Méndez Romeu: “A Lei de Industria sitúa o territorio industrial ao servizo da especulación co apoio da Xunta”

Méndez Romeu: “A Lei de Industria sitúa o territorio industrial ao servizo da especulación co apoio da Xunta”

Méndez Romeu: “A Lei de Industria sitúa o territorio industrial ao servizo da especulación co apoio da Xunta”

O portavoz de Economía, Industria e Innovación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Luis Méndez Romeu, acusou hoxe ao PP de poñer o territorio industrial galego “ao servizo de quen queira especular” coa “conivencia e apoio da Xunta de Galicia”. Así o dixo no debate da Lei de Política Industrial, que foi aprobada co voto do PP en solitario.

Advertiu que o obxectivo desta norma é a “deslegalización total do territorio” e anticipou que resultará “lesiva para o tecido industrial galego” ao provocar “inseguranza xurídica” obviando as competencias municipais e concedendo ao conselleiro “omnímodos poderes” para declarar proxectos estratéxicos e decidir sobre as declaracións ambientais obrigatorias.

Méndez Romeu criticou que “coa escusa de ser máis áxiles van provocar un limbo legal” ao invadir as competencias dos concellos creando unha “fonte inesgotable de conflitividade industrial”, que “lonxe de acelerar os proxectos vai paralizalos”. Engadiu que a Lei “despreza o imperio da Lei para facer unha Lei ad hoc e concede ao conselleiro o rodillo para eliminar calquera problema que non sexa do seu gusto”.

Lembrou que os indicadores da industria galega son a principal censura contra a política da Xunta nesta materia, cun descenso do Índice de Produción Industrial de 7 por cento, a perda de 30.000 empregos industrial, o concurso eólico e o Plan Galego de I+D paralizados e o Plan Revive da Costa da Morte que “nace morto”.

Criticou que a Xunta utilice o Igape para “conceder axudas ás empresas de quen o dirixía”, logo do cese dun dos responsables do organismo, imputado na Operación Campeón, por conceder presuntamente axudas de 7 millóns de euros á súa muller. Mentres, o papel do organismo para o impulso da industria fica “obviado”, mentres concentra as súas axudas no “comercio polo miúdo” en lugar dos grandes proxectos.

Racha co consenso

O responsable socialista acusou ao PP de aprobar hoxe unha Lei que “racha con calquera intento de concordia e consenso na normativa do solo” poñendo “punto e final a calquera debate que teña posibilidades de atopar un acordo de amplo espectro e longo alcance en materia territorial”.

Méndez Romeu cualificou este texto de “inconsistente” e “baleiro de contido” por canto elude impulsar a produtividade, a calidade, a innovación, os mecanismos financeiros e iniciativas”. Lembrou as críticas do Consello Económico e Social sobre o “reducionismo e ausencia de propostas industriais e prioridades estratéxicas” dun texto que “apártase das recomendacións e informes” ao ser “burocrático e alleo aos interese da nosa industria”.

Advertiu que en lugar de dirixir a Lei a resolver a desertización industrial do territorio galego, quere aprobala para eliminar as trabas legais coas que se atopan os proxectos “amigos” e permitir “recuperar a práctica das subvencións directas”. A realidade é, engadiu, que constitúe “unha promesa baleira” pola “inexistencia de verdadeira política industrial da Xunta.

Como contrapartida, propuxo un total de 77 emendas para mellorar o texto impulsando a coordinación industrial transversal, dotando de contido o Consello Galego da Industria, robustecendo o papel do Parlamento na elaboración do estudo de impacto normativo ou o Plan Director, ou garantindo o respecto ás competencias municipais.

Mondoñedo como metáfora

O responsable socialista dixo hoxe que a situación de Mondoñedo, que ven de perder a súa última factoría industrial –a planta de Ecar- constitúe a “metáfora do que está a acontecer en Galicia”. explicou que na protesta masiva celebrada o luns pasado en defensa desta empresa “estiveron presentes toda a sociedade e os membros do Concello, pero quen non estivo foron a Xunta nin o Igape”.

Advertiu que “semella que, salvo o goberno galego, todos somos conscientes de que o peche significa a extinción da actividade e a desertización industrial completa da comarca”. Mentres, criticou que a Xunta “segue a falar do plan Impulsa Lugo, que debera crear 4.000 empregos en oito anos, 500 cada ano” e veñen de eliminar 62 postos de traballo dunha tacada.

Preguntou ironicamente si a ausencia clamorosa do Goberno galego supón que “entenden como necesario deixar que desaparezan previamente os traballos existentes para levar adiante novos plans” e advertiu que este caso “non é mais que a mostra do ronsel de vilas ou lugares de Galicia que están sufrindo esta situación de peche e desertización” sen que a Lei de Política Industrial vaia evitalo.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar