Leiceaga reclamaralle a Feijóo a OPE de Educación no próximo Pleno do Parlamento

Leiceaga reclamaralle a Feijóo a OPE de Educación no próximo Pleno do Parlamento

Leiceaga reclamaralle a Feijóo a OPE de Educación no próximo Pleno do Parlamento

O Grupo Socialista realizará no próximo Pleno do Parlamento un monográfico sobre a situación do emprego en Galicia, que comezará con dúas proposicións non de Lei para reclamar a conversión do emprego público precario en indefinido e sobre a OPE de sanidade. Así o explicou hoxe o portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, logo da reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento.

O responsable socialista reclamou suprimir as taxas de reposición, un mecanismo que foi “intensificado” polo goberno de Rajoy, no momento en que comeza a recuperación económica. Dixo que as comunidades autónomas xa contan con suficientes mecanismos de control, a través do teito de gasto e do control do déficit, como para impoñer fórmulas de “rixidez excesiva”.

Explicou que o goberno galego empregou a taxa de reposición para substituír aos funcionarios xubilados por contratos en precario “sen que iso supuxera unha redución do gasto”, e si a privatización de servizos non cubertos polos empregados públicos. Reclamoulle á Xunta que lle reclame ao goberno central “eliminar este corsé excesivo”, máxime canto mesmo a CEOE sinala que España está por debaixo das taxas de emprego público da UE.

Sesión de control

O propio Leiceaga centrará a sesión de control ao presidente da Xunta na convocatoria da Oferta Pública de Emprego no ensino, logo de que Feijóo se adherira á estratexia do Goberno central de vincular a OPE á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para “utilizar aos sindicatos e aos opositores para presionar ao PSOE”.

Advertiu que agardar aos orzamentos, que no mellor dos casos non serían aprobados ata comezos do verán, impediría rematar a convocatoria a tempo para o inicio do próximo curso. Lembra que o goberno conta cos instrumentos necesarios para levar adiante a convocatoria a través dun Real Decreto Lei que “de ser suficientemente xeneroso coas taxas de reposición podería contar co apoio do Congreso”.

Os socialistas presentarán tamén unha moción sobre as actuacións que debe levar a cabo o goberno galego en materia de igualdade no traballo entre mulleres e homes, e unha interpelación sobre a política da Xunta de Galicia en relación coa situación económica e social da mocidade, sinaladamente sobre a súa difícil incorporación ao mercado laboral.

Preguntas

Finalmente incluirán dúas preguntas orais sobre a sentenza xudicial en contra do proxecto de construción dunha liña de alta tensión entre as localidades do Irixo e Lalín, que afectaría á fraga de Casas Vellas, na parroquia de Catasós.

Tamén presentarán unha pregunta oral sobre a posta en marcha do Porto Seco de Monforte, logo de que o presidente da Xunta lle confirmara ao presidente da Deputación de Lugo a renuncia do goberno autonómico a investir na dita infraestrutura.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar