Losada: “Non apoiaremos o teito de gasto proposto pola Xunta porque agocha un teito ideolóxico e inxusto”

Losada: “Non apoiaremos o teito de gasto proposto pola Xunta porque agocha un teito ideolóxico e inxusto”

Losada: “Non apoiaremos o teito de gasto proposto pola Xunta porque agocha un teito ideolóxico e inxusto”

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, anunciou hoxe que non apoiarán o teito de gasto proposto pola Xunta e que será votado mañá no Parlamento. Dixo que este límite en realidade agocha un “teito de ingresos ideolóxico e inxusto” prexudicando aos servizos sociais e reclamou aumentar a recadación fiscal reformando o Estatuto como proporán os socialistas tamén mañá.

Losada explicou que este teito de gasto está baseado na limitación dos ingresos da Xunta e criticou que en lugar de aumentalos gravando as rendas mais altas e loitando contra o fraude fiscal Feijóo opta por prexudicar os servizos públicos. Reclamou en definitiva “que se posicionen priorizando un aumento de ingresos antes que a redución de gastos sociais”.

Considerou “posible” aumentar os ingresos da Xunta a través da loita contra o fraude fiscal ou modificando o imposto de transmisións patrimoniais e actuando sobre o tramo autonómico do IRPF para centralos nas rendas máis altas. Criticou a “demagoxia” amosada hoxe por Rajoy ao afirmar que a reactivación dos impostos para os patrimonios mais altos supón “castigar a quen aforra”.

Losada dixo que o informe que acompaña o teito de gasto “recoñece a incapacidade da Xunta” ao sinalar que as potencialidades da economía nacional son “superiores ás galegas”, desmentindo a premisa do PP de que Galicia crecería antes por comezar antes cos recortes. Engadiu que este informe augura un crecemento económico para Galicia menor que no resto do Estado perdendo o diferencial acadado na pasada lexislatura.

Execución orzamentaria

O responsable socialista presentou os datos de execución orzamentaria e déficit para o primeiro semestre de 2011, que revelan que “a pesares dos recortes dramáticos nos servizos sociais, os gastos non financeiros incrementáronse 10 veces mais que no resto das autonomías”. Ademais, dixo, á metade do ano Galicia xa ten acadado o 70 por cento do déficit máximo para todo o ano.

Criticou que o PP reduce os gastos ao mesmo tempo que renuncia a aumentar os ingresos con impostos redistributivos –que graven mais a quen mais ten- por mor dunha “política económica fondamente ideoloxizada” que prescinde dos servizos sociais básicos permitindo “recortes para beneficio do sector privado”.

Advertiu que mentres a consellería de Economía e Industria permanece “paralizada” a produción industrial diminúe nun 16 por cento, perdendo 30.000 empregos, e a construción perde 18.000 postos de traballo. Criticou que o sector industrial ten perdido o carácter de motor económico que mantivo ata 2008 e o conselleiro concede axudas de 18 millóns de euros á CEG “para garantir as privatizacións e o enchufismo”.

Reforma do Estatuto

O portavoz do Grupo Socialista instou a Feijóo a “abandonar o oportunismo” e “antepoñer Galicia aos intereses electorais curtopracistas” para apoiar a proposta socialista para a reforma do Estatuto que será debatida no Pleno de mañá. Dixo que o Estatuto reformado constitúe unha “ferramenta estratéxica na loita pola recuperación económica de Galicia”.

O responsable socialista reclamou ao PP que reconsidere a súa negativa inicial coa que, dixo, demostran que “non están dispostos a renunciar aos votos de extrema dereita”. Un Estatuto reformado, dixo, constitúe “un instrumento económico de primeira orde” á hora de negociar co Estado o paquete de transferencias para Galicia.

Losada fundamentou a necesidade desta reforma para reforzar o proceso de financiamento económico ou garantir os investimentos produtivos do Estado, mentres sirve para redefinir as áreas competenciais da Comunidade Autónoma e blinda as políticas sociais.

Maior transparencia

Losada revelou hoxe que o pasado mércores ten remitido á presidenta da Cámara unha carta na que amosa a disposición do Grupo Socialista a “estimar calquera proceso de racionalización de gastos no Parlamento de Galicia”. Sinalou que resulta “o procedemento razoable e comprensible que sexa a Presidencia e a Mesa os que presenten este proceso”.

Amosou así a disposición dos socialistas galegos a apoiar calquera medida de aforro que propoña o máximo órgano de dirección da Cámara, logo do debate suscitado sobre as condicións económicas dos deputados e deputadas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar