LEICEAGA PROPÓN “UNHA NOVA LEI DO AUDIOVISUAL” FROITO DO DIÁLOGO CO SECTOR

LEICEAGA PROPÓN “UNHA NOVA LEI DO AUDIOVISUAL” FROITO DO DIÁLOGO CO SECTOR

LEICEAGA PROPÓN “UNHA NOVA LEI DO AUDIOVISUAL” FROITO DO DIÁLOGO CO SECTOR

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe a súa intención de sacar adiante unha nova lei para o audiovisual galego, comprometéndose ao diálogo co sector para a súa redacción, o que facilitaría “o consenso no Parlamento”.

Leiceaga mantivo unha reunión con representantes da Academia Galega do Audiovisual, na que falaron da necesidade “dunha nova lei que se axuste á situación actual dun sector no que a modernización tecnoloxica é constante, agora temos novos medios de difusión dos contidos e novas categorías profesionais”. A lei vixente ten 17 anos.

“O noso obxectivo é incrementar un 20% os postos de traballo no sector en catro anos”, asegurou o candidato socialista, que para iso considera necesario “potenciar os creadores xóvenes” e recuperar “as axudas, a través dunha liña de financiamento, para producións audiovisuais”. “Temos que involucrar o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras, para o que é necesaria a implicación da Xunta”, engadiu.

“Son propostas concretas e asumibles, Feijóo non sabemos que propostas ten”, afirmou Leiceaga, que lembrou “o contrato asinado por Feijóo en febreiro de 2009 con catorce compromisos, dos que doce están incumpridos e dous cumpriunos parcialmente: a austeridade e menos impostos, pero só os baixa en época electoral”.

“O incumprimento do seu programa é flagrante; se Feijóo fose o xerente dunha empresa que funcionase por obxectivos estaría despedido e sería un despido procedente”, rematou.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar