Méndez censura a complicidade da Xunta no recorte de competencias e de autonomía local a través da “lei parche” derivada da entrada en vigor da racionalización da Administración local

Méndez censura a complicidade da Xunta no recorte de competencias e de autonomía local a través da “lei parche” derivada da entrada en vigor da racionalización da Administración local

Méndez censura a complicidade da Xunta no recorte de competencias e de autonomía local a través da “lei parche” derivada da entrada en vigor da racionalización da Administración local

O portavoz, Méndez Romeu, defendeu en Pleno o voto contrario do PSdeG ao ditame dunha lei que é “unha mala norma”, con carácter transitorio, e “con ribetes de inconstitucionalidade” e que creará unha conflitividade laboral extrema

Méndez acusou ao PP querer “limitar a capacidade política dos concellos e adoptou este camiño”, a lei 27/2013 expropia as competencias dos concellos, algunhas as que máis valoran os cidadáns e de crear un sistema que “reduce á nada a capacidade de xestión, planificación e de autonomía dos propios concellos”

Santiago, 27 de maio de 2014. O portavoz socialista, José Luis Méndez Romeu, defendeu o voto contrario do seu grupo parlamentario ao ditame elaborado pola Comisión 1ª sobre o Proxecto de lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local. Salientou o caracter “transitorio” desta lei, “un parche xurídico para tentar paliar o grave problema creado pola lei 27/2013”.

Ante a imposibilidade de modificar a lei estatal, a norma galega “tenta solucións operativas ante un posible caos na prestación dos servizos nos concellos”. Unha lei “para ir tirando”. Méndez Romeu censura que baixo ese carácter provisorio se “está cambiando o sistema competencial de xeito moi restritivo”, porque a lei 27/2013 fixo un “retrancamento das competencias municipais ou, máis propiamente das materias sobre as que os concellos exercen competencias”, dixo o portavoz socialista.

O Goberno Rajoy quería “recortar a autonomía política dos concellos”, acusou Méndez, e o fixo “recortando o seu ámbito de actuación”. Explicou o parlamentario socialista que o traspaso dos servizos sociais, de saúde pública e de educación á Comunidade de Galicia “representa cercenar o 12% dos orzamentos dos municipios galegos, a oitava parte da actividade municipal vai ser expropiada en favor da autonomía e ata agora ninguén do Goberno central ou autonómico non foi quen de explicar a mellora que vai representar para os usuarios, para a calidade do servizo”.

Denunciou a falta de estudos ou informes previos que avalen esas necesidades. Méndez apelou ao artigo 9.3 da Constitución, que prohibe a arbitrariedade dos poderes públicos, e “aínda non existe xustificación da reforma, nin un libro branco previo, nin memoria analítica ou a demostración dunha demanda social que xustificara o cambio” das competencias. Acusou ao PP de querer “limitar a capacidade política dos concellos e adoptou este camiño”.

Méndez Romeu censurou que tanto a norma estatal como a galega non abordaron “ningún dos grandes problemas do municipalismo”, dos que citou a planta local, o financiamento, as formas de xestión, a necesaria modernización estrutural ou a singularidade no exercicio de determinadas competencias. “Por non falar do problema das deputacións provinciais, tan carentes de espazo propio na actual estrutura territorial de España e de Galicia”, engadiu.

Afirmou tamén que “non existe déficit financeiro nos concellos, nos galegos non por suposto, que xustifique” esta norma que hoxe se aproba. A adaptación do marco legal dos concellos á estrutura autonómica do Estado tampouco foi plantexada, segundo o voceiro socialista.

Méndez Romeu anunciou que o seu grupo “non será cómplice do desenvolvemento dunha mala norma xeral cunha mediocre lei autonómica”. Esta lei habilita á Xunta para poder delegar por decreto competencias ata agora atribuídas aos concellos por lei.

Tamén queda en mans da Xunta a apreciación da existencia de duplicidade na prestación de competencias. Méndez salienta a “confusión e sesgo interesado entre complementariedade e duplicidade, polo que asistimos á supresión da autonomía municipal para apreciar e atender áreas do servizo público indebidamente atendidas dentro do marco legal competencial”.

UN TEXTO QUE ROZA A INCONSTITUCIONALIDADE

A apelación da portavoz popular, Paula Prado, á existencia dunha lei semellante en Andalucía foi reprochada polo voceiro socialista. Méndez salientou diferenzas notables entre ambos textos, nomeadamente a definición que se fai de como interpretar as duplicidades “moi distinta á que se propón en Galicia”.

Méndez instou a Prado a facer como en Andalucía e “convidar ao resto de grupos a un consenso para presentar un recurso diante do Tribunal Constitucional como alí se fixo”. Propúxolle facer unha proposta in voce en este sentido, aproveitando a presenza do conselleiro de Presidencia.

Recordoulle que a lei 27/2013 non ha demandou ningún concello, foi unha “imposición unilateral do Goberno” de Rajoy da que se van pagar as consecuencias en moitas corporación durante moito tempo. “Fixeron unha mala norma”, acusou aos populares, “con ribetes de inconstitucionalidade e o tribunal terá que pronunciarse, que creará unha conflitividade laboral extrema e expropia as competencias dos concellos, algunhas as que máis valoran os cidadáns e crean un sistema, coa norma galega, que reduce a nada a capacidade de xestión, planificación e de autonomía dos propios concellos”.

Para o portavoz parlamentario esta norma é un exemplo máis da “gobernanza que a maioría impón en Galicia, de costas á realidade, atenta a manobras e criterios de propaganda para convencer ás autoridades de Bruxelas pero en modo algún respectuosas nin co marco competencial dos concellos nin coas necesidades dos cidadáns”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar