Máis orzamentos e menos "power points" para a industria galega

Máis orzamentos e menos “power points” para a industria galega

Sector Naval. Astilleros. AsteleirosO portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, reclamou hoxe “máis orzamentos e máis execución e menos power points, propaganda e consultorías externas” para a industria galega. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei do Grupo socialista para reclamar unha Axenda para o Fortalecemento do Sector Industrial de Galicia que foi debatida no Pleno do Parlamento.

O responsable socialista advertiu do desleixo do goberno galego, que está a demostrar unha “alarmante falla de planificación e execución de políticas no eido industrial”. Sinalou que esta actitude resulta “especialmente grave no contexto actual”, en alusión á caída de prezos dos combustibles, o pulo de economías emerxentes e as expectativas de crecemento económico.

Acusou á Xunta de manterse “na aritmética do RIS3 ou da Industria 4.0” mentres tan só dedica o 0,86 por cento do PIB á I+D+i e provoca un grave “déficit de capital físico e humano” que sitúa á industria galega á cola do Estado. Sinalou neste sentido o caso do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo que, advertiu, “literalmente vai pechar porque o aporte público da Xunta reduciuse a cero”.

Advertiu que os investimentos da Xunta para capital físico reducíronse nun 35 por cento no ano 2015 mentres a súa política de enerxía e de chan industrial son “o exemplo paradigmático do seu fracaso”.

Os socialistas reclamaron a creación dunha Axenda para o Fortalecemento do Sector Industrial en Galicia “que estableza prioridades e obxectivos, e enviar ao Parlamento de Galicia dito plan, para que os grupos parlamentarios poidan facer as achegas que consideren oportundas”.

Neste sentido, presentou cinco liñas mestras no debe do goberno galego, como son a diversificación fronte á excesiva concentración, o tamaño das empresas para garantir a internacionalización e exportación, a busca de economías de escala e cooperación, ou a captación de investimentos estranxeiros.

Finalmente apuntou ao coidado das condicións laborais dos traballadores galegos, xa que, lembrou, “a estabilidade e os salarios dignos favorecen a eficiencia dos procesos produtivos”. Reclamou “reflexión” sobre o seu papel na formación laboral malia que, ironizou, “entendo que un partido que arrastra a Operación Zeta –de desvío de fondos de formación- sexa renuente a situar a formación dos traballadores en primeiro plano”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar