Leiceaga reclama máis xulgados específicos contra a violencia de xénero

Leiceaga reclama máis xulgados específicos contra a violencia de xénero

Leiceaga reclama máis xulgados específicos contra a violencia de xénero

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, presentou hoxe as iniciativas parlamentarias que o PSdeG levará ao próximo Pleno, incluíndo unha proposición non de Lei para mellorar a atención xudicial ás vítimas de violencia de xénero. O responsable socialista chamou a un acordo “de país” para mellorar a atención ás persoas que padecen esta lacra que se cobrou dúas novas vítimas mortais en Galicia nesta última semana.

O responsable socialista salientou a coincidencia de tódolos grupos parlamentarios á hora de levar ao próximo Pleno medidas para mellorar a atención ás vítimas e loitar pola redución destes casos ata a súa desaparición. Sinalou que a loita contra a violencia de xénero “debe transcender as ideoloxías políticas”, pero puxo en dúbida a vontade real do goberno galego de chegar a acordos de consenso cos grupos parlamentarios.

Neste sentido, apuntou que mentres o Goberno galego “presume de tender a man, á hora de plantexar cuestións concretas atopámonos con que esta man foi retirada, é sistematicamente agochada”, evidenciando que “non existe disposición real de acadar grandes acordo por parte do presidente da Xunta”.

O próximo Pleno incluirá tamén diversas iniciativas do Grupo Socialista dirixidas a mellorar e acelerar a conexión da liña de alta velocidade ferroviaria galega, logo dos retrasos anunciados polo goberno central. Fernández Leiceaga propón por exemplo facer a conexión de Zamora – Lubián – Ourense con Santiago a través da licitación conxunta de proxecto e obra como medida para acelerar a súa execución.

Tamén presentarán unha pregunta oral sobre o reinicio das obras nos tramos da liña de alta velocidade na provincia de Lugo, paralizadas polo Ministerio de Fomento, para que “a Xunta teña ocasión de explicar qué vai facer neste asunto”.

Demografía e emigración

Fernández Leiceaga centrará a sesión de control da próxima semana en reclamarlle a Feijóo novas medidas para combater a regresión demográfica de Galicia, con medidas centradas na conciliación da vida familiar e laboral e un programa de retorno que garanta mellores condicións para que os mozos e mozas poidan regresar e desenvolver os seus proxectos en Galicia.

Os socialistas galegos queren mellorar tamén as condicións da volta á casa dos maiores emigrantes, que serán obxecto dunha proposición non de Lei na que reclaman unha estratexia integral para os galegos retornados. Esta afronta os problemas cos que se atopan, como as dificultades de acadar unha tarxeta sanitaria, a fiscalidade, un tratamento adecuado aos xubilados ou o acceso ás residencias públicas.

Os socialistas galegos tamén presentarán dúas mocións no próximo Pleno para prevención do consumo de bebidas alcohólicas polos menores de idade e actuacións para loitar contra a pobreza enerxética. A sesión de control ao goberno incluirá ademais dúas preguntas sobre a regulación da extracción de percebe e o clientelismo nas axudas destinadas á mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar