Losada insta a impulsar a natalidade coa mellora das condicións laborais das mulleres e as políticas de benestar

Losada insta a impulsar a natalidade coa mellora das condicións laborais das mulleres e as políticas de benestar

Losada insta a impulsar a natalidade coa mellora das condicións laborais das mulleres e as políticas de benestar

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Abel Losada, apostou polo impulso á natalidade a través da mellora das condicións laborais das mulleres e o impulso das políticas de benestar. Así o dixo na reunión da Comisión do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, na que criticou a paralización das políticas de igualdade polo Goberno de Feijóo

Losada lembrou o “consenso académico e político” a favor da mellora das condicións do mercado laboral feminino e as políticas sociais “en sentido amplo” como mecanismos fundamentais para o impulso demográfico. Explicou que a adopción de medidas para facilitar a reinserción laboral das mulleres que teñan optado por abandonar o traballo para ter fillos aumenta a natalidade ao reducir o custe desta decisión.

Explico que a ruptura, por causa da posición da dereita, dos consensos á hora de favorecer a participación da muller no mercado laboral “tira para atrás a taxa de nacementos por causa do aumento do paro feminino”. Advertiu que Galicia está “perdendo o tren do emprego feminino” cunha taxa de emprego moi afectada pola crise e a ausencia de políticas activas de emprego por parte da Xunta.

Chamou tamén ao impulso de políticas de benestar, adoptando a escola como lugar de formación “dende o principio”, e lamentou que Galicia teña un nivel de cobertura de prazas escolares moi baixo con relación a Europa Occidental no tramo entre 0 e 3 anos. Por outra banda, gabou o “avance indubidable” neste sentido que supuxo a aprobación da Lei de Dependencia.

Paralización da igualdade

O responsable socialista criticou neste sentido a paralización das políticas de igualdade polo goberno de Feijóo, coa desaparición do Servizo Galego de Promoción da Igualdade ou as oficinas de Igualdade e Benestar, que cualificou de “paso atrás” no impulso á natalidade. Criticou a redución continua dos orzamentos da Xunta destinados a educación e a paralización da Lei de Igualdade no Traballo aprobada na pasada lexislatura.

Losada dixo que as políticas de benestar e servizos sociais afrontan un “horizonte difícil” xa que “mentres uns –os socialistas- apostamos por reforzalas, dende a liña ideolóxica oposta –o PP- aproveitan para diminuír o peso dos servizos públicos e aumentar a privatización nestes ámbitos”.

Lamentou que o PP teña aprobado en solitario a Iniciativa Lexislativa de Apoio á Muller Embarazada impulsada pola Red Madre cun “discurso ultrapasado”. Dixo que esta norma consolida un “discurso pronatalista centrado en termos ideolóxicos sen que vaia acompañado de compromisos orzamentarios”, co que a súa incidencia resulta “moi limitada” e deixa fora do apoio público a unha parte moi importante da cidadanía.

Losada criticou que a dereita queira atribuír á esquerda un “discurso antinatalista” de xeito “inxusto e interesado”. Desmentiu este estremo e defendeu a “liberdade de elección” fronte aos “adalides da liberdade individual”, en alusión ao PP, que “queren decidir que as mulleres teñen que ter moitos fillos”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar