Os socialistas denuncian que o Decreto de Atención á Diversidade no ensino é papel mollado

Os socialistas denuncian que o Decreto de Atención á Diversidade no ensino é papel mollado

Os socialistas denuncian que o Decreto de Atención á Diversidade no ensino é papel mollado

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo hoxe que o Decreto de Atención á Diversidade no ensino aprobado pola Xunta en decembro é “papel mollado” por canto carece de recursos adicionais para os centros. Engadiu que establece un alto nivel de esixencia mentres “a Consellería de Educación non se compromete a nada”.

Na comparecencia en Comisión para explicar o devandito Decreto, lamentou que esta se teña celebrado logo de que o decreto fora aprobado, co que “impide a incorporación de calquera proposta derivada do debate”. Cualificou a intervención de “rolda de prensa a posteriori, co decreto vixente e correndo” e afectando ao conxunto do alumnado galego, co que a presentación “ten moito menos sentido que hai catro meses”.

Sinalou ademais que o Decreto posúe unha “ampla retórica” que se converte en “papel mollado” ao carecer de compromisos efectivos para dotar aos centros de mais persoal ou reducir o número de alumnos por aula onde sexa necesaria unha educación inclusiva adaptada ás persoas con necesidades disfuncionais. Así, lembrou que os recortes da Xunta auguran unha redución nos coidadores e orientadores escolares.

Apuntou que mentres o punto central do decreto é o Plan de Atención á Diversidade, este establece un nivel de esixencia “alto” cun seguimento anual, pero que se volve irrealizable pola falla de recursos. Acusou ao Goberno de “deixar solos” aos centros educativos diante das novas demandas, xa que “en todo o decreto a Consellería non asume un só compromiso”.

Reclamou tamén o compromiso do goberno para manter o número de orientadores escolares e esixiu un calendario de desenvolvemento da orde presentado hoxe para coñecer a previsión do inicio da aplicación.

Segregación

Fernández Leiceaga sinalou que a falla de compromisos e de recursos mentres os centros atópanse nunha “situación límite” provocará que estes aposten “polas medidas de carácter extraordinario previstas no decreto como a creación de aulas especiais que permitan paliar estas carencias de maneira pouco custosa. Explicou que os centros están obrigados a destinar os seus recursos a atender as necesidades de tódolos alumnos.

Acusou ao goberno galego de ir contra os obxectivos da LOE, que establece a inclusión e a desaparición progresiva da segregación tanto en centros especiais como en aulas especiais dentro dos centros ordinarios.

O responsable socialista reclamou un Plan de Acción Integral dirixido ás persoas con discapacidade para garantir unha educación inclusiva de calidade, tal e como ven de reclamar o Consello Escolar de Galicia. Solicitou que o goberno galego presente este Plan a debate na Cámara autonómica incluíndo un calendario para a eliminación de barreiras arquitectónicas e o reforzo do persoal de apoio onde sexa necesario.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar