciados”.

En concreto, o parlamentario socialista esixe “toda a información dispoñible” sobre os contratos e as axudas outorgadas polo ente dende 2009 ás empresas Laboratorios Asociados Nupel, Procesoil, Valorización de residuos gallegos, Galimed Trata, Vector Digital SL, ABH Consultoría, Albromat Servicios Integrales e Fundación Porto de Vigo.

Reclamou así explicacións sobre as “supostas medidas” que está a tomar o Goberno de Feijóo “para garantir a transparencia, coherencia, legalidade e igualdade de trato das axudas e subvencións autorizadas polo Igape”. Criticou a “pasividade” do Executivo fronte a unha “sucesión de escándalos, incidentes, ceses, imputacións xudiciais e irregularidades nunca antes vistas en Galicia”.

Este “rosario” de imputacións afecta a 14 altos cargos do entorno de Feijóo, ademais de dous altos cargos do Igape que foron “separados do seu cargo” tras ser imputados na Operación Campeón. Ademais, dixo, un destes cargos “concedeu unha subvención de máis de 7 millóns de euros a empresas propiedade do seu cónxuxe nun tempo récord”.

Explicou que, ademais, a Fundación da Autoridade Portuaria de Vigo, baixo a presidencia de Corina Porro recibiu 200.000 euros “para non facer ningunha actividade empresarial coñecida”.

O parlamentario socialista solicitou da Xunta que presente no Parlamento e nun prazo de dous meses unha avaliación da eficiencia das axudas inferiores a 6.000 euros concedidas polo Igape, que en moitas ocasións son inferiores ao mesmo custo da tramitación.

Internacionalización

O responsable socialista tamén reclamou os informes internos do Igape que avalaron a externalización sen concurso da área internacional do Igape, o peche das oficinas no exterior, o despedimento do persoal e os custos derivados destas operacións. Solicita tamén que dean conta no Parlamento do convenio asinado cunha organización privada para a xestión da Rede Pexga sen concurso público.

Criticou o “desmantelamento” da rede internacional do Igape, que constitúe a principal área de traballo do ente, e que agora foi “eliminada, o persoal despedido e as oficinas pechadas”.

Esta situación provoca que o goberno galego teña que pagar o arrendamento de oficinas como a de Miami, que custará 6.000 euros ao mes ata o ano 2013, mentres o subarrendamento deste servizo custa 3.000 dólares mensuais para unha empresa sen experiencia na área.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar