Méndez Romeu acusa ao Goberno de Feijóo de bloquear a limpeza da ría do Burgo

Méndez Romeu acusa ao Goberno de Feijóo de bloquear a limpeza da ría do Burgo

Méndez Romeu acusa ao Goberno de Feijóo de bloquear a limpeza da ría do Burgo

O parlamentario socialista José Luis Méndez Romeu acusou á Xunta de bloquear a limpeza da Ría do Burgo pola súa “falla de vontade e de capacidade” para iniciar o saneamento integral da ría e para dialogar co Ministerio de Medio Ambiente e permitir a retirada dos lodos que conteñen metais pesados e hidrocarburos, ademais de bacterias, prexudicando o marisqueo.

Méndez Romeu lamentou que a pesares do “desfile de autoridades” da Xunta que visitaron hai 15 días a zona logo do episodio de contaminación intencionada da Ría, “aínda non tiveron tempo de acordar un calendario de actuacións para solucionar o problema”. Así o dixo nunha pregunta oral sobre este asunto na Comisión de Medio Ambiente que tivo lugar hoxe no Parlamento.

Esixiu así á Xunta que por unha banda comece o saneamento integral da Ría e ademais comprometa unha data para comezar os traballos de retirada dos lodos. Criticou que o proceso leva dous anos bloqueado porque a Xunta non elaborou o proxecto de tratamento dos lodos procedentes da dragaxe da Ría do Burgo para que o Goberno Central comece coa retirada dos mesmos, tal e como lle corresponde.

Lembrou que o Goberno central e a Xunta de Galicia asinaron na pasada lexislatura o convenio que permitiría a solución deste problema, por un importe de 13 millóns de euros procedentes de fondos comunitarios, que a Consellería de Medio Ambiente impide executar.

Méndez Romeu dixo que con este retraso a Xunta provoca sistematicamente “a destrución de cultivos de acuicultura e a prohibición de marisqueo”, reducindo ademais a produción en torno a un 4 por cento, ademais de prexudicar a un espazo de lecer para unha poboación de 250.000 persoas nos concellos da Ría do Burgo.

Advertiu que o goberno galego recupera así a súa “longa tradición de inacción na rexeneración das rías, xa que na lexislatura pasada non foron quen de poñer en marcha o proceso de saneamento integral das rías. Dixo que tivo que ser o goberno socialista o que permitira a licitación e execución de 23 estacións depuradoras por un importe de 300 millóns de euros.

Ademais destas actuacións, dixo, foron acometidas obras de bombeos, emisarios, tanques ou saneamentos en moitas localidades galegas “das que agora presume o conselleiro de Medio Ambiente sen ser capaz de recoñecer que quen as puxo en marcha foi o anterior Goberno da Xunta de Galicia”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar