Meijón considera o Plan de Infraestruturas "un fracaso para Galicia"

Meijón considera o Plan de Infraestruturas "un fracaso para Galicia"

Meijón considera o Plan de Infraestruturas "un fracaso para Galicia"

O deputado socialista por Pontevedra e Secretario Xeral Local do PSdeG de Pontevedra, Guillermo Meijón, considera que o Plan de Infraestruturas, Transportes e Vivenda, presentado hoxe pola Ministra Pastor no Congreso "non pasa de ser un fracaso para Pontevedra e para Galicia".

Meijón indica que "Pastor escenificou hoxe no Congreso, coa presentación do PITVI, un engano máis do PP e do Goberno aos cidadáns pontevedreses e galegos antes das próximas eleccións en Galicia".

O socialista pontevedrés apunta que "a Ministra presentou un Plan que non é senón un catálogo de xeneralidades que non concreta nin obras, nin prazos de execución, nin datas de licitación, nin investimentos". "Todo un exercicio de demagoxia, con principios xerais sen ningún tipo de substrato económico que esconden a intención de Pastor de gañar tempo e ocultar a falta de investimentos e que non se corresponden en absoluto coas grandilocuentes expectativas que a propia Ministra xerou respecto a este Plan".

"Ana Pastor non foi capaz de responder a ningunha das preguntas concretas formuladas polos socialistas acerca do grao de execución do seu ministerio en Galicia a día de hoxe, por exemplo na AVE, e tampouco sobre as negociacións para rebaixar unhas peaxes que fatalmente subiron as súas tarifas, ou sobre cando será a licitación da nova autovía entre Vigo e Pontevedra" -incide.

Especialmente critica Meijón que, "no mapa de alta velocidade incluído na documentación xenérica do PITVI que entregou esta tarde a Ministra aos deputados, non aparece o tramo de AVE Cerdedo-Pontevedra-Vigo, a pesar de que Pastor anunciou a bombo e prato esta mesma mañá a inclusión deste". "A defensa da Ministra de que está nos anexos é algo que só poderemos comprobar cando teña a xentileza de entregalos.

"Hoxe non foi capaz de facelos públicos; tal vez sexa por tratar de arranxalos e introducir unha variante de Cerdedo que non figura na presentación que hoxe expuxo ante a Comisión”, engade.

Sobre este punto, incide en que "quizais a causa do esquecemento sexa culpa dun triunfo anterior de Feijoo". Así, recorda que o pasado mes de maio o presidente da Xunta xa sostivo que o trazado da AVE por Cerdedo non debería ser prioritario e que xa entón tanto Meijón como o alcalde de Vigo, Caballero, alertaron do perigoso da petición de Feijoo e pediron a súa rectificación.

"Todo fai sospeitar que a Ministra fixo caso a Feijoo e que a proximidade das eleccións galegas levaron a Pastor a realizar esta mañá o anuncio", asegura.

Ademais, o deputado socialista pontevedrés reivindica que "Pastor debe responder se rebaixará, como prometeu, as peaxes en Pontevedra e en Galicia e ten a obriga de aclarar que infraestruturas realizará, ou paralizará, o seu Ministerio,". "Tamén, con Feijoo, terá que dicir en que quedou o Pacto do Obradoiro.

"Non obstante, -lamenta- ningunha resposta". "En definitiva, a presentación do PITVI de Pastor é un engano máis aos cidadáns pontevedreses e galegos antes das eleccións" -incide. "Nuns días, nos Presupostos Xerais do Estado, teremos máis baño de realidade" -advirte.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar