Manifesto do Día Europeo pola Igualdade Salarial. Rachar coa desigualdade e invisbilidade laboral das mulleres rurais galegas

Manifesto do Día Europeo pola Igualdade Salarial. Rachar coa desigualdade e invisbilidade laboral das mulleres rurais galegas

Manifesto do Día Europeo pola Igualdade Salarial. Rachar coa desigualdade e invisbilidade laboral das mulleres rurais galegas

O día 22 de febreiro conmemoramos o Día Europeo pola Igualdade Salarial. Unha data na que lembramos que na actualidade os homes e as mulleres continuamos gañando salarios diferentes por unha simple cuestión de discriminación de xénero e que, lonxe de reducir a brecha, as desigualdades están a ser cada vez maiores.

A última Enquisa Anual de Estrutura Salarial do Instituto Nacional de Estatística (INE) amosa que a remuneración anual bruta das traballadoras españolas foi un 24% inferior á dos homes. É dicir, en España as mulleres asalariadas para percibir de media as mesmas retribucións que os homes terían que traballar 79 días máis ao ano –ou, o que é o mesmo, traballan de balde máis de dous meses e medio-. Esta desigualdade dispárase ata o 39% se falamos das pensións, porque o impacto das diferenzas salariais sobre as mulleres, ademais de supoñer menos ingresos ao longo das súas vidas, ten consecuencia directa en pensións máis baixas e nun maior risco de pobreza para as mulleres maiores

En Galicia, a situación é incluso peor, xa que os salarios na nosa comunidade xa son inferiores en xeral que a media do Estado Español. Polo tanto, a capacidade económica das mulleres galegas é das máis baixas de España, co que iso leva.

Pero se existe un colectivo que sufre especialmente a discriminación laboral é, sen lugar a dúbidas, o das mulleres rurais. E por iso, este ano o PSdeG quere dedicarlle a elas o Día Europeo pola Igualdade Salarial. Unha desigualdade que, máis que iso, no seu caso é o da total invisibilidade, a da non existencia.

Os datos constatan esta realidade. Malia que o 56% das mulleres son titulares das explotacións agrarias galegas, isto non significa que o sexan tamén dos medios de produción –xeralmente a nome do seu cónxuxe-. Ademais, no caso das explotacións familiares existe un 67% de cónxuxes mulleres que traballan na mesma e non son cotitulares. Por non falar das que non figuran en ningún rexistro de actividade, xa que algún estudo di que 6 de cada 10 mulleres que dedican máis de 30 horas á semana á explotación agraria non están dadas de alta na Seguridade Social.

E o é máis preocupante é que estamos nesta situación de grave desigualdade malia contar coa ferramenta para paliar esta situación. O 5 de xaneiro de 2012 entraba en vigor a Lei 35/2011 sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, unha norma elaborada polo Goberno socialista. As mulleres rurais de todo o país felicitábanse pola aprobación dunha lei que viña recoñecer xuridicamente o seu traballo, ata entón invisible.

As primeiras previsións falaban de 300.000 potenciais mulleres que se acollerían ao modelo de titularidade compartida en todo o territorio español, pero o certo é que, pasados xa catro anos, a Lei de Titularidade Compartida non deu o resultado esperado. O Partido Popular, ao fronte dos Gobernos estatal e da Xunta, non foron quen –ou non quixeron- de desenvolver a norma. De feito, tampouco impulsaron as necesarias campañas de divulgación e concienciación e, no caso específico de Galicia, non se desenvolveron os regulamentos de aplicación nin se levou a cabo unha formación específica ao seu funcionariado para tramitar, asesorar e informar axeitadamente ás interesadas.

Os datos falan por si mesmos. A 25 de xuño de 2015, en toda España figuraban inscritas no rexistro de titularidade compartida 136 explotacións e, no caso de Galicia, a comunidade cun maior número de explotacións agrarias (arredor de 15.000), unicamente estaban inscritas 13 (o 9,6% das de España).

Malia o escaso número de inscricións, non existe ningún tipo de axuda ou incentivo específico para fomentar o acceso á titularidade compartida, nin a través da Política Agraria, nin dos fondos para desenvolvemento rural -que, por certo, teñen dentro dos seus obxectivos o de fomentar a igualdade entre homes e mulleres-, nin das axuda/bonificacións da Seguridade Social.

Nomeadamente, nas principais convocatorias de axudas para explotaciónsagrarias convocadas neste ano a titularidade compartida non é considerada como criterio para a valoración das solicitudes. E a nova PAC do ano 2015 inclúe no apartado de datos xerais a pregunta de se explotación é de titularidade compartida ou non, pero non inflúe para nada na axuda a percibir, tanto en axudas directas (1o piar) coma nas medidas de Desenvolvemento Rural. Así, veñen a ter o mesmo tratamento que as sociedades.

En canto ás axudas á afiliación á Seguridade Social, que ían dirixidas a incorporar titulares ou cotitulares aínda que sen implicar directamente a titularidade compartida, segundo a información proporcionada pola Xunta, as partidas foron de 140.000 euros de 2012 –gastados 66.000 en 22 axudas para 19 mulleres e tres homes-, de 194.000 en 2013 –investidos 126.000 en 42 concesións a mulleres- e de 62.500 euros en 2014 –gastáronse 60.000 en 20 axudas-. No ano 2015 xa non se fixo esta convocatoria, que podería constituír un medio, contando co orzamento axeitado e estando aberta todo o ano sen limitacións de idade, para potenciar a titularidade compartida, incorporando unha contía específica maior para aquelas que se incorporaran mediante este fórmula xurídica.

Polo todo isto, podemos afirmar que estamos a asistir a un retroceso de dereitos que custara anos conseguir, sobre todo no medio rural. E, por todo iso, queremos hoxe reivindicar os dereitos dunhas mulleres que, ademais, no caso de Galicia teñen sido fundamentais para o mantemento poboacional de moitas vilas e aldeas e para o desenvolvemento económico das mesmas. Debemos rachar coas desigualdades salariais e mesmo con esa invisibilidade laboral á que están sometidas miles de mulleres en Galicia, desenvolvendo a Lei de Titularidade Compartida e os regulamentos autonómicos necesarios, e promovendo todo tipo de campañas informativas e formativas, así como as axudas directas e indirectas que sexan precisas, para acadar que as mulleres estean nunha situación de igualdade real nos seus traballos, nas súas explotacións agrarias. Con este obxectivo naceu esta lei socialista e este é o obxectivo que mantén o PSdeG a día de hoxe cunhas mulleres que foron e son un piar fundamental da nosa sociedade.

psdeg

Deixar a resposta

Pechar