Méndez Romeu a Feijóo: "É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento de cambiar"

Méndez Romeu a Feijóo: "É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento de cambiar"

Méndez Romeu a Feijóo: "É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento de cambiar"

O portavoz do Grupo socialista, José Luis Méndez Romeu, reclamoulle ao presidente da Xunta unhas políticas "distintas" ás postas en marcha polo PP e que fixeron del "o presidente do paro" por contar con 90.000 parados mais que cando chegou ao goberno en 2009. Na súa intervención no debate do Estado da Autonomía celebrado no Parlamento de Galicia, o responsable socialista dixo que "Galicia necesita outra política. Hoxe quedou demostrado que con vostede nin foi nin será posible. É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento de cambiar".

Intervención de José Luis Méndez Romeu:

Sr. Presidente:

Hai un ano dixemos que o goberno estaba esgotado. A semana pasada deunos a razón cambiando a metade da Xunta. Hoxe recoñeceu ter escoitado o clamor da xente e anunciou un paquete social. Benvida sexa a rectificación. Durante seis anos destrozaron a esperanza de tantisimas persoas golpeadas pola crise, agora reclama fe no futuro mentres ofrece caridade en forma de subsidios múltiples. Moi eclesiástico, tanto como o ataque á igualdade que exemplifica este goberno. 4 mulleres de 11.

Con todo o respecto debo dicirlle que a súa credibilidade está perdida. Demasiadas promesas incumpridas, de creación de emprego, de investimento, de recuperación. Tendo maioría absoluta en case tódalas institucións do Estado e de Galicia, decidiron escoitar pouco e mandar moito. Aprobaron sen dificultades as leis e normas que querían. Durante anos vostedes dixeron que viviamos por riba das nosas posibilidades. Agora moitos viven por debaixo das súas necesidades.

BALANCE

A fenda entre unha minoría beneficiada e unha maioría prexudicada, é maior que antes. Empobreceron as clases medias por primeira vez na historia moderna. Racharon co principio de que cada xeración debe mellorar en rendas e oportunidades. Moitos galegos viven hoxe peor cos seus pais sabendo que os seus fillos poderán empeorar, con salarios insuficientes, traballo precario, con pensións en risco e prestacións sociais minguantes.

Hoxe esforzarse no estudo, non é garantía de traballo. Nin traballar garante un salario suficiente para vivir. Nin pagar impostos garante servizos públicos de calidade. Logo destes anos, a situación económica segue sendo incerta. A situación laboral, lamentable. O retroceso da calidade de vida, enorme. Teño que dicirlle unha vez máis que a recuperación ou é xusta para a maioría ou non é recuperación. É falso que teñamos que elixir entre economía e benestar como é falso que non podamos garantir dereitos sociais conquistados.

FRACASO DA AUSTERIDADE

Rajoy, vostede, e o Partido Popular, decidiron unha estratexia económica, que chamaron austeridade. Dixeron que a economía do país era como unha familia que tiña que pagar débedas reducindo gastos, esquecendo que o gasto público xera ingresos para as persoas, directos e indirectos. A crise foi pagada polos asalariados e os autónomos. Por unha dobre vía: a devaluación salarial e a restrición das prestacións do Estado de Benestar, xa foran pensións, subsidios, menciñas ou becas. Os resultados son notorios. Neste momento o beneficio bruto das empresas é máis elevado que antes da crise, máis incluso que antes da entrada no euro. Polo contrario os salarios retrocederon 20 anos.

Ofreceron ás empresas condicións laborais máis laxas e baixada de impostos, mentres os salarios sufrían a presión fiscal. Por cada cen euros de valor engadido producido, o factor traballo perdeu nove. A produtividade mellorou pola devaluación salarial, non polo investimento de capital, conxelado ata este ano.

A devaluación interna é insostible. Non hai futuro competindo con salarios baixos e precariedade laboral. Sobran países competidores con custos inferiores. Nin é sostible fialo todo ás exportacións e ó saldo comercial favorable sen unha aposta máis forte polo valor engadido, algo que non está ocorrendo. Nin cabe confundirse cos efectos conxunturais de políticas alleas como a depreciación do euro, a caída do prezo do petróleo ou as axudas do Banco Central Europeo

PARO + PRECARIEDADE

Vostede, logo de seis anos, é o Presidente do paro. Temos 250. 000 parados, un cuarto de millón. 90.000 máis que no 2009. Porcentualmente nestes anos o paro aumentou o dobre que en España mentres perdemos o dobre de empregos. Temos menos poboación activa, menos poboación ocupada, menos cotizantes á Seguridade Social. Perdemos a cuarta parte dos empregos industriais e do emprego agrario. En 90000 fogares, un de cada dez, so viven parados. Ese é o seu retrato e o seu balance.

Non son datos. O paro ten rostro. Son persoas que necesitan vivenda, alimentación e vestido, con cargas familiares. Teñen dereitos e deberían de ter unha esperanza que vostedes lles negan. Seis de cada dez non cobran desemprego. Máis da metade son crónicos de longa duración, perderon as prestacións. A Risga chega a unha minoría. Vostede creou unha nova clase social de excluídos. En lugar de afrontalas causas consagran a exclusión asistencialismo a grande escala. Máis axudas e máis xente estigmatizada coa pobreza.

A pesar da propaganda o paro apenas cede. Segundo o último informe de ABANCA sobre a Economía galega, para baixar do 10 por cento de paro, teríamos que medrar 16 puntos máis. Coa súa política non parece probable. No último ano medramos medio punto, a terceira parte da media española.

A cántos anos fían a recuperación Sr. Feijoo?

Vostedes mentiron gravemente. Prometeron que a reforma laboral remataría coa precariedade. Foi o revés. Os novos contratos son case sempre precarios. A duración media é de 54 días. A cuarta parte duran menos dunha semana. A metade dos xóvenes que traballan están en precario. A metade dos asalariados galegos teñen un salario menor de mil euros e un terzo gañan menos do salario mínimo.
Pode facerse unha idea das dificultades no día a día de tantísimas familias?

PENSIÓNS EN RETROCESO

Eses niveis salariais e de precariedade terán consecuencias nas pensións. Están liquidando o Fondo de Reserva mentres baixan os ingresos por cotizacións. Non é difícil prever cara onde nos levan. Temos as pensións máis baixas do Estado, as conxelaron por lei e as desvincularon do IPC, restando poder adquisitivo. Os emigrantes pensionistas son un exemplo extremo de insensibilidade. Tiveron que protestar durante dous anos para que o goberno comezara a corrixir actuacións inxustas e desproporcionadas. E aínda quedan miles de casos sen resolver.

CRISE DAS PRESTACIÓNS SOCIAIS

Gastamos menos en dependencia ca maior parte das comunidades e temos unha lista de espera maior, 27.000 persoas. Só neste ano, mil persoas co dereito recoñecido, morreron antes de recibir prestacións. Reduciron a demanda revisando de oficio os beneficiarios e creando un labirinto burocrático para desanimar ós solicitantes.

Recortaron 800 empregos en centros sociais, baixaron orzamentos e subiron taxas, obrigando a moitas persoas a abandonar residencias e centros de día. Favorecen a privatización, concentrada en catro empresas, mentres dificultan que as entidades de iniciativa social poidan xestionalas. As ratios de prazas residenciais para persoas discapacitadas, centros de día, residencias de maiores, son peores ca media do Estado.

Son algúns datos da situación social. O gasto social baixou 1.150 millóns de euros anuais. Por iso moitos galegos votan cos pes, marchando do país. Fundamentalmente persoas novas e cualificadas, agravando a sangría demográfica. Vostede quere freala recuperando un cativo cheque bebé.

Lembra as súas críticas contra Zapatero?

FISCALIDADE REGRESIVA

O Partido Popular é abandeirado da desigualdade. É o seu sinal de identidade. Fixeron unha reforma fiscal regresiva, á medida das rendas máis altas. En Galicia as rendas baixas e medias pagan máis impostos ca media estatal mentres as clases altas pagan menos ca media.

Agora baixarán dous puntos no IRPF,
Da totalidade da declaración ou dos doce mil primeiros euros? , Linealmente, para os que máis gañan e para os que menos?.

E nada para os que non tributan por renda pero soportan taxas, copagos, novos impostos na factura da luz e do gas, da auga e do lixo, nos combustibles, nos medicamentos e nos servizos sanitarios ou sociais e dúas subas do IVE?

Noutras Comunidades faise de xeito progresivo, Andalucía por exemplo rebaixará dous puntos a tódalas rendas inferiores a 60000 euros e adaptará os tramos para manter a progresividade. Vostede sempre afondando na desigualdade.
Será porque hai eleccións ou porque non necesitan ingresos?
Pode explicar cantos médicos deixarán de contratar con ese aforro ou cantas prazas en centros de día deixarán de atender?

Por certo debería de explicar como cadran as contas si aumentan gastos, reducen ingresos e non poder emitir débeda.

Fiscalmente, ademais de inxustos son erráticos. Aumentaron a fiscalidade sobre a vivenda, eliminaron a desgravación por compra e incrementaron o valor catastral revisando valores e con tipos máximos. A súa política fiscal resúmese en dureza cos honrados, asalariados e pensionistas e benevolencia para os defraudadores que son amnistiados.

CONTRA DA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

Non cren na igualdade de oportunidades. A terceira parte das persoas de 25 a 34 anos só teñen estudos primarios ou de ESO. Poucos países presentan datos peores. Para converxer cos países punteiros precisariamos arredor de 250.000 novos empregos de técnicos e profesionais con nivel de bacharelato ou formación profesional superior. Sen embargo non aproveitan o elevado paro para incrementar a cualificación. Optan por algo máis fácil e menos útil, a LOMCE, unha lei ideolóxica na que evitaron discutir problemas e solucións e rexeitaron consensos sociais ou políticos. Implantaron o que non existe en Europa, reválidas selectivas temperás e obviaron o que alí funciona, orientación ó éxito das persoas.

Crearon a Formación Profesional Básica sen un euro para equipamento ou material e sen regular o título final, asumindo que non vale para nada. A FP Dual galega representa menos do 1% de España. Canto ó ensino de idiomas, os últimos datos do Ministerio son desoladores para esta Comunidade.

Temos o dobre de abandonos escolares prematuros que na maioría dos países avanzados, menos que nas Comunidades con inmigración pero moitos máis que nas comunidades referentes en educación. Temos o tripla de fracaso escolar que na OCDE. Ademais de despilfarrar recursos, estamos abandonando a un elevadísimo numero de estudantes, que, non é casual, proceden dos niveis socioeconómicos máis febles. É falso que debamos optar entre equidade e excelencia. Podemos e debemos ofrecerlles mellores oportunidades de igualdade coas medidas probadas noutros países.

O mellor indicador da igualdade de oportunidades é o número de becas. Co goberno Zapatero o número de becas medrou un 76%. Co goberno Rajoy as becas estatais en Galicia baixaron un 21% en contía e un 6% en bolseiros. E as becas galegas baixaron un 23% e a metade non se executa.

INEXISTENTE POLÍTICA EMPRESARIAL

As hemerotecas están cheas de declaracións súas e promesas de investimentos, de oportunidades económicas, de creación de emprego. Os datos publicados o deixan en mal lugar. No ano 2014 o investimento estranxeiro en Galicia baixou un 77%, descontando ás entidades de tenencia de valores ou instrumentais. Decimoterceira posición, en España, cun cativo 0´3%, mentres en España medraba case un 10%. Indica que dende fora temos pouco atractivo. No Índice de competitividade rexional da Unión europea estamos na posición 182. A 60 postos nada menos dunha comunidade semellante en moitos aspectos como a Bretaña francesa.

A semana pasada un informe do Banco Mundial subliñaba que as facilidades para facer negocios en España son peores que en Macedonia e dentro das Comunidades Autónomas Galicia a que presenta máis dificultades.
De que serviron as leis que aprobaron desoíndo a demanda de rigor que faciamos dende a oposición?

Eses informes subliñan o que debemos facer, incrementar a penetración das novas tecnoloxías na produción, mellorar a calidade do mercado laboral e o esforzo en I+D. En lugar de seguir esas directrices europeas, contratan empresas para captar investimentos asumindo que os 18millóns de euros regalados á Confederación de empresarios sen concurso público foron un fracaso. En I+D, recortan, escandalosamente no senso contrario a Europa.

O exceso de propaganda vólvese contra vostedes. En colaboración co Ministerio de Industria, convocaron nos tres últimos anos 137 millóns de euros en axudas á industrialización das comarcas de Ferrol – Eume – Ortegal. Concederon 13 millóns de euros, o 10%. Si entramos no detalle, algunhas actuacións ilustran o chamado capitalismo de amiguetes.

Hai unha oportunidade que non deberiamos desperdiciar como país. A Comisión Europea prepara un Plan de Estímulo económico con 300.000 millóns de euros en tres anos, Aproximadamente corresponderán 1500 millóns de euros a Galicia. Fágolle unha proposta. Deseñemos, co concurso dos axentes sociais e dos expertos, un Plan Global que defina prioridades e obxectivos, evitando os erros que denunciamos no Plan Estratéxico Galicia 2010 e que desgraciadamente foron confirmados logo.

POLÍTICA AGRARIA INÚTIL

Vostede acaba de asumir o fracaso da política agraria. Tardou anos en entendelo porque non lle gusta escoitar. O sector leva moito tempo dicindo que todos e cada un dos subsectores agrarios son hoxe menos competitivos, teñen menos emprego, e arrastran os mesmos problemas estruturais. E algo máis, que cando tiveron problemas conxunturais nunca contaron co apoio da Consellería, reducida a xestionar fondos europeos, sen ningún tipo de orientación estratéxica.

Defendemos o que vostede nega. Si temos máis da metade da produción, mais do 60% dos gandeiros, mentres España importa leite, temos que liderar unha estratexia de protección do noso mercado. Facelo co sector pero lideralo porque ademais do valor económico é o principal eixo de vertebración do mundo rural. Sabendo que para reducir custos de produción no sector leiteiro é imprescindible incrementar nun 50% a superficie agraria útil mediante arrendamentos, tardaron seis anos en aprobar a Lei de Mellora da Estrutura Agraria. Non aceptaron ningunha aportación nin suxerencia. Nin fixeron nada para aplicala.

SEN POLÍTICA FORESTAL

Igual ocorre coa política forestal, subordinada cando non fagocitada polo dispositivo contraincendios, en prexuízo do sector produtivo. O 30% da superficie forestal é improdutiva. O minifundio da propiedade dificulta unha xestión eficiente. Así, fronte a outros países, temos unha taxa de certificación moi baixa. Faltan incentivos fiscais, préstamos para investimento, fondos de investimento forestal, servizos de apoio.

PESCA EN CRISE

Na pesca temos unha conflitividade sen precedentes en demanda de repartos máis xustos das escasas posibilidades de pesca. Os TAC´s e cotas son insuficientes para garantir a actividade da flota, do cerco ou volanteira. Os acordo con terceiros países derivaron na expulsión da flota de Mauritania e na imposibilidade de acudir a Marrocos.

No marisqueo, os episodios de biotoxinas provocan alertas sanitarias no sector do mexillón debido principalmente ós recortes en investigación. As autorizacións marisqueiras atópanse abandonadas. A falta de controis sanitarios sobre bivalvos importados, especies invasoras e parasitos provocan caídas da produción como acontece no mellor banco da Ría de Arousa, pechado nesta temporada. E as confrarías soportan o retraso no pagamento das axudas por vixilancia e a asistencias técnica.

Ningunha actuación de acuicultura en terra. No emprego, desapareceron a quinta parte dos afiliados ao Réxime do Mar e 600 mariscadoras.

XUNTA INEFICIENTE

O seu goberno funciona pouco e mal. Vostedes clamaban contra a débeda que herdaron. Eran 4.000 millóns de euros e a incrementaron un 250% ata dez mil millóns. Máis 1.500 millóns de euros do hospital de Vigo. A execución orzamentaria no pasado ano foi das peores de España, cinco puntos menos da media. Simplemente igualando esa media o PIB galego igualaría á media española. Non o fixeron e tivemos o peor dato de crecemento.

Levamos seis anos con investimento mínimo. Paralizaron todo tipo de proxectos en estradas. Unha lista interminable, en tódolos puntos cardinais. Se resume nun dato, baixaron un 93% en licitación. Esqueceron, unha vez publicitado, o Plan Move, no que prometeron investimentos e miles de empregos, como no concurso eólico. Respaldan a ralentización do AVE, que retrasa investimentos e segue con tramos indefinidos. Non avanzaron nos accesos ferroviarios ós portos de interese xeral. Os aeroportos seguen coa descoordinación habitual.

MOBILIDADE ABANDOADA

Logo de seis anos debería de explicar por qué temos os carburantes máis caros que no resto de España, consecuencia en parte do recargo da Xunta. Ou por qué as tarifas da autopista A-9 son das máis caras de España, para transportistas e para viaxeiros.

Para iso prorrogaron a privatización ata 2048?

Non están por mellorar as condicións de vida e de traballo das persoas. Suprimiron rutas e frecuencias no transporte publico, adiaron indefinidamente o metro lixeiro das cidades, paralizaron a intermodalidade. Non integraron liñas de transporte urbano e interurbano en ningunha área metropolitana, nin crearon estacións intermodais.

NIN URBANISMO NIN VIVENDA

Fixeron unha lei de estradas e o ano seguinte a cambiaron por completo. Aprobaron as Directrices de Ordenación do Territorio e tres anos despois non aprobaron ningún dos plans previstos, que nin están redactados. Propoñen unha lei do solo, totalmente insuficiente e que non arranxa a situación dos milleiros de persoas que viven nos núcleos costeiros tradicionais. O goberno Rajoy legalizou once áreas na costa española, mesmo algunhas dubidosamente históricas pero esqueceron tódalas galegas. Vostede aceptouno.

É difícil pensar que vostedes traballan para o interese xeral e non para a suma de intereses particulares. Nestes anos, 12.000 familias foron desafiuzadas por impagamento do aluguer. Vostedes non iniciaron ningún programa de construción Nin desenvolveron o Plan Nacional de vivenda. Mesmo abandonaron a rehabilitación do parque existente.

SANIDADE, MÁXIMO MALESTAR

O malestar coa política é constante. Multitude de protestas masivas como non se deron en ningún outro problema. Conflitos por recorte de dereitos, redución de medios humanos e clínicos, privatizacións. Cando vostedes chegaron había un sistema modélico a escala mundial. Totalmente sostible financeiramente. Empeñados en abrir portas ó negocio, o están transformando aceleradamente. Hoxe a sanidade é menos pública, menos universal, menos gratuíta. Consecuencia de suprimir máis de 400 millóns de euros anuais e reducir plantillas. De privatizar servizos a gran escala e introducir copagos. Mesmo restrinxiron o acceso a medicamentos imprescindibles para a hepatite ou as vacinas. Anuncian cheques para cueiros mentres eliminan pediatras.

Triplicaron o custo do hospital de Vigo, unha operación na que so gaña a empresa adxudicataria. Perden os doentes, os vigueses, os profesionais, a Administración. Din que tiveron un problema de comunicación en Vigo. Equivocase, os cidadáns entendérono perfectamente e por iso se manifestan. En cambio, a medicina privada vive un momento doce. Medra en pólizas e primas, crean novos servizos. Os cidadáns están asumindo que o sector público xa non cubre as súas necesidades.

Unha política alternativa na sanidade é posible. Recuperando o nivel de recursos económicos e humanos. Rematando coas privatizacións. Respectando aos profesionais. Asumindo o financiamento publico dos fármacos hospitalarios.

TRANSPARENCIA INSUFICIENTE

Na loita contra a corrupción necesitase máis que un cambio lexislativo. Deben cambiar as actitudes. Sobre a transparencia, escribiu Bentham, “canto máis te observo, mellor te comportas”. Aínda estamos agardando documentación ou explicacións de asuntos que afectan ó seu entorno persoal e ao Partido que dirixe. Asuntos que están en sumarios xudiciais cheos de declaracións sorprendentes.

Dicía Jefferson que a arte de gobernar redúcese á arte de ser honesto. Honestidade é tamén desvelar os intereses presentes na política sanitaria, por exemplo nos concursos dos hospitais ou das ambulancias. E os intereses das empresas adxudicatarias de obras e concesións coas que logo comparte mesa.

GALICIA MINÚSCULA

Un ano levan os seus pedíndolle que se presente de novo. E un ano leva vostede fuxindo do compromiso mentres se postula como sucesor de Rajoy en tertulias e tribunas. Hoxe abundou nesa ambigüidade. Comprendo a súa resistencia. Sabe mellor que ninguén as hipotecas enormes que deixa. O que non é comprensible e que elixira desempeñarse como xefe político antes que como Presidente. En cada problema onde as necesidades do país reclamaban solucións propias, vostede cedeu como si fora o Delegado do goberno e non o líder dun país. Na reforma eléctrica, no leite, na pesca do cerco, na lei de costas, abandonou os seus concidadáns para alinearse co seu grupo político. En ningún deses problemas intentou propoñer solucións, aunar vontades, prever o futuro.

É triste dicilo pero calquera dos Presidentes anteriores tiña unha idea máis clara do carácter singular da autonomía galega. Non abonda con chamarse nacionalidade histórica, hai que exercer como tal. Con vostede Galicia está en minúsculas dentro de España, ten un peso irrelevante no Goberno central.

ESPAÑA: SEN VISIÓN GLOBAL

Vostede é dirixente nacional do PP. A súa política territorial é acudir constantemente ó Tribunal Constitucional. O goberno Aznar foi o dobre de veces que o goberno Zapatero. En catro anos, o Goberno Rajoy xa foi máis veces que o anterior goberno en oito anos. É imposible que un Estado complexo e plural funcione nos Tribunais. Entendemos que é difícil entenderse con Gobernos empeñados na ruptura. Pero na medida en que están lexitimados polas urnas so caben solucións políticas baseadas no diálogo, na cooperación e no mutuo interese. Substituílas pola forza da lei exclusivamente, non é o mellor camiño. Lembre a Montesquieu, “unha cousa non é xusta polo feito de ser lei, debe ser lei porque é xusta”.

O rupturismo ven do Goberno catalán, non da sociedade. Unha comunidade que representa o 20% do PIB español e o 16 % da poboación merece algo máis que acoso institucional. Azaña, quen sabía do que falaban pois viviu sendas proclamacións de independencia de Macíá e de Companys, defendía que “unha política intelixente pode crear formas satisfactorias de convivencia nacional utilizando a razón creadora que non está reñida coa tradición española”. O PP optan por rachar pontes de diálogo que tiñan décadas e que agora, haberá que reconstruír nun escenario máis polarizado e con maior desconfianza como vén de dicir Pedro Sánchez. Coacción e ameazas nunca son solucións. Non abonda con explicar o frío de fora, hai que facer sentir o calor de dentro.

FINAL

Vostede leva moito tempo mirando cara atrás. Montaigne escribiu que “podemos lamentar non vivir en tempos mellores pero non podemos fuxir do presente”. O pasado é territorio da historia, a política faise no presente.

Vostede fala para os seus e para a minoría privilexiada da que quere formar parte. Nós non queremos esa sociedade.

Os socialistas defendemos unha política con prioridades distintas. Que non deixe a ninguén atrás.

Que acabe coa precariedade e a devaluación salarial, derrogando a reforma laboral.

Que apoie á industria, con máis financiamento e innovación para competir en valor engadido e non en baixos salarios.

Que compita en valor engadido, con máis gasto educativo, máis becas, mellor Formación Profesional, políticas de emprego máis eficaces e apoiando a reinserción laboral da mocidade.

Que devolva ós cidadáns en forma de servizos públicos e prestacións o que aportan en traballo e impostos.

Cunha reforma fiscal progresiva, sen amnistías.

Galicia necesita outra política. Hoxe quedou demostrado que con vostede nin foi nin será posible. É irrelevante que quede ou marche. Rematou o seu tempo. É momento de cambiar.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar