María Pierres lamenta que en materia de igualdade "uns poñamos disposición mentres outros se empeñan en tirar todo abaixo"

María Pierres lamenta que en materia de igualdade "uns poñamos disposición mentres outros se empeñan en tirar todo abaixo"

María Pierres lamenta que en materia de igualdade “uns poñamos disposición mentres outros se empeñan en tirar todo abaixo”

A deputada socialista María Pierres apelou esta mañá, no marco da presentación do Informe anual 2016 sobre a situación da violencia de xénero en Galicia, á unidade de tódolos grupos políticos para poder “solventar dun modo máis eficiente a difícil tarefa de afastar de nós un problema como é a violencia de xénero”.

Sen embargo, tivo que criticar que o PP “antepón os intereses do seu partido ós de moitas galegas” ó rexeitar un Plan de emprego feminino proposto polos socialistas para “defender a dous dos seus que atentaron contra á dignidade das mulleres”, en referencia ás actuacións claramente machistas de José Manuel Baltar e o alcalde de Noia, Santiago Freire. Nesta liña, lamentou que en materia de igualdade “uns poñamos disposición mentres outros se empeñan en tirar todo abaixo”.

Pierres solicitou ó goberno galego que aporte “máis datos desagregados nos informes sobre violencia de xénero” para “debuxar mellor o panorama ante o que nos encontramos”, e insistiu na importancia de “empregar unha linguaxe correcta” nun asunto tan grave: as vítimas “non son mulleres mortas, senón mulleres asasinadas.”

“O dato das mulleres asasinadas non é o único dato que nos debe preocupar...todas as violencias, aínda que non provoquen a morte son preocupantes” engadiu, insistindo na importancia de realizar un seguimento de “cántas mulleres sofren violencia psicolóxica, cántas no ámbito doméstico, cantas no ámbito do traballo”.

A deputada recalcou a importancia de poñer os plans para previr a violencia de xénero “nun primeiro plano orzamentario”, criticando que o  Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 nin sequera conta cun orzamento específico, o que está a provocar “un retraso, de alomenos un ano, do fomento da coeducación, da igualdade, da diversidade, da transmisión de valores, e da integración na formación dos menores”.

Por este motivo pediu “ambición” na aplicación de este Plan, que debería chegar a 380.000 alumnos e alumnas de 1400 centros, pero ”non supera as 50 prazas por provincia e ano escolar”, supoñendo unha medida “claramente anecdótica e gravemente insuficiente”. Así, recordou que “ano que pasa, ano que se alonga a batalla da desigualdade e da violencia de xénero”.

Pierres apuntou a esa mesma insuficiencia no Plan de Formación para persoal no ámbito da Administración pública 2016, co que se formou en materia de igualdade a tan só a 994 funcionarios dun total de 86.000, e esixiu datos sobre outros programas como o Protocolo de Prevención, detección e tratamento do acoso escolar e ciberacoso, o Plan de Igualdade laboral, ou o funcionamento dos CIMs.

Nesta liña recordou que o PSdeG vén de presentar unha iniciativa para a creación dun Plan de carácter transversal de formación de todos os profesionais implicados na atención as vítimas de violencia de xénero, entendendo que “a transversalidade é necesaria e o aproveitamento dos recursos imprescindible”.

Patricia Torres

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar