Losada reclama a comparecencia do conselleiro de Economía para explicar a situación do Igape

Losada reclama a comparecencia do conselleiro de Economía para explicar a situación do Igape

Losada reclama a comparecencia do conselleiro de Economía para explicar a situación do Igape

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, Abel Losada, esixiu a comparecencia do conselleiro de Economía, Javier Guerra, diante do Parlamento para explicar a situación do Igape logo de ser detidos o seu director e o subdirector. Os socialistas galegos consideran moi sospeitoso que Guerra leve 48 horas “literalmente desaparecido” logo das detencións.

Criticou a falla de resposta do conselleiro de Economía, que evidencia “ou ben a súa incapacidade ou ben un desbordamento obxectivo” e o leva a “ocultarse detrás de Feijóo evitando dar explicacións coherentes”. Lamentou que a única medida tomada sexa pedir a actuación “do mesmo director xeral de Presidencia que está imputado pola investigación contra Unións Agrarias”, co que “pon á raposa a coidar das galiñas”.

Losada ampliou a solicitude de comparecencia ao director xeral do ente “no caso de que sexa posible” para presentar tódolos datos relativos á actuación xudicial que afecta ao órgano. Os socialistas comezaron unha ofensiva parlamentaria que se completa coa solicitude ao Consello de Contas de que fiscalice o ente e unha serie de preguntas escritas á Xunta sobre os expedientes obxecto de investigación.

Preguntado sobre a dimisión dos altos cargos da Xunta, Losada explicou que “primeiro solicitaremos a explicación formal e a partir de aí avanzaremos” e engadiu que o presidente da Xunta debe asumir “repercusións políticas”. Sinalou a estrema gravidade dos feitos, xa que “é a primeira vez que a xustiza entra na Xunta para investigar estes presuntos feitos delictivos”.

O responsable socialista amosou o seu respecto á “presunción de inocencia” dos detidos e o máximo recoñecemento aos traballadores da institución, si ben criticou a “estratexia de distracción da Xunta”. advertiu que a situación do Igape resulta especialmente preocupante no momento de máxima destrución de emprego en Galicia e cando a confianza empresarial é “estratéxica e determinante”.

Advertiu que a desaparición do Executivo en materia económica e laboral vense repetindo durante os últimos dous anos, o que provocou que hoxe se teña coñecido que Galicia acapare o 15 por cento dos EREs do Estado cando ten o 6 por cento dos ocupados. Dixo que a única reacción da Xunta neste sentido foi “máis que duplicar os altos cargos do Igape, poñendo demasiados xenerales para tan poucos soldados”.

Tic autoritario

O responsable socialista criticou a intervención feita onte polo presidente da Xunta, que dixo que tiña “os principios éticos e a supremacía moral que dan as urnas”, e que Losada cualificou de “tic autoritario intolerable e especialmente preocupante”. Explicou que “principios éticos e votos non son a mesma cousa” e considerou “especialmente desafortunada” a postura do presidente da Xunta.

Losada explicou que os votos dan a representatividade e no seu caso “o poder”, pero “os principios éticos se teñen ou non, e iso demóstrase a continuación na maneira de exercer o poder”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar