Manifesto do PSdeG no Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

Manifesto do PSdeG no Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

Manifesto do PSdeG no Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

Hoxe conmemórase o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, instaurado pola Conferencia Mundial da Coalición Contra o Tráfico de Persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres que tivo lugar en Dhaka, BanglaDesh, en xaneiro de 1999. Nesta data recórdase a promulgación da primeira norma legal que permitiu castigar os casos de prostitución e corrupción de menores, a coñecida como Lei Pazos, proclamada o 23 de setembro de 1913 en Arxentina.
A trata de mulleres con fins de explotación sexual conforma unha nova forma de escravitude en pleno século XXI e supón unha violación dos Dereitos Humanos, posto que atenta contra a liberdade, a integridade, a saúde, a vida, a seguridade e a dignidade das persoas. Ademais, despois da venda de armas e de drogas, constitúe o terceiro negocio ilegal máis lucrativo do mundo.

Os datos que vimos coñecendo nos últimos anos son pouco alentadores e realmente alarmantes no caso de nenas e nenos, xa que, segundo a Organización Internacional do Traballo, arredor 1,8 millóns son vítimas de explotación con fins sexuais; cifra que inclúe a utilización, o recrutamento ou a oferta de nenos para a prostitución, a produción de pornografía ou as actuacións pornográficas. No caso da infancia, ademais, a explotación sexual leva consigo unha serie de prácticas que danan a vida dos nenos, a degradan e poñen en perigo a súa supervivencia e desenvolvemento.

As mulleres traficadas son vítimas múltiples: dos traficantes, dos clientes e das súas propias circunstancias. Así mesmo, sofren dunha forma especial a invisibilidade e exclusión ás que as somete a sociedade na que habitan e que, na maior parte dos casos, non é a súa de procedencia (hai que ter en conta que a gran maioría de mulleres traficadas e/ou vítimas de explotación sexual proceden doutros países). Polo tanto, estas mulleres sofren ata o extremo as consecuencias das desigualdades e violencia de xénero, así como, en moitas ocasións, da xenofobia e outras manifestacións de discriminación social.

Desta dramática realidade, que a priori podería parecer impensable nunha sociedade moderna e desenvolvida, Galicia tampouco se escapa (segundo os datos facilitados pola Xunta, as entidades coas que colabora atenderon en 2013 a 5.153 persoas nestas situación) e, polo tanto, debemos ser especialmente contundentes coas medidas a aplicar para rematar co tráfico e explotación de mulleres e de nenas e nenos. Debemos afondar na orixe destas mafias e redes para desmantelalas, debemos traballar de forma pertinaz na educación en igualdade e non podemos escatimar esforzos nin recursos para rematar con este negocio totalmente degradante para quen o sofre e para asistir e inserilas, de forma especial no caso dos e as menores.

Polo tanto, dende o PSdeG pedimos ás administracións públicas, de forma especial á Xunta de Galicia, que combatan sen paliativos e sen ningún tipo de atranco o que se converteu na escravitude do século XXI. Que destine e incremente partidas concretas para a erradicación destas redes de tráfico e explotación sexual, que incremente os protocolos de colaboración con outras institucións e organismos implicados e que, a maiores e dende as súas competencias, desenvolva medidas e programas integrais de actuación –máis aló do que queda plasmado en letra no Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres-encamiñados a que as vítimas non só superen o trauma e secuelas físicas e psíquicas xeradas pola súa situación, senón que, ademais, se fagan visibles na sociedade na que vivimos. Visibles e, sobre todo, libres.

Descargar Manifesto

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar