Lexislatura perdida en política industrial

Lexislatura perdida en política industrial

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, ven de cualificar de “preocupante” o balance da lexislatura de Núñez Feijóo, nomeadamente no ámbito industrial, onde “as malas novas son continuas e os numerosos anuncios de investimentos nunca rematan en operacións efectivas de contratación”, afirma.

 

Na exposición da interpelación ao Goberno sobre a política industrial desenvolvida e o retroceso xeral experimentado en Galicia, Méndez Romeu recriminou ao conselleiro de Industria, Javier Guerra, que, sector a sector, o peso da economía industrial na nosa comunidade “minora de xeito inexorable” e citou o sector naval, o da automoción, a minería, a enerxía que “ofrecen un ronsel de despedimentos, expedientes de regulación, concursos de acredores, etc.”

 

O deputado socialista recriminoulle a Guerra que, a menos dun ano das eleccións autonómicas o balance en política industrial se poida resumir en “anuncios constantes e reiterados”, pero os resultados “taimudamente”, non responden a esas visións optimistas, porque o emprego rexistra 46.000 traballadores menos no sector industrial, un 23% de perda respecto a 2009.

 

Criticou ó Goberno que ningún dos proxectos aprobados, para regular o aproveitamento eólico, de fomento do sector naval, ou a lei reguladora da política industrial, tiveron efecto, “nin acadaron resultados tanxibles nin en investimentos nin en emprego neto creado”.

Méndez Romeu fixo referencia en primeiro lugar ao sector da automoción. Así, recordou os anuncios da implantación dunha planta de baterías de Mitsubishi na Plisan de Salvaterra, cun investimento de 500M€ e a creación de 1.500 empregos que “son historia”.

 

“Nada se sabe da planta de montaxe de vehículos eléctricos en Melón”, sen solo dispoñible nin investidores. O emprego prometido, recorda o socialista, era neste caso de 1050 empregos.

A realidade do sector de Automoción é máis prosaica. Méndez citou  a diminución da actividade de Citröen, con expedientes de regulación que afectan a 3.000 traballadores, e unha caída do 25% das exportacións no que vai de ano. O sector rexistra unha perda acumulada desde 2009 de 1.700 empregos, aos que se deben sumar os 4.000 procedentes do sector da venda e reparación.

Para non redundar en argumentos xa empregados no desenvolvemento do Pleno, Méndez resumiu a situación doo sector Naval na frase do propio consellerio, “estamos esperando a PEMEX” ao que engadiu “non sabemos si no sentido da comedia de Berlanga ou no sentido da traxedia de Samuel Beckett”. “Palabras, promesas, pero non documentos”, dixo en referencia á negativa do Goberno a ensinar os acordos coa petroleira mexicana. En xogo quedan 2000 empregos e 500 M€ de investimento.

 

O sector enerxético quedou liquidado, o téxtil viu desaparecer 31 empresas e 211 compañías de confección, 5000 empregos perdidos, desde 2009. O programa Empregatex “fracasou” creando só emprego subvencionado que “rematou cando rematou a subvención. Recriminou tamén Méndez ao Goberno Feijóo a falta de eficiencia para resolver actuacións irregualres de empresas, recentemente o de EMESA Trefilería, que pechou por intereses do seu grupo empresarial, a pesares de estar a pleno funcionamento.

 

Atendendo a termos territoriais, Méndez fixo fincapé na provincia de Ourense, á que considera a “máis castigada”. Esgrimindo a nova dun xornal ourensán, o deputado socialista recordou os incumprimentos de Feijóo: O Centro de Melón, o centro cárnico de Xinzo, un balneario, unha planta de biomasa, unha planta incineradora, Manzaneda, etc. “promesas e mais promesas, fracasos e máis fracasos”.

 

Recordoulle ao conselleiro o índice de produción industrial, “en caía libre desde hai meses”. Recriminoulle ao Goberno unha equivocada política de promoción do solo industrial baseada na subasta, cando as empresas non teñen liquidez, e preguntou sobre a eficiencia de captación de investimentos no exterior da oficina creada a tal efecto.

 

En relación ao Igape, que en 2011 deixou sen executar axudas por valor de 113 M€, e non cumpren o acordo unánime do pleno para entregar os resultados da investigación e continúa entregando axudas por baixo dos 6000 euros.

 

Reprochou ao Goberno galego que, en troques de investimentos anticíclicos, continúe reducindo os investimentos en I+D, un 29% en tres anos, e os avais do IGAPE caeron un 90% e os créditos, no mesmo período un 34%. Ademais a Axencia de I+D ten hoxe menos da metade de orzamento que hai tres anos.

 

Rematou esixindo ao Conselleiro de Industria que “fora quen de recoñecer a situación real e, en lugar de anuncios, ofreza algunhas medidas concretas para mellorar este escandaloso fracaso”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar