Losada reclama a comparecencia de Feijóo para explicar os cambios de goberno e os efectos dos recortes de Rajoy

Losada reclama a comparecencia de Feijóo para explicar os cambios de goberno e os efectos dos recortes de Rajoy

Losada reclama a comparecencia de Feijóo para explicar os cambios de goberno e os efectos dos recortes de Rajoy


O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, presentou hoxe dúas solicitudes de comparecencia de Feijóo, para explicar os cambios no seu goberno e para presentar a posición da Xunta diante dos recortes de dereitos anunciados por Rajoy. Dixo que o retraso nos nomeamentos das novas conselleiras de Sanidade e Facenda denota “falla de seriedade” do presidente da Xunta.

Losada dixo que Feijóo está a demostrar que Sanidade e Facenda son “prescindibles e non estratéxicas” para o seu proxecto e sinalou que “hai moitos máis conselleiros incompetentes e prescindibles”. Advertiu ao presidente da Xunta que non replique nestas consellerías a situación do Igape, que permaneceu descabezado durante catro meses, e clarifique canto antes quén substituirá ás dúas conselleiras.

Neste sentido, reclamoulle ao presidente que “deixe de marear a perdiz de si reducirá o número de consellerías” cando “o grave e dramático é que Galicia nunca tivo tantos parados na súa historia, con 253.000, e 75.000 persoas viven en fogares sen ingresos”. Suxeriu así que devolva a confianza aos axentes económicos e cambie tamén ao conselleiro de Economía e Industria.

Así mesmo, reclamou que demostre a importancia da loita contra o desemprego “fronte a unha conselleira que se dedica a viaxar por Galicia predicando textos elaborados por consultorías” mentres evita tomar unha soa medida proactiva. Apuntou tamén ao conselleiro de Educación, quen ven de auspiciar un recorte de 400 millóns de euros no seu departamento mentres reduce a plantilla en 1.000 mestres no ensino público.

Recortes

O responsable socialista solicitou hoxe tamén a comparecencia de Feijóo para dar conta da posición da Xunta diante dos recortes drásticos decretados por Rajoy, así como dos efectos que terán sobre Galicia e as medidas previstas pola Xunta para palialos. Anticipou que estas medidas suporán “incrementar os problemas obxectivables” provocados pola falla de xestión do Goberno galego.

Así, dixo que o aumento de impostos, que prexudicará ás clases medias ao gravar 3 euros de IRPF por cada euro dos impostos sobre o capital, suporán unha perda de 315 millóns de euros para o conxunto dos galegos e galegas. Esta medida, tomada “sendo consciente da súa inequidade”, provocará unha redución da renda dispoñible, e polo tanto unha diminución do consumo e consecuentemente a caída da actividade económica”.

Ademais, os recortes nas partidas de gasto detraerán 535 millóns que eran para as infraestruturas e o I+D+i de Galicia, mentres as consellerías responsables na Xunta demostran “incapacidade e a súa virtual desaparición”. Mentres, a desaparición da renda de emancipación suporá a perda de 54,4 millóns de euros cada ano e a paralización da Lei de Dependencia deixa “no limbo” a 55.000 persoas pendentes da súa prestación.

Finalmente, advertiu que a “suposta revalorización das pensións” do 1 por cento, ao manterse por debaixo do IPC, na realidade supón “perda de poder adquisitivo” dos pensionistas galegos, nunha autonomía que ten as pensións medias mais baixas do Estado e que rexistra un elevado índice de envellecemento da súa poboación.

O Parlamento como decorado teatral

Losada amosou hoxe a “perplexidade e malestar” dos socialistas galegos polo feito de que o presidente da Xunta escollera o Salón de Plenos do Parlamento “como decorado teatral” para realizar a mensaxe de Fin de Ano. Criticou que tome a sede da soberanía de Galicia para facer un acto do Executivo “cando sistematicamente négase a comparecer na Cámara autonómica”.

Criticou a actitude tanto do presidente do Parlamento como da presidenta da Cámara ao aceptar este acto e recomendoulles “que lle pidan aos Reis Magos un exemplar do ‘Espírito das Leis’ de Montesquieu, onde explica a separación de poderes. Dixo que este acto supón un “exemplo paradigmático” de que “o goberno galego considera o Parlamento como unha segunda sala de prensa anexa a San Caetano”.

Instou ao presidente da Xunta a aceptar as comparecencias presentadas hoxe polos socialistas galegos e rachar así coa costume de rexeitar tódalas súas comparecencias, coa que evidencia a súa “desaparición” do Parlamento de Galicia, mentres os membros do seu goberno “só comparecen para facer roldas de prensa”.

Sistemático incumprimento

O responsable socialista criticou o “sistemático incumprimento” dos compromisos do Goberno galego, que aínda ten 33 leis “pendentes”, de acordo cos anuncios de Feijóo, mentres subliñou a “vontade de consenso e diálogo” amosado polos socialistas. Como exemplo, lembrou que das 14 Leis aprobadas polo Parlamento neste ano os socialistas apoiaron cinco, abstivéronse en dúas e votaron en contra de outras sete.

Esta vontade de cooperación non se corresponde coa actuación do Goberno, que “incumpre sistematicamente” os acordos aprobados na Cámara, agravando unha situación de parálise económica e aumento do desemprego en Galicia á que Feijóo responde co recorte drástico duns servizos sociais que “deberan ser cada vez mais sólidos e potentes”.

Como consecuencia, Galicia acada o nivel de parados máis alto da súa historia, crecendo a un ritmo moi superior á media do Estado, con datos económicos “moi negativos”, cun medre do PIB “menor que no resto de España” e coa “paralización do Índice de Produción Industrial, que mentres en España descende un 0,7 por cento, en Galicia faino oito veces máis, reducíndose nun 6,9 por cento.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar