Manifesto polo Día Internacional das Mulleres Rurais PSdeG-PSOE

Manifesto polo Día Internacional  das Mulleres Rurais PSdeG-PSOE

Manifesto polo Día Internacional das Mulleres Rurais PSdeG-PSOE

urbanismo ruralAs mulleres que residen nos pobos de España supoñen o 20,23% da poboación. Mulleres que teñen dificultades engadidas ás carencias en igualdade entre mulleres e homes do conxunto do territorio. Iso é debido ás condicións específicas do propio medio rural, tales como masculinización da actividade agraria e pesqueira, ás maiores dificultades para acceder a servizos e ás tecnoloxías da información e a comunicación, ou á escasa representatividade que teñen en postos de responsabilidade e toma de decisións. Circunstancias que afectan ao 90,64% dos municipios españois xa que do total de 8.116 municipios, 7.356 teñen unha poboación inferior a 10.000 habitantes. No caso de Galicia, dos seus 315 municipios, 258 teñen menos de 10.000 habitantes; 202 de 5.000 e 25 menos de 1.000 habitantes, o que se significa que arredor de 837.500 dos 2,8 millóns de habitan na nosa comunidade residen en municipios de ámbito rural. Se temos en conta que a porcentaxe de mulleres supera lixeiramente a de homes, podemos afirmar que no rural galego residen unhas 420.00 mulleres. O primeiro déficit das mulleres que viven no medio rural, é o do emprego. Só o 23% dos traballadores ocupados no sector primario son mulleres, fronte a un 77% de homes, datos que poñen de manifesto a especial discriminación que sofren as mulleres. Ademais, gran parte das políticas de recortes desta lexislatura foron orientadas cara a unha intensa diminución do gasto na protección social e de servizos sociais. Co desmantelamento de servizos públicos destinados ao coidado e atención de persoas dependentes, menores e persoas adultas, de novo derívase a responsabilidade deste traballo “invisible” nas mulleres que continúan sendo as coidadoras principais. Así, as mulleres son quen volve a retomar o traballo non remunerado sendo, unha vez máis, quen cobre as necesidades de atención básicas dunha sociedade incapaz de facer fronte á emerxencia social limitando así o seu desenvolvemento persoal, profesional e social. En 2007, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou conmemorar, cada 15 de outubro, o “Día Internacional das Mulleres Rurais” como recoñecemento da función e contribución decisivas das mulleres rurais, incluídas as mulleres indíxenas, na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, a mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza rural. En coherencia cos nosos principios e valores, o PSdeG-PSOE celebra o Día Internacional das Mulleres Rurais comprometéndose a traballar para recuperar un Estado do Benestar que garanta o dereito á educación, á sanidade pública, aos servizos sociais e á igualdade no medio rural. Así mesmo, comprometémonos a revisar a aplicación da Política Agraria Común (PAC), introducindo a perspectiva de xénero e aplicando factores correctores que permitan emendar a desigualdade de oportunidades entre mulleres e homes que existe na agricultura e a gandería así como asegurar a participación paritaria na súa aplicación. Tamén defendemos que a Lei 35/2011 sobre Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias goce dunha aplicación efectiva. Actualmente, existe unha ignorancia sospeitosa da Administración en todo o que se refire aos trámites para conseguir a titularidade compartida das explotacións. Un dereito conseguido con moito esforzo, aprobado polo Goberno socialista e que non se puxo en marcha. No Día Internacional das Mulleres Rurais tamén denunciamos como a Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local aprobada polo Partido Popular ignora e mesmo acrecenta os problemas dos municipios e especialmente, das mulleres. De acordo co estudo da Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, as consecuencias da Reforma poden supoñer un recorte de 1.800 millóns de euros anuais en

servizos sociais das entidades locais, que poden afectar a máis de dous millóns e medio de usuarias e usuarios e poñer en risco uns 70.000 empregos no prazo dun ano. A maioría, empregos de mulleres. Conseguir empregos dignos para as mulleres nos municipios onde residen, ademais de activar a economía, é a mellor ferramenta para fixar a poboación. Así mesmo, insistimos na necesidade de facer un especial esforzo na loita contra a violencia de xénero no eido rural, atendendo dun xeito específico á súa prevención, a educación en igualdade e á súa asistencia e inserción laboral das vítimas. A violencia de xénero no rural é realmente preocupante, entre outras cousas pola súa invisibilidade, polo que as administracións deben traballar arreo para combatela. No Día Internacional das Mulleres Rurais, o PSdeG-PSOE renova o seu compromiso de traballar pola igualdade entre mulleres e homes, por traballar por todas as mulleres, residan onde residan e teñan as circunstancias que teñan.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar