Méndez Romeu critica que Feijoo permita a Adolfo Gacio seguir como concelleiro e “gobernando na sombra”

Méndez Romeu critica que Feijoo permita a Adolfo Gacio seguir como concelleiro e “gobernando na sombra”

O nº2 dos socialistas coruñeses nas eleccións autonómicas do 21 de outubro, José Luis Méndez Romeu, afirmou, en relación ao denominado “caso Pokemon”, que os socialistas “temos actuado con claridade e contundencia,  esixindo a asunción de responsabilidades e adoptando as medidas necesarias”, e advertiu que, “dende o respecto á labor da xustiza e á presunción de inocencia”, o PSdeG terá “tolerancia cero” con asuntos como éste.

Neste sentido, Méndez Romeu criticou a tibieza da actuación de Feijoo neste caso, en referencia ao alcalde de Boqueixón Adolfo Gacio, “que vai deixar a alcaldía, pero seguirá sendo concelleiro do PP e gobernando na sombra para fiscalizar ao seu sucesor”, un caso “similar ao que ocurre noutros concellos populares como Sada ou Melón”, afirmou o candidato socialista.

Uso partidista da Xunta

O candidato socialista realizou estas declaracións durante un reparto de material electoral coas principais propostas programáticas do PsdeG no que participou esta mañá, xunto a candidatos e militantes socialistas na coruñesa Praza de Lugo. Alí expresou tamén a súa satisfacción pola resolución da Xunta Electoral na que, dando a razón ao recurso presentado polo PSdeG, aprecia “unha infracción” da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral  (Loreg) a presencia  de Feijoo no acto de sinatura do contrato de Pemex con Navantia e Barreras e insta  á Xunta de Galicia a retirar a noticia da súa páxina web.

“A Xunta Electoral advertiu a Feijoo de que non pode mesturar as súas funcións institucionais coas da campaña electoral”, afirmou Méndez Romeu, que censurou este tipo de prácticas habituais do gobeno do PP, “que está a outra cousa distinta que a gobernación de Galicia”, dixo en relación á campaña electoral das autonómicas.

Neste sentido, considerou que o goberno galego “debe estar convencido de que vai perder as eleccións”, pois “está intentando nestes días colocar a todos os seus cargos”. “Se hai uns días víamos como todos os membros do goberno e altos cargos pugnaban por colocarse nas listas do PP, agora sabemos que se están convocando moitas prazas para deixar cubertos a altos funcionarios en posicións de libre designación como herdanza para o próximo goberno”, denunciou o candidato socialista.

Ausencia de compromisos por parte dos gobernos de Rajoy e Feijoo

Méndez Romeu criticou tamén a ausencia de compromisos na visita efectuada onte á cidade da Coruña pola ministra de Fomento, Ana Pastor. “A ministra veu facer fotos a Punta Langosteira, pero non atopou un minuto para comprometer ningunha actuación concreta sobre súas reiteradas promesas como o remate da Vía Ártabra, o desdobramento de Alfonso Molina ou a ampliación de Alvedro” que, segundo o socialista, segue a ser “discriminado” pola Xunta.

O candidato do PSdeG criticou tamén a ausencia de compromisos de Feijoo co futuro Alcoa, onde están en xogo máis de 400 empregos. José Luis Méndez afirmou que “mentres o goberno anuncia un incremento da factura da luz dun 8%, seguimos sen medidas para garantir que Alcoa, que necesita dun réxime traifario especial, poda seguir funcionando”, advertiu.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar