Meijón denuncia que o goberno trata de ocultar a discriminación orzamentaria do estado á RAG

Meijón denuncia que o goberno trata de ocultar a discriminación orzamentaria do estado á RAG

Meijón denuncia que o goberno trata de ocultar a discriminación orzamentaria do estado á RAG

"O subsecretario de Estado afirmou de forma bochornosa que o Ministerio realizou un 'desconto lineal' dun 15% ás Reais Academias cando a realidade é que o 'axuste' á Real Academia Galega é dun 60%"

Meijón incide en que "O Ministerio de Educación volve discriminar á RAG e reverte a situación á que chegou o Goberno Socialista de igualar as partidas orzamentarias das Reais Academias Galega, Vasca e Catalá"

O deputado socialista por Pontevedra e vogal na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados, Guillermo Meijón, denuncia que "o Subsecretario de Estado de Educación na súa comparecencia esta tarde no Congreso para explicar os Orzamentos do Estado de Educación para 2012- afirmou de forma bochornosa que o Ministerio de Educación realizou un 15% de desconto lineal ás Reais Academias Galega, Vasca e Catalá co fin de realizar un 'axuste' que permitise a estas entidades continuar co exercicio das súas funcións".

Meijón afirma que "a terminoloxía de chamar 'axuste' ao recorte non deixa de ser rechamante pero, ademais, é sorprendente que o Subsecretario aluda a un recorte lineal do 15% en todas as Reais Academias, cando a realidade é que a redución realizada no Orzamento do Estado para a Real Academia Galega respecto de 2011 supera os 600.000 euros, o que supón a 'grosso modo' un recorte do 60%".

"O Ministro de Educación -sostén- discrimina á Real Academia Galega revertendo a situación á que se chegou co Goberno Socialista de igualar a cantidade orzamentaria do Estado para a Real Academia Galega coa que xa recibían as Reais Academias Vasca e Catalá".

Deste xeito, engade Meijón, "Wert volve a efectivizar unha diferenza intolerable ao consignar, nos Orzamentos Xerais do Estado 2012, tan só 380.840 euros á Real Academia Galega mentres que a Catalá ten consignados 761.650 euros e a Vasca dúas partidas que ascenden a un total de 705.590 euros".

"Poderiamos pensar que é o Ministro Wert o culpable do vergoñoso bochorno polo que estarán a pasar o Presidente Rajoy ou a Ministra Pastor, pero a cidadanía galega sabemos ben que no ADN do actual PP está instalado desde hai tempo o propósito de minguar os recursos públicos destinados á lingua galega ao mínimo co fin de que morra de inanición" -critica.

Para Meijón, "a redución do 60% que realiza Rajoy nos recursos que destina o Estado á Real Academia Galega casa moi ben co 53,84% de 'axustes' realizados polo Presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo, e o Conselleiro Jesús Vázquez, que provocaron que as partidas económicas para a nosa lingua nos orzamentos da nosa Comunidade Autónoma pasasen de 21,3 millóns de euros a tan só 9,9".

"As comparecencias dos responsables do Ministerio de Educación traducíronse nun exercicio de hipocrisía financeira e enxeñaría conceptual nun van intento de justificar o inxustificable". "En Galicia xa coñecemos ese conto de facer máis con menos; menos para a escola pública e máis para fortalecer a privatización do ensino" -denuncia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar