Lembranza de Carlos Casares, tecedor de consensos

Lembranza de Carlos Casares, tecedor de consensos

Lembranza de Carlos Casares, tecedor de consensos

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou hoxe a figura como “tecedor de consensos” do intelectual galeguista Carlos Casares, deputado autonómico na I Lexislatura co PSdeG como independente. O responsable socialista avogou por “recuperar os consensos” pechados por aquela xeración de políticos que conseguiu acordar a Lei de Normalización Lingüística, respectada “ata a chegada de Feijóo”.

Fernández Leiceaga interveu nun acto de lembranza do intelectual galeguista para reivindicar o seu talante “construtor do mundo da cultura e da identidade”. Apostou por “recuperar o consenso” que levou no primeiros anos da autonomía a acordar “instrumentos de construción da identidade colectiva” que perduran hoxe.

A figura de Casares, digo, foi central naquel momento no que foi aprobada a Lei de Normalización Lingüística, a Lei de recoñecemento da Galeguidade, a creación da Consello da Cultura Galega, a Lei de Símbolos de Galicia ou a creación da CRTG. Casares, continuou, “foi todo no mundo da cultura galega”, como director de Galaxia ou Grial, presidente do Consello da Cultura Galega, presidente do Pen Clube e mesmo como deputado autonómico.

Referiuse a el como “un home comprometido co seu tempo e cos valores de xustiza e liberdade, que non dubidou en poñer en xogo a súa carreira para defender aos humildes, sendo expedientado por defender as reivindicacións dos que hoxe chamariamos precarios”. En definitiva, concluíu, “un defensor da tolerancia, da xustiza, da liberdade, da igualdade e do galeguismo, en definitiva, un dos bos e xenerosos”.

Leiceaga interveu nun acto sobre a figura do autor, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, celebrado polo Grupo Socialista no compostelán Pazo de Fonseca. O acto comezou coa intervención dunha rapaza de oito anos que deu lectura a un fragmento do conto infantil “A Galiña Azul”, continuou coa intervención dos parlamentarios autonómicos socialistas, que leron escolmas da súa obra, e rematou coa intervención do seu fillo, Håkan Casares, e do propio Leiceaga.

ACTO CARLOS CASARES- 17 DE MAIO
Borrador da intervención de Xoaquín Fernández Leiceaga,
portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Boa tarde:

Grazas por acudir a esta convocatoria. Fundación CC. Deputados. USC. Asistentes
Para nós era unha obriga facela.

Primeiro, por reiterar o compromiso coa lingua propia de Galicia que ten este grupo.

Segundo, para por no lugar que merece a figura de C. Casares, escritor comprometido coa lingua e a cultura do país, home progresista comprometido cos valores do seu e noso tempo.

¿Compromiso coa lingua galega? Somos deputados do Parlamento de Galicia! Pero nestes tempos de confusión convén reiterar algunhas obviedades.

O PSdeG estivo en todos os procesos de constitución do autogoberno que se produciron no noso país. No 36 e no 81. Como partido democrático, autonomista, de esquerda. É o único grupo político que pode presumir destas credenciais sen tacha.

No ano 81, logo de aprobarse o EAG que reflectía a condición de nacionalidade histórica, o PS acolleu nas súas candidaturas á sociedade civil galeguista, á tradición histórica autonomista, incorporando como resultado ao Parlamento de Galicia a catro personalidades, unha por provincia, entre as que se atopaba Carlos Casares –acompañado do mestre Ramón Piñeiro-.

Foi unha mostra de xenerosidade por todas partes. Por uns, que adicaban un tempo precioso, unha experiencia singular e unha capacidade innegable á construción do autogoberno; por outro, o PS que transcendía as fronteiras partidarias para acoller unha pluralidade necesaria. Este proceder permitiu que a transversalidade fluira no primeiro parlamento autonómico, do 81 ao 85 –cámara que celebraba as súas sesión neste mesmo edificio-. Así impulsouse cun amplo consenso a Lei de Normalización Lingüística, en 1983, na que Carlos Casares tivo un papel destacado. Pero tamén foron aprobadas a Lei de Recoñecemento da galeguidade, a creación do Consello da Cultura galega, a Lei de Símbolos de Galicia ou a creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia, por non saírnos do ámbito cultural ou identitario.

Carlos Casares foi un construtor, xunto con outros destacados deputados, do noso e doutros grupos, do edificio institucional físico e virtual da CAG. Do noso autogoberno. Pero sobre todo foi quen de fraguar a urdime de relación persoais, transcendendo as fronteiras político-partidarias, que permitiu facelo dun xeito respectuoso coas necesidades do país e o seu pluralismo.

Só por iso merecería un recoñecemento social como o que está tendo, e unha homenaxe do noso grupo.

O consenso lingüístico perdurou pero foi quebrado por ANF, que impuxo un marco normativo desequilibrado.

Ramón Piñeiro dicía que “a lingua é a expresión da nosa identidade, da nosa propia realidade como ser colectivo”. Nesta dualidade individual/colectivo é imprescindible preservar a liberdade de escolla para cada persoa –que non está en cuestión en Galicia- pero tamén as administración –e singularmente a autonómica- debe asegurar o marco de convivencia lingüística, garantir as competencias lingüísticas da mocidade así como a posibilidade de facer a vida no idioma que un escolla.

Para iso precisamos un consenso social e político como aquel que Carlos Casares colaborou en tecer, para iso precisaríamos no Parlamento actual a moitos Carlos Casares, bos e xenerosos, que souberan que o galego é un patrimonio innegociable, un vehículo de comunicación único, aberto á creatividade e que nos une con máis de 260 millóns de persoas.

Permítanme tamén unas palabras sobre Carlos Casares.

Era un enorme escritor. Non digo nada orixinal. Un home de cultura, unha figura nacional, influinte como poucas na súa xeración. Poeta, novelista, biógrafo, ensaísta, autor dramático, Que escribía nos xornais, La Región, La Voz de Galicia, deliciosas perlas de sabedoría sobre o cotiá. Era tamén un conversador paciente de humor sutil, que triunfaría nos tempos da tradición oral.

Este recoñecemento do DLG é sobradamente merecido. C. Casares foi un escritor lido e apreciado polos seus contemporáneos, con obras de enorme impacto, desde os Xoguetes en que contaba a Compostela estudantil até o fanatismo de Ilustrísima, a ficción histórica dos Soños de Clío ou o tempo da derrota do Deus sentado. Obras que perdurarán, que seguirán a ser referencia.

Alén do aprezo persoal e do recoñecemento literario ou cultural, quero poñer o acento no Casares construtor, no director coral de obras colectivas.

Como director de Galaxia ou Grial.

Como Presidente do Consello da Cultura Galega.

Como presidente do Pen Clube.

Como deputado autonómico, impulsor de leis decisivas.

Un home comprometido co seu tempo e cos valores de xustiza e libertade. Que non dubidou en por en xogo a súa carreira para defender aos humildes, sendo expedientado e expulsado de Galicia para poder ensinar –hoxe, as voltas da historia, ese Instituto leva o seu nome-. Que tornou a ser expedientado por defender as reivindicacións dos que hoxe chamaríamos precarios.

Un defensor da tolerancia, da xustiza, da libertade, da igualdade, do galeguismo. Un dos bos e xenerosos.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar