Méndez Romeu denuncia o veto do PP a convocar un pleno extraordinario coas comparecencias de Feijóo e dos conselleiros de Presidencia e Industria

Méndez Romeu denuncia o veto do PP a convocar un pleno extraordinario coas comparecencias de Feijóo e dos conselleiros de Presidencia e Industria

Méndez Romeu denuncia o veto do PP a convocar un pleno extraordinario coas comparecencias de Feijóo e dos conselleiros de Presidencia e Industria

O portavoz do Grupo Socialista acusa ao PP de “comezar recortando dereitos, agora recortar liberdades e situarnos nas portas do recorte da democracia”

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, denunciou hoxe o veto do PP a convocar un Pleno Extraordinario do Parlamento de Galicia que inclúa dúas comparecencias de Feijóo sobre a venda de NGB e sobre a reforma da Lei do Aborto. O responsable socialista acusou ao PP de permanecer “afastados das necesidades dos cidadáns” logo de que rexeitaran a proposta socialista na Deputación Permanente celebrada hoxe.

O responsable socialista reclamara hoxe un Pleno Extraordinario no mes de xaneiro par debater “algúns dos principais problemas da sociedade galega”. Así, ademais das comparecencias de Feijóo, os socialistas galegos reclamaran a comparecencia do conselleiro de Presidencia sobre a reforma da Administración local ou do titular de Industria para dar conta do incremento das tarifas eléctricas.

O PP rexeitou este Pleno, provocando que o Parlamento permaneza practicamente sen actividade entre o 17 de decembro e o 11 de febreiro mentres os datos do desemprego sitúan a Galicia “na catástrofe, diante dunha situación de auténtica emerxencia social diante da parálise do goberno”. Así, tamén reclamaran o debate de dúas proposicións non de Lei sobre as políticas de emprego da Xunta e sobre os equipamentos do Hospital de Lugo.

Méndez Romeu advertiu que o PP vén aplicando de maneira sistemática o seu veto “cada vez que a oposición pide a comparecencia do presidente do goberno”, demostrando “unha visión cada día mais afastada das necesidades lexítimas dos cidadáns”. Lembrou que o mandato “non é unha carta branca para facer o que queiran”.

Criticou a súa “posición servil diante de políticas lesivas para os cidadáns e hostil contra todo o que di o artigo 1 do Estatuto”, que consolida o papel das institucións democráticas na defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego.

Recorte da democracia

Salientou que o PP está a executar un programa político que consiste en “iniciar recortando dereitos, agora levar a cabo o recorte de liberdades e estamos ás portas dun recorte da democracia”. Lamentou así que “o único tema do que hai que falar tódolos días é a redución do Parlamento, a institución na que os cidadáns poden acadar que un representante electo suscite o debate”.

Advertiu que “o que lles sobra é o Parlamento, é un órgano incómodo, sóbralles a capacidade de control” e queren recortar os parlamentarios para acadar “menos control”. Lembrou así que o obxectivo das institucións autonómicas consiste na “defensa da identidade e dos intereses de Galicia” e alertou que estas “lexitímanse cando son útiles, as non útiles deslexitímanse, como sucede co Senado, as deputacións ou a Coroa”.

O responsable socialista reivindicou que o Parlamento poida albergar debates que o convertan nunha ágora viva, mentres Feijóo pretende facer da institución un mausoleo pautado, onde se debata o que lle parece ao goberno, ao estilo da Restauración do século XIX.

Competencias

Méndez Romeu desbotou o argumento do PP, que asegurou que os temas incluídos no Pleno Extraordinario non eran competencia do goberno, lembrando que Galicia ten competencia en materia de promoción do emprego. Sinalou precisamente que a xestión de Feijóo provoca que se estea creando emprego en outras partes de España “pero non en Galicia”.

Lembrou ademais o papel protagonista do presidente da Xunta na fusión das entidades financeiras galegas que veñen de ser vendidas a un banco venezolano perdendo 8.000 millóns de euros de diñeiro público nun proceso no que desapareceu única entidade financeira que quedaba en Galicia. Preguntoulle así ao PP si “non é problema seu que os 35.000 afectados pola estafa das preferentes teñan 500 millóns de euros bloqueados”.

Tamén puntualizou que o goberno galego debe ter interese nas mulleres afectadas pola reforma da Lei do Aborto que está a impulsar o PP para “recuperar os valores dun nacional catolicismo rampante”, e que demostraron coa Lei de Educación e tamén coa Lei de Seguridade Cidadá como queren facer coa Lei do Aborto.

Criticou que o PP pretenda sinalar que a Galicia non lle afecta a tarifa eléctrica cando se trata da primeira Comunidade Autónoma en produción de enerxía eléctrica do Estado, cun goberno que está utilizando a lexislación das enerxías renovables para provocar o incremento das tarifas.

Finalmente, reclamoulle ao goberno galego que “poña coto” ás políticas de privatización masiva da sanidade pública, prexudicando aos centros públicos, como é o de Lugo, sen os servizos necesarios para un hospital punteiro, ou aplicando un novo mapa sanitario que provoca a perda de capacidade de atención en Vigo e nas diversas localidades do sur e do interior de Galicia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar