Meirás debe volver a titularidade pública sen compensar á familia Franco

Meirás debe volver a titularidade pública sen compensar á familia Franco

Meirás debe volver a titularidade pública sen compensar á familia Franco

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe a reversión do Pazo de Meirás á titularidade pública “sen compensación á familia Franco”, os actuais propietarios. O responsable socialista presentou hoxe a proposta socialista para constituír unha comisión técnica con participación de historiadores e xuristas para explorar as vías para recuperar o inmoble.

A proposta socialista propón un órgano liderado pola Xunta e no que tamén participen os concellos de A Coruña e Sada, así como a Deputación Provincial, para analizar as condicións na que se produciu a doazón orixinalmente. O responsable socialista sinala que “a información que nos chega é que se produción sen voluntariedade, con coaccións, imposta pola Falange, no contexto dun golpe de Estado e con autoridades ilexítimas.

O responsable socialista propuxo explorar tódalas vías para reverter este ben á titularidade pública sen que iso supoña compensar á familia que actualmente desfruta del a consecuencia dun acto ilexítimo que foi “unha doazón imposta por coacción”.

Ademais reclamoulle á Xunta que aplique “a sanción máxima posible” polo novo peche das portas do Pazo ás visitas ao público, en contra da Lei de Patrimonio Público de Galicia. O Executivo, dixo, debe ter en conta os incumprimentos reiterados das obrigas da familia, que considera “unha burla á sensibilidade democrática da inmensa maioría da cidadanía de Galicia”, para ofrecer unha resposta “proporcionada, firme e consensuada”.

Finalmente, puntualizou que “non é admisible facer apoloxía da ditadura, e moito menos facelo a partir de posicións toleradas pola nosa sensibilidade democrática”. Aludiu así a que a apertura do inmoble sen realizar apoloxía do Franquismo “non se consegue se é a Fundación Franco a que se ocupa de organizar as visitas”.

Concerto económico

O portavoz socialista anunciou ademais o voto en contra do Grupo Socialista da toma en consideración da proposición de Lei presentada polo BNG para pedir o concerto económico para Galicia e que se debaterá mañá. Fernández Leiceaga dixo que a proposta resulta “politicamente inoportuna, legalmente imprudente e insensata dende o punto de vista económico e financeiro”.

Explicou que a proposta “debilita a posición de Galicia no debate de financiamento autonómico e desvía a atención sobre o esencial, ao obviar a cobertura das necesidades de gasto”. Sinalou que supón concederlle argumentos a “aqueles que queren menos solidariedade e menos capacidade para cubrir as necesidades de gasto”, e acusa ao BNG de actuar como “axente das comunidades autónomas con maior capacidade tributaria”.

Criticou que “xera confusión ao mesturarse coas augas revoltas do desafío catalán”, e reclamou a “defensa no cumprimento da norma, en vez de actuar coma se esta non existira”. Puntualizou que se trata dunha proposta “imprudente” por canto “carece de encaixe constitucional e ten un encaixe estatutario extremadamente complicado”.

Finalmente, sinalou que “causa máis problemas dos que resolve” ao impoñer o principio de autonomía financeira aos principios de equidade e suficiencia”, e polo tanto retirándolle tódolos ingresos á facenda central, provocando unha perda estimada en máis de 1.000 millóns de euros de ingresos para Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar