MANIFESTO DO PSdeG-PSOE POLO 17 DE MAIO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A DISCRIMINACIÓN POR ORIENTACIÓN SEXUAL E IDENTIDADE DE XÉNERO 2013

MANIFESTO DO PSdeG-PSOE POLO 17 DE MAIO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A DISCRIMINACIÓN POR ORIENTACIÓN SEXUAL E IDENTIDADE DE XÉNERO 2013

Os Socialistas de Galicia queremos sumarnos un ano máis á celebración do 17 de maio, Día Internacional contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, coñecido como día contra a Homofobia e a Transfobia, que foi recoñecido en España polo goberno socialista mediante Acordo do Consello de Ministros de 26 de xuño de 2009. Este día conmemora o fin da falacia científica que convertía ás persoas homosexuais en enfermos mentais, aprobado o 17 de maio de 1990 pola Organización Mundial da Saúde, trala súa despatoloxización en 1973 pola Asociación Americana de Psiquiatría (APA). Aínda hoxe seguimos demandando a despatoloxización da transexualidade, que algúns tratan de manter, para seguir promovendo a discriminación cara a este colectivo.
Malia os avances alcanzados nos últimos anos, a homofobia, a transfobia e a bifobia seguen sendo algunhas das formas de odio máis estendidas, e a orientación sexual e a identidade de xénero seguen sendo obxecto de persecución legal en moitos países como pon de manifesto o “Informe de ILGA 2012 Homofobia de Estado”, que sinala que a homosexualidade está perseguida en 78 países, e castigada con pena de morte en Arabia Saudita, Irán, Yemen, Mauritania, Sudán e, no caso de Afganistán, a sodomía é castigada a morte por lapidación. En Europa, Rusia viola constantemente os dereitos humanos das persoas lgtb perseguindo incluso o seu dereito de manifestación e de liberdade de expresión.
Este 17 de maio, queremos especialmente denunciar o acoso homofóbico e transfóbico que se produce na escola, causa dun de cada tres intentos de suicidio en mozos e adolescentes. Apostamos por unha educación que promova a diversidade sexual, e que impida a violencia e a discriminación cara a mozas e adolescentes lesbianas, gais, transexuais e bisexuais (lgtb), e facemos un chamamento a todas as institucións educativas a que impulsen con maior forza as medidas necesarias para facer dos centros educativos espazos seguros para a diversidade, así como o mantemento da materia de educación para a cidadanía e a retirada inmediata da LOMCE, que promove a discriminación por sexo, orientación sexual e identidade de xénero.
Un recente informe, publicado por FELGTB, pon de manifesto a grave situación existente en torno ao acoso escolar homofóbico e o risco de suicidio en adolescentes e mozas lesbianas, gais e bisexuais, trasladando unha realidade dunha magnitude moi dolorosa. O suicidio,

segundo os datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estatística, é unha das principais causas externas de falecemento en adolescentes e novos. Dentro deste grupo de poboación, non é posible coñecer unha aproximación numérica entre persoas LGTB, posto que non existen datos fiables no noso país.
Non podemos obviar que estes mozos pasan o maior tempo desa idade nos centros educativos, onde se pode comprobar a homofobia e a transfobia existente na sociedade e que se aplica directamente sobre eles, en forma de acoso. Estamos ante un problema que precisa dunha resposta, tanto das familias, como dos responsables das políticas educativas. Non é admisible que na nosa sociedade, os centros educativos sigan sendo espazos inseguros para os/as novos LGTB.
É necesario loitar contra o elevado índice de acoso escolar por orientación sexual e identidade de xénero. O sistema educativo español debe dar unha resposta eficaz a estas cuestións. Lamentablemente a proposta de reforma educativa proposta polo goberno do PP vai na dirección contraria. A orientación sexual e a identidade de xénero non son un problema si a contorna non o percibe como tal. Ninguén se suicida por ser homosexual, bisexual ou transexual, senón por sufrir a violencia inaguantable da homo-trans-bi fobia.
Por iso, o PSdeG- PSOE aposta por unha ampliación dos sistemas de recolleita e de rexistros estatísticos que permitan coñecer os casos de suicidio entre a poboación adolescente e moza LGTB, a realización de estudos que nos achegue a esta realidade así como establecer un programa de prevención contra o acoso escolar por orientación sexual e identidade de xénero e o risco de suicidio nesta poboación.
É básico e indispensable a formación do profesorado, tanto inicial como permanente, en materia de atención educativa á diversidade sexual e contra o acoso escolar, establecéndose no currículo de todas as etapas educativas unha atención especial ao dereito de igualdade de trato e a non discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, así como a inclusión nos plans de estudo dunha adecuada educación sexual, baseada no coñecemento científico.
Neste día as mulleres e homes socialistas queremos recordar a todos os activistas lgtb que foron perseguidos, encarcelados e ata asasinados por defender os dereitos humanos, e sumámonos a quen reclaman o fin da penalización da homosexualidade, a transexualidade e a bisexualidade en todo o mundo.

zp8497586rq

32641281A

Pechar