Losada reclama a Feijóo que “responda positivamente” á proposta de pacto polo emprego formulada por Vázquez

Losada reclama a Feijóo que “responda positivamente” á proposta de pacto polo emprego formulada por Vázquez

Losada reclama a Feijóo que “responda positivamente” á proposta de pacto polo emprego formulada por Vázquez

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta “que responda, e que responda positivamente” á proposta de acordo formulada esta semana por Pachi Vázquez para investir 120 millóns de euros na creación de en torno a 20.000 empregos. Sinalou que esta proposta é “realista” e “inxírese” no Plan Estratéxico da Xunta.

O responsable socialista urxiu a Feijóo a responder con tempo suficiente para cristalizar o acordo no debate de orzamentos que terá lugar a próxima semana e comezar a superar a situación xerada pola xestión do PP no goberno galego. Lembrou que Galicia acadou a cifra máis alta de paro da súa historia en só tres anos de Feijóo, con 253.416 parados e crecendo un 3,5 por cento máis que o resto do Estado, de acordo co dato de novembro.

Losada explicou que fronte á inacción do presidente da Xunta, quen xa anunciou que en 2012 seguiría subindo o paro, o líder socialista realizou un “exercicio de realismo” ao plantexar este acordo. Esta proposta, explicou, inxírese no punto 2.4.4 do Plan Estratéxico de Goberno 2010-2014 presentado por Feijóo e plantexa unha mobilización de crédito “perfectamente posible” a través dun acordo que debera ser realidade o próximo martes.

Fronte ao crecemento sostido do desemprego en Galicia, os socialistas galegos apoiáronse no Plan Autonómico polo Emprego 2009-2013 presentado no programa electoral do PP para ofrecer esta proposta. Salientou que, diante da falla de resposta de Feijóo, Pachi Vázquez remitiulle onte unha carta na que abundou no paquete de medidas proposto para mobilizar o 1 por cento dos orzamentos.

Estas propostas determinan unha actuación centrada no emprego xoven, o impulso do emprego en sectores económicos con especiais dificultades e a economía social en colaboración cos concellos de Galicia.

Cinismo e Campaña de copago

Abel Losada reclamoulle a Feijóo unha resposta positiva a esta proposta “fronte ao seu dobre discurso de pretendida austeridade e sistemático despilfarro en publicidade e propaganda”. Aludiu así a un concurso resolto e publicado hoxe no DOG por un importe de máis de 380.000 euros para unha campaña de propaganda “para a solidariedade e contribución do mantemento dos servizos públicos na Comunidade Autónoma”.

Losada dixo que esta campaña de publicidade “sóame a copago”, diante das “medidas non gratas” que Rajoy dixo que anunciaría no debate de Investidura do próximo luns, e que anticipan “recortes drásticos onde hai oportunidade de negocio para o sector privado”. Criticou que “non hai ningunha medida redistributiva”, xa que apuntan a medidas “lineais” que prexudicarán ás persoas con maiores dificultades económicas.

Afeoulle ao presidente da Xunta que fronte á situación do desemprego manteña unha “actitude claramente derrotista”, cando Galicia suma 253.416 desempregados, con 81.500 postos de traballo menos só á etapa de goberno de Feijóo. Advertiu que, de acordo coas previsións da Xunta, o paro seguirá crecendo no próximo ano, así como as 60.000 persoas que carecen de ningún tipo de ingresos económicos.

Explicou que a especial gravidade reside na especial incidencia da perda de empregos no sector industrial que, lonxe de funcionar como locomotora da economía produtiva, perdeu 28.800 postos de traballo dende a chegada de Feijóo. Actualmente, engadiu, é o sector máis afectado polo desemprego -cun 20 por cento-, por riba do sector da construción.

Débeda

O portavoz socialista considerou hoxe “imprescindible que Feijóo explique ónde vai a débeda que ten asumido”, xa que “mentres as farmacias teñen que pedir créditos porque a Xunta non paga, é impresentable que o goberno galego se endebede para non pagar”. Así o dixo logo de coñecer os novos datos de incremento da débeda en Galicia, coñecidos hoxe.

Engadiu que, de acordo con estas cifras, e lonxe das xustificacións da conselleira de Facenda, a realidade é que a débeda de Galicia aumentou un 77,7 por cento dende a toma de posesión do actual presidente da Xunta. esta pasou dende o 7 ao 12,4 por cento entre 2009 a 2012, sendo a quinta autonomía con maior porcentaxe de débeda.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar