Levamos ao Parlamento a participación privada no Plan de Turismo da Xunta "Portas de Galicia"

Levamos ao Parlamento a participación privada no Plan de Turismo da Xunta "Portas de Galicia"

O portavoz de turismo do Grupo Socialista, Manel Gallego, presentou no Parlamento unha pregunta á Xunta para que faga públicas as fórmulas de cooperación público – privado desenvoltas no Plan de Competitividade Turística “Portas de Galicia” “para facultar a participación do sector privado no desenvolvemento turístico desta zona do territorio galego”.

O responsable socialista pregunta polo anuncio da Secretaría Xeral para o Turismo, que anunciaba o desenvolvemento de “políticas de xestión a partir de fórmulas de colaboración público – privado que propicien a mellora económica e social do territorio”. O Plan, que debera estar rematado en 2015, ata o momento produciu “cero resultados”.

Ademais, reclámalle ao goberno galego que expoña as accións concretas executadas con cargo ao Plan de Competitividade Turística, aprobado en xaneiro de 2011 no marco do Plan de Turismo Español Horizonte 2020 creado polo Ministerio de Industria para fomentar o desenvolvemento turístico dos concellos ourensáns de Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

O Plan nace “coa vontade de investir 2,5 millóns de euros no desenvolvemento turístico desa zona do territorio galego, creando unha marca turística sólida xeradora de experiencias e cohesionadora do destino nesa área xeográfica galega”. Lembra que os concellos no seu conxunto teñen que participar inicialmente cun 33 por cento do investimento, o que supón 833.333 euros.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar