Manifesto do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

Manifesto do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

Manifesto do Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina

A Mutilación Xenital Feminina (MXF) é recoñecida internacionalmente como unha violación dos dereitos humanos das mulleres e nenas. Esta práctica viola os dereitos das nenas á saúde, a seguridade e a integridade física, o dereito a non ser sometida a torturas e tratos crueis, inhumanos ou degradantes, e o dereito á vida nos casos en que o procedemento acaba provocando a morte.

As consecuencias danan irreversiblemente a estas nenas que habitualmente, padecen o resto da súa idade adulta infeccións vesicales e urinarias recorrentes, quistes, esterilidade, aumento do risco de complicacións do parto e morte do recentemente nado, necesidade de novas intervencións cirúrxicas así como a imposibilidade de gozar dunha sexualidade plena. En decembro de 2012, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou unha resolución sobre a eliminación da mutilación xenital feminina.

A Mutilación Xenital Feminina consiste en realizar un corte parcial ou total dos xenitais femininos por razóns culturais ou relixiosas. Practícase na maioría dos casos na infancia, nalgún momento entre a lactación e os 15 anos, e ocasionalmente na idade adulta.

A (MXF) é un costume nalgúns países de África e Oriente Medio. Hai máis de 125 millóns de vítimas nos 29 países onde se concentra esta práctica. En África, cada ano uns tres millóns de nenas corren o risco de sufrir MXF. Tamén en Europa, medio millón de mulleres e nenas aproximadamente sofren esta agresión, e en España son case 17.000 nenas as que corren o risco de ser vítimas.

Como calquera outra forma de violencia de xénero, o máis importante na erradicación da MXF é a prevención. Para protexer a vida e a saúde das mulleres e as nenas, é necesario o esforzo en previr e informar. En concreto, combater a MXF non depende exclusivamente da existencia de protocolos, tamén se require que os e as profesionais teñan unha axeitada formación e habilidades para orientar ás familias e as contornas -tanto familiares como comunitarias- sobre os danos e as consecuencias que teñen para as nenas a mutilación xenital. Por todo iso, desde o PSdeG-PSOE instamos ao Goberno central e á Xunta de Galicia a poñer en marcha protocolos para a actuación sanitaria ante a MXF e simultaneamente, realizar un traballo sostido de prevención, sensibilización e información contra a MXF.

O 6 de febreiro é recoñecido como Día Internacional de Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina e por esa razón, desde o Partido Socialista reiteramos o noso rotundo rexeitamento a esta agresión que non ten ningunha xustificación nin cultural nin sanitaria senón que, pola contra, implica graves lesións sobre a saúde de millóns de nenas e mulleres no mundo. Hoxe, 6 de febreiro, denunciamos a práctica da MXF e as consecuencias que ten na vida de mulleres e as nenas que teñen o dereito para gozar vidas dignas e libres de violencia.

psdeg

Deixar a resposta

Pechar