Méndez Romeu: “A Xunta ten iniciado o camiño de desmantelamento do Igape privatizando os seus servizos”

Méndez Romeu: “A Xunta ten iniciado o camiño de desmantelamento do Igape privatizando os seus servizos”

Méndez Romeu: “A Xunta ten iniciado o camiño de desmantelamento do Igape privatizando os seus servizos”

O portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, denunciou hoxe que a Xunta ten “iniciado o camiño de desmantelamento do Igape”. Así o dixo na Comisión de Industria, na que preguntou polo convenio de 18 millóns de euros que “regalaron” á CEG sen concurso público para o fomento da internacionalización do tecido económico galego.

O responsable socialista sinalou que esta operación, executada hai un ano sen publicidade e sen facer público o devandito convenio a día de hoxe, “significa a práctica finalización do Igape no xeito como estaba concibido”. Dixo que a conclusión é que “regalan, privatizan, desbotan, dan de baixa” a rede do ente no exterior que simplemente “deixa de existir” para entregárllela á Confederación de Empresarios de Galicia.

Esta é a conclusión que acadou Méndez Romeu logo de subliñar que o conselleiro de Economía e Industria “adoita falar da internacionalización de empresas como o seu primeiro obxectivo”, e este papel, que ata agora o facía o Igape, é externalizado. A decisión provocará, engadiu, a perda do esforzo na creación de redes de empresarios galegos no exterior, ademais dunha “posible colisión de intereses” co ente empresarial.

Méndez Romeu dixo que “non falamos a mesma linguaxe” cando o director do Igape explicou que concederon o convenio sen concurso público por descoñecer quén podería facelo. Criticou esta actitude e apuntou que “poderían ter pensado no Icex –Instituto Español de Comercio Exterior-” para compartir recursos en lugar de facer desaparecer a rede exterior ou ben “recorrer a oficinas especializadas de training”.

Triste e dramático

Méndez Romeu advertiu que “non son quen de evitar a corrupción logo de que os directivos realizaran operacións escandalosas de financiamento en propio beneficio” provocando “unhas circunstancias tristes e dramáticas non explicadas suficientemente polo goberno”.

O responsable socialista dixo que o goberno galego mantén esta situación sen resolver e “externaliza a parte principal da actividade do ente mentres mantén unha estrutura hipertrofiada no nivel directivo”, aludindo ao director xeral, 5 directores de área, 14 subdirectores e 66 técnicos superiores para unha plantilla total de 138 traballadores.

Sinalou que, mentres, manteñen un “problema engadido” coa paralización dos créditos do Banco Europeo de Investimentos e dedican o 75 por cento das axudas concedidas no último trimestre a proxectos por debaixo dos 7.000 euros, e moitas delas atópanse “por debaixo do custo de tramitación, con proxectos “de 20 euros, 12, 82 ou 250, por citar só algúns exemplos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar