Losada acusa á Xunta de perpetrar “o maior ataque da historia contra a sanidade universal, pública e gratuíta”

Losada  acusa á Xunta de perpetrar “o maior ataque da historia contra a sanidade universal, pública e gratuíta”

Losada acusa á Xunta de perpetrar “o maior ataque da historia contra a sanidade universal, pública e gratuíta”

O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou hoxe á Xunta de Galicia por perpetrar “o maior ataque da historia de Galicia” contra a sanidade universal, pública e gratuíta. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do próximo Pleno do Parlamento no que Pachi Vázquez esixirá a Feijóo unha valoración sobre a defensa dos servizos públicos por parte da Xunta.

Losada acusou ao goberno galego de artellar un “inxusto ataque sistemático, consciente e planificado” para socavar a sanidade pública dende a Lei de Acompañamento dos Orzamentos para “saltar os controis” democráticos. Dixo que Feijóo tomou así decisións “moi graves” como o cobro de 10 euros pola tarxeta sanitaria, a desaparición das gardas de farmacia no rural ou esixir 6 meses de residencia para ter atención sanitaria plena.

As iniciativas socialistas no próximo pleno centraranse na defensa da sanidade pública, malia que o PP rexeitara a solicitude de comparecencia da conselleira de Sanidade para explicar a orde de 5 de setembro que limita a atención sanitaria ás persoas sen recursos. Esta decisión de Feijóo será debatida sen embargo a través dunha pregunta oral urxente que formularán os socialistas galegos.

Neste mesmo sentido, presentarán unha Proposición non de Lei para garantir a atención sanitaria en función do lugar de residencia “e non do tempo de atención”. Losada lembrou que a atención sanitaria universal, pública e gratuíta está garantida pola Lei de Sanidade de 1986 aprobada polos socialistas que contou co voto en contra do PP.

Apoio á iniciativa privada

O portavoz socialista acusou ao Goberno galego de demostrar o seu “apoio incondicionado á sanidade privada fronte á pública”, como demostra a “falacia” do discurso da conselleira de Sanidade baseado na escaseza de recursos. Losada dixo que “a realidade é que lle quitan a quen non ten para darlle a quen ten”.

O responsable socialista criticou así o “comportamento errático e incoherencia radical” da conselleira que “en contra do discurso de carencia de recursos toman a decisión xenerosa e rápida de aumentar os pluses para os médicos” para que desconvoquen as súas protestas.

Considera que esta medida é “difícil de explicar” ao resto dos profesionais públicos e aos cidadáns que padecen as carencias nas prestacións sanitarias, como na redución do transporte sanitario ou a negativa a contratar médicos substitutos na Área de Santiago.

Calidade democrática

Losada explicou que o Grupo Socialista presentará tamén no próximo Pleno unha batería de iniciativas dirixidas a denunciar a perda da calidade democrática provocada polo goberno de Feijóo. Así, criticou a negativa do PP á comparecencia do presidente da Xunta para explicar o elevado número de altos cargos afectados por delitos no seu goberno.

Os socialistas galegos presentarán así unha Interpelación sobre a “lamentable subxectividade amosada pola Xunta na persecución de delitos urbanísticos en función da cor do Concello” por parte da Consellería de Territorio. Denunciou a “asimetría entre os casos de Barreiros e A Guarda”, pola permisividade total amosada pola Consellería no caso do concello lugués.

Losada advertiu tamén do uso da Lei de Acompañamento para aumentar a discrecionalidade desta Consellería para aprobar as avaliacións medioambientais estratéxicas para os proxectos industriais e enerxéticos, abrindo a porta a “aberracións medioambientais” no territorio galego.

Os socialistas tamén interpelarán ao goberno galego pola utilización dos fondos de financiamento local de forma discrecional para favorecer aos concellos afíns, e preguntarán sobre o reparto de cheques en Cuba en período electoral, ou sobre as actuacións da Consellería de Economía e Industria no control das importacións de áridos presuntamente contaminantes por parte da empresa Manmer.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar