LEICEAGA DEMANDA “A TITULARIDADE PÚBLICA DA AP-9 PARA GALICIA” E LEMBRA QUE FOI “UN MANDATO UNÁNIME DO PARLAMENTO”

LEICEAGA DEMANDA “A TITULARIDADE PÚBLICA DA AP-9 PARA GALICIA” E LEMBRA QUE FOI “UN MANDATO UNÁNIME DO PARLAMENTO”

LEICEAGA DEMANDA “A TITULARIDADE PÚBLICA DA AP-9 PARA GALICIA” E LEMBRA QUE FOI “UN MANDATO UNÁNIME DO PARLAMENTO”

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, demandou hoxe na Coruña “a titularidade pública da AP-9 para Galicia” e lembrou que foi “un mandato unánime do Parlamento”.

“A autoestrada ten un problema que é a prórroga da concesión durante 48 anos, aprobada con Álvarez Cascos de ministro de Fomento, Aznar de presidente do goberno e Fraga na presidencia da Xunta, con Feijóo nun segundo nivel de xestión no goberno; aí Galicia perdeu a oportunidade de recuperar a titularidade pública dunha infraestrutura central e estratéxica”, manifestou Leiceaga.

O candidato dos socialistas galegos lamenta que “sexan os cidadáns cos peaxes os que pagan o negocio” e critica que coa operación da que onte informaron os medios de comunicación “Galicia perda tamén a súa conexión empresarial a través de entidades como Abanca”.

Leiceaga mantivo hoxe na Coruña unha reunión co grupo municipal socialista encabezado por José Manuel Dapena, dentro da rolda que o leva polas principais cidades galegas durante este mes. “O patrón xeral é o mesmo, os municipios levan anos perdidos por falta de investimento en infraestruturas e servizos básicos”, manifestou.

En concreto, criticou a paralización por parte do Ministerio de Fomento “da estación intermodal ou do enlace ferroviario co porto exterior, moi importante para darlle un sentido a este investimento”. Demandou tamén medidas para aumentar a competitividade de Alvedro.

Os socialistas galegos apostarán no seu programa electoral “por unha rede de tren de cercanías que vertebre a área da Coruña e chegue ata Ferrol”. “Pode ser un gran proxecto e debe ser a Xunta a que xestione esta rede de proximidade”, apuntou Leiceaga.

Con respecto á política industrial, Leiceaga puxo en valor o traballo de empresas como Inditex, pero lembrou que “o problema agora está en Alcoa, é moi necesario para solucionar a súa situación que o goberno en funcións impulse a subasta de interrumpibilidade”. No programa socialista se tratarán tamén o saneamento da ría do Burgo ou o futuro de Nostián dentro dunha estratexia ambiental galega.

Con respecto á educación e a área sociosanitaria, Fernández Leiceaga apuntou que “o plan director do CHUAC está retrasado e hai moitas promesas incumpridas na rede de centros de saúde e o plan de maiores”. O candidato falou tamén cos membros de grupo municipal de turismo e política cultural.

Pola súa parte, o portavoz municipal socialista, José Manuel Dapena, asegurou que “os incumprimentos por parte do PP no goberno central e na Xunta son constantes, hai unha falta de compromiso nos orzamentos e temos pendentes reivindicacións de cando Leiceaga era portavoz parlamentario”.

Mercedes Cernadas

Deixar a resposta

Pechar