LEICEAGA: “O VOTO DE REBELDÍA É O VOTO AO PARTIDO SOCIALISTA”

LEICEAGA: “O VOTO DE REBELDÍA É O VOTO AO PARTIDO SOCIALISTA”

LEICEAGA: “O VOTO DE REBELDÍA É O VOTO AO PARTIDO SOCIALISTA”

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou esta mañá en Santiago que “o voto de rebeldía hoxe en día é o voto ao Partido Socialista”, unha rebeldía “contra o Partido Popular e contra o populismo e a simple protesta”.

Leiceaga presenteu as súas propostas para a xuventude nun acto celebrado no campus sur de Santiago, no que tamén participou o secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza. “A rebeldía pode e debe exercerse votando ao Partido Socialista, só o socialismo ofrece un camiño sólido, fiable e eficaz para rebelarse”, manifestou o candidato do PSdeG.

“Somos o único partido que fixo nesta campaña unha proposta seria e solvente para loitar contra o desemprego xuvenil, cun plan de emprego con 10.000 contratos ao ano que será a primeira medida que porei en marcha”, apuntou Leiceaga, que explicou tamén no acto “o plan de retorno do talento destinado a facilitar a volta de mozos e mozas emigrados nos últimos anos”.

O programa socialista inclúe tamén “unha escola de masters, en colaboración coas tres universidades, para a posta en marcha de estudos de master con demanda social en cada área de coñecemento, con criterios de calidade e internacionalización, e un sistema de axudas propio para facilitar o acceso”.

Con respecto aos emprendedores, anunciou “unha tarifa plana para os autónomos durante un ano, con condicións especiais na súa contribución a seguridade social”, ademais de recuperar “o plan de apoio á vivenda en aluguer para mozos e mozas”.

Por último, Leiceaga animou á xuventude a “pensar libremente” e a exercer “un voto de protesta e madurez, por iso pídovos que votedes ao Partido Socialista porque é a única forma real de cambiar as cousas”.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar