Losada considera incomprensible que o PP rexeite a comparecencia de Feijóo para explicar os recortes económicos e o ataque aos servizos públicos

Losada considera incomprensible que o PP rexeite a comparecencia de Feijóo para explicar os recortes económicos e o ataque aos servizos públicos

Losada considera incomprensible que o PP rexeite a comparecencia de Feijóo para explicar os recortes económicos e o ataque aos servizos públicos

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, reclamou a Feijóo que “dea a cara” na Cámara para explicar os recortes económicos, o ataque aos servizos públicos e a remodelación do seu goberno. Así o dixo na xuntanza da Deputación Permanente na que os socialistas reclamaron un Pleno extraordinario coa comparecencia do presidente da Xunta, que foi rexeitado polo PP.

O responsable socialista considerou incomprensible que o PP manteña agochado ao presidente da Xunta diante dunha situación de “parálise económica, co sistema financeiro barrido do mapa, sen crédito para as empresas e as familias mentres cada día temos que pagar mais impostos e estamos mais endebedados”. Dixo que a situación “esixe de maneira imperiosa e categórica respostas políticas que non se están dando”.

Losada advertiu que o portavoz do PP “anunciou hoxe mais recortes” no transcurso do debate pola caída de ingresos estimada en 250 millóns de euros, malia que anuncien unha inxección de 1.000 millóns de euros polo aprazamento da devolución dos anticipos de débeda, que compensará os 250 millóns, e os 805 millóns reclamados pola Xunta que supostamente o goberno central vai devolver.

Acusounos de adoptar o discurso dos “vendedores de crecepelo do lonxano oeste”, xa que “ou menten ou o que queren facer é pura e simplemente recortar”. Así, Galicia terá que sufrir “máis recortes en sanidade, educación e servizos sociais, que é onde hai negocio”, repetindo a súa conduta de “limar os sectores públicos onde o sector privado ten mais fácil entrar”.

O responsable socialista explicou que logo de sufrir os recortes orzamentarios de Feijóo entre 2009 e 2012, o PP “enganou á cidadanía” ao asegurar que baixarían os impostos para que a primeira noticia do goberno de Rajoy fora subir o IRPF. Sinalou que o decreto de 30 de decembro subindo os impostos “trata igual aos desiguais, e polo tanto é inxusto”.

A conclusión é que o incremento da presión fiscal reducirá a actividade económica e polo tanto a recadación fiscal entre un 1 e un 1,5 por cento, deteriorando aínda mais os servizos públicos. Acusou a Feijóo de permanecer “ancorado na ortodoxia” da redución do déficit xunto coa presidenta da Comunidade de Madrid, mentres o FMI adopta unha estratexia de impulso fiscal e incentivos ao crecemento económico.

Situación socioeconómica

Losada advertiu que mentres o presidente da Xunta estivo todo o mes de xaneiro facendo “excursións a Sevilla” mantendo o Parlamento “pechado”, Galicia ten o número de parados máis alta da súa historia, con 258.000, e acumula 80.000 empregos definitivamente perdidos dende a chegada de Feijóo. Mentres, os problemas de exclusión social e risco de pobreza agrávanse para un 20 por cento da poboación.

Sinalou que hoxe hai 80.000 galegos e galegas que viven en fogares sen ningún tipo de ingreso e que sofren a inacción do goberno de Feijóo. Mentres, a economía galega padece un proceso desindustrializador “brutal” e xeneralizado en todo o tecido industrial, coa perda de empregos no sector máis elevada do Estado e a conclusión do Plan Eólico da Xunta é “a planta incineradora do Irixo e nada mais”.

Acusou a Feijóo e aos seus conselleiros de permanecer “desaparecidos” e que recortan os servizos públicos mentres o endebedamento de Galicia é un 77 por cento máis elevado que cando chegou á Xunta “sen que servira para solucionar ningún problema”. Advertiu que a única resposta do PP é “competir vía salarios nunha dirección indesexable para construír unha sociedade moderna e competitiva”.

Criticou que a Xunta castigue aos servizos públicos, cunha redución na educación claramente “por riba da media do Estado”, e convertendo á sanidade nun “rosario de reclamacións de usuarios, médicos e provedores”. Advertiu que a estratexia do Hospital de Ourense de “almacenar” aos pacientes en urxencias para aforrar en limpeza e alimentación é “digna dun país do terceiro mundo”.

Dixo tamén que a decisión de privatizar e incrementar o custo das garderías de 0 a 3 anos constitúe unha “decisión en contra do impulso demográfico, de acordo con tódolos expertos”, malia que Galicia enfróntase a un “escenario demográfico complicado” polo envellecemento da poboación.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar