Leiceaga preguntaralle a Feijóo polas políticas de Igualdade dos seus gobernos

Leiceaga preguntaralle a Feijóo polas políticas de Igualdade dos seus gobernos

Leiceaga preguntaralle a Feijóo polas políticas de Igualdade dos seus gobernos

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe que empregará a sesión de control do próximo Pleno do Parlamento para preguntarlle a Feijóo polas políticas de igualdade durante os seus gobernos. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da sesión plenaria da próxima semana.

Os socialistas levarán ao próximo Pleno varias iniciativas relacionadas coa igualdade, con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, o próximo mércores, tanto á sesión de control como a través dunha interpelación sobre as políticas do goberno en materia de igualdade no traballo.

Fernández Leiceaga sinalou a fenda salarial entre homes e mulleres, cunha especial incidencia da precariedade laboral entre as traballadoras. Ademais de padecer mais contratos parciais, dixo, as mulleres teñen que soportar un salario por hora mais baixo que o dos seus compañeiros varóns, unha situación que só se equipara nos tramos salariais máis altos.

OPE

Os socialistas galegos tamén lle preguntarán á Xunta sobre a aprobación da oferta de emprego público de 2017, logo de que Feijóo asegurara na última sesión plenaria que secundaba a chantaxe do ministro de Facenda, quen ligaba calquera OPE á aprobación dos orzamentos no Congreso. Lamentou que a Xunta se teña limitado a apelar ás “incertezas” das declaracións do ministro “pero non aclaran a qué marco legal se acollen”.

Fernández Leiceaga lembrou que a normativa vixente é a dos orzamentos de 2016, xa que están prorrogados, e que determinan unha taxa de reposición do cen por cen, co que deben convocar tantas prazas como queden baleiras. Dirixiuse á Xunta para sinalar que “se non é este o marco legal ao que se acollen, deben aclarar cal é”.

En opinión do portavoz dos socialistas galegos, a resposta da Xunta debe ser que “non se somete ás ameazas do ministro de Facenda, que non ten razón” para advertir que levará aos tribunais as convocatorias de oposicións das comunidades autónomas.

AP-9

O portavoz socialista explicou que o próximo Pleno comezará cunha proposición de Lei conxunta dos catro grupos parlamentarios para enviarlle ao Congreso co fin de que debata a transferencia da AP-9 á Xunta de Galicia. Esta é a segunda vez que o Parlamento de Galicia presenta unha iniciativa semellante, desta volta retirando da súa redacción os motivos que provocaron o seu veto polo Goberno na Mesa do Congreso.

O próximo Pleno incluirá ademais dúas mocións dos socialistas galegos sobre violencia no deporte e sobre os compromisos asumidos pola Xunta no Pacto Local, ademais de dúas proposicións non de Lei para adscribir os centros de ensinanzas artísticas superiores ás universidades mediante convenio e para reclamarlle á Xunta a constitución da comisión mixta que determinará o impulso das comarcas mineiras do carbón.

Tamén presentarán preguntas orais sobre o prazo previsto polo Goberno galego para a aprobación do novo plan de xestión do lobo e sobre a asistencia do ex alcalde de Melón, inhabilitado para exercer cargo público, a unha xuntanza entre a actual alcaldesa e a delegada territorial da Xunta de Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar