A Xunta busca unha coartada para xustificar os recortes nos servizos públicos

A Xunta busca unha coartada para xustificar os recortes nos servizos públicos

A Xunta busca unha coartada para xustificar os recortes nos servizos públicos

O portavoz do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Abel Losada, denunciou a “estratexia política, mediática e ideolóxica” que está a desenvolver o PP e o Goberno galego respecto ao Plan de Financiamento Autonómico e acusou á Xunta de “buscar unha coartada para xustificar os recortes nos servizos públicos esenciais que quere facer a dereita”.

Así, Losada sinalou que “non existe ningunha discriminación con Galicia” e lembrou que o Plan de Financiamento Autonómico foi asinado por Feijóo e a súa aplicación é igual para todas as comunidades. Destacou ademais que o actual modelo dota a Galicia de 600 millóns de euros máis que o anterior, asinado no seu día por Aznar e Fraga, á vez que amplía os prazos para a devolución, pasando de un ano a cinco.

Criticou ademais que a Xunta pida máis fondos ao Goberno central mentres rebaixa impostos –como o de transmisións e actos xurídicos documentais-, e mentres Feijóo mantén “unha folga de brazos caídos na loita contra o fraude fiscal”.

“Mentres Feijóo pide que se aprace a devolución de fondos anticipados, ou reclama máis fondos, esixe tamén máis inversións do Goberno central, o que non deixa de ser un exercicio dialéctico floral de suma cero, porque é imposible de cumprir”, dixo.

Losada lembrou que o actual modelo permite ao Goberno galego dispor de cinco anos para a devolución dos 1.600 millóns de anticipos, “uns fondos que lle permitiron a Feijóo colgarse a medalla da reducción do déficit”, sinalou, “pero que agora Feijóo terá que explicar en que os gastou, porque a situación económica e laboral de Galicia non mellorou entre 2009 e 2010”.

O portavoz socialista sinalou ademais que “nun exercicio de funambulismo político” o Goberno galego puxo 243 millóns de euros nos orzamentos, cando xa o Goberno de España anunciara que ese fondo de cooperación non se reembolsaría en 2011. “Non só incluíron esta cantidade nos orzamentos, senón que, atendendo a intereses puramente partidarios, incrementaron a cifra ata os 805 millóns de euros que ninguén é capaz de saber de onde saen”.

Lembrou a este respecto que os socialistas galegos pediron en diversas ocasións á Xunta os informes técnicos e xurídicos que avaliaban esta petición, así como un pretendido informe da Consellería de Facenda sobre esta cuestión, sen obter resposta ata o de agora.

“O único que temos ata o de agora é toda unha estratexia político-financeira, mediática e ideolóxica do PP, con obxectivos claramente partidistas”, sentenciou.

Xogo de tramposos e estratexia electoralO socialista referiuse ás declaracións realizadas por Feijóo nas que “nun exercicio de cinismo sen parangón” pedía que isto non fose un xogo de tramposos; e preguntouse “que é senón unha trampa o feito de pedir 805 millóns de euros que ninguén sabe de onde saen ou ese pretendido posible recurso da Xunta ante o TC?”.

“A estratexia do PP si é un xogo de tramposos, que tenta xustificar cuestións que van máis alá do financiamento”, apuntou Losada, quen engadiu que a “posta en escea” que desenvolveu o PP onte “ten como obxectivo claro o inicio dunha campaña electoral a favor do PP de cara ás eleccións xerais”.

“Todo isto evidencia unha estratexia planificada para, por unha parte, usar o reparto de fondos do Estado como oposición ao Goberno de España; e por outra, buscar unha coartada que xustifique os recortes nos servizos públicos esenciais que a dereita quere facer”, afirmou Losada.

“Todas as medias verdades, os informes escamoteados e a posta en escea, non é máis que unha coartada para que o PP faga o que quere facer, que é recortar os servizos públicos esenciais como sanidade, educación ou dependencia, sen que lle supoña un alto custo político”, engadiu.

Por elo, Losada esixiu a Feijóo “realismo co que asinou respecto aos Fondos de Financiamento Autonómico; lealdade co Goberno central e compromiso cos servizos públicos esenciais”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar