Losada: Feijoo chegou á Xunta sobre a mentira, gobernou sobre a propaganda e quere repetir mediante o engano

Losada: Feijoo chegou á Xunta sobre a mentira, gobernou sobre a propaganda e quere repetir mediante o engano

Losada: Feijoo chegou á Xunta sobre a mentira, gobernou sobre a propaganda e quere repetir mediante o engano

O portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Abel Losada, fixo balance da actividade parlamentaria nesta lexislatura e da xestión de Feijóo no goberno autonómico, do que afirmou que “chegou á Xunta sobre a manipulación e a mentira, gobernou sobre a propaganda e a publicidade e tenta repetir mandato mediante o oportunismo e o engano”.

Lembrou así que Feijóo “incumpriu sistematicamente nesta lexislatura os 14 puntos do seu contrato con Galicia”. Incumprimentos que considerou “o despegue dunha lexislatura fracasada, absolutamente improductiva para Galicia e que sitúa a esta comunidade nunha posición económica, social e laboral extremadamente difícil”.

Losada criticou que nunha situación económica, social e laboral como a actual, Feijóo non comparecese ante o Parlamento galego, e lembrou que, exceptuando o debate do Estado da Autonomía e dos orzamentos, nesta lexislatura soamente compareceu nunha ocasión en 2009.

Lamentou que a estratexia de Feijóo sexa non só non dar explicacións, senón ademais ocultar a Rajoy. “Feijóo quere tapar os recortes que se van a producir nas pensións e nas prestacións por desemprego despois das eleccións”, dixo, e afirmou que “temos claro que botar a Feijóo do Goberno autonómico é o mesmo que parar os recortes de Rajoy no Goberno de España”.

O portavoz socialista tamén criticou a capacidade de xestión de Feijóo, que quedou reflectida na voladura controlada do sistema financeiro galego “que foi impulsada claramente por Feijóo con toda a parafernalia mediática que sempre o acompaña, e que levou á practica desaparición do noso sistema financeiro”.

Denunciou a falsidade do seu “mantra” de que a nosa comunidade é a máis solvente de España. “A débeda medrou 4.000 millóns de euros no seu mandato, e non hai ningún dato que demostre esa propaganda”. Lembrou así mesmo que os catro elementos centrais da súa axenda política, que son a innovación, o emprego, a internacionalización e o gasto social, se desmontan por si mesmos.

“Do emprego dixo que non tiña competencias cando a destrución de emprego na nosa comunidade duplica a de España; sobre innovación levamos 60 millóns de euros de recortes nesta lexislatura; en internacionalización 18 millóns a fondo perdido á confederación de empresarios non se sabe para que, e cun Igape literalmente destrozado e cunha reducción do 50% no seu orzamento, e en gasto social máis de mil millóns de euros de recortes só en sanidade e educación”, apuntou.

Subordinación do Grupo Parlamentario do PP

Destacou que o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia traballou nesta lexislatura para cambiar esta situación con iniciativas e propostas que foron continuamente rexeitadas, e criticou neste senso a subordinación, por parte do Grupo Parlamentario do PP, da actividade parlamentaria aos intereses do Executivo e do seu partido. “Isto supón un empobrecemento da calidade democrática da nosa comunidade”, lamentou.

Así, lembrou que os socialistas solicitaron 552 comparecencias “das que foron aceptadas catro, que tamén pedira o PP. É dicir, aceptáronse menos do 1 por cento e ningunha delas solicitada exclusivamente polo grupo socialista”.

Incidiu nas máis de 10.000 preguntas presentadas que non recibiron contestación, e as máis de 500 solicitudes de documentación que non foi facilitada.

Entre estas destacou a solicitude de información sobre temas de gran importancia como a auditoría de KPMG, que custou aos galegos e galegas un millón de euros; o “acordo de intencións” asinado con Pemex; os plans industriais vinculados ao concurso eólico que ían supoñer 14.000 empregos e 6.000 millóns de euros de inversión e que se quedou nunha sentencia que pode obrigar a Galicia a pagar indemnizacións cuantiosas; e por último o proxecto do hospital privado de Vigo que supón un encarecemento catro veces superior do previsto inicialmente.

Losada tamén salientou as mais de 1.400 emendas presentadas aos orzamentos e as mais de 700 propostas de resolución ao debate do estado da Autonomía, “que conforman o eixo e matriz do que será o noso programa electoral”. Lembrou que os socialistas galegos presentaron ademais Proposicións de Lei para a reforma do Estatuto de Autonomía, a blindaxe dos servizos públicos e de regulamento da publicidade institucional, todas elas rexeitadas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar