LEICEAGA COMPROMÉTESE A “REFORMULAR O IGAPE” E A UNHA FP DUAL VINCULADA AO METAL

LEICEAGA COMPROMÉTESE A “REFORMULAR O IGAPE” E A UNHA FP DUAL VINCULADA AO METAL

LEICEAGA COMPROMÉTESE A “REFORMULAR O IGAPE” E A UNHA FP DUAL VINCULADA AO METAL

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou hoxe en Vigo por medidas “de calado e futuro” para potenciar o sector industrial galego, entre as que mencionou a reformulación do Igape e unha FP dual vinculada ao metal.

Leiceaga mantivo unha reunión coa xunta directiva da Asociación de Industriales Metalúrxicos de Galicia (Asime), antes de visitar a factoría de Vulcano para falar coa dirección e o comité de empresa. “O sector industrial galego perdeu 150.000 empregos con Feijóo, unha cifra moi preocupante que obriga a pensar nunha reindustrialización de Galicia”, asegurou.

“Temos que rematar coas políticas de apariencia e superficialidade, de vender falsas solucións que so permiten exportar as dificultades, sacalas do medio sen darlles solucións”, criticou Leiceaga, que considera a Feijóo “un gran vendedor de si mesmo, de ilusións e de motos, cunha gran capacidade para exportar: exporta xente, empresas e problemas”. “Feijóo vendeu as caixas, o hospital de Vigo e mesmo quixo vender o mar, pero o sector non o deixou”, engadiu.

Para os sectores do metal, o naval e o automóbil, que representan o 17% do PIB galego e dan emprego na comarca de Vigo a 60.000 persoas, Leiceaga aposta “por unha resposta nova da man da innovación, abrindo portas como a enerxía maremotriz e a eólica offshore, e axudando ás agrupacións de empresas que traballan nestes campos”.

“A formación é clave, temos que mellorar o oficio dos traballadores e a capacidade dos empresarios con políticas de formación e unha FP dual vinculada ao metal, sempre contando coa opinión e a colaboración das empresas”, afirmou Leiceaga, que garantiu tamén “un Igape que sexa realmente unha ferramenta para o financiamento dos proxectos empresariais”, lembrando iniciativas de xestión doutras comunidades autónomas como o Instituto Valenciano de Finanzas.

En declaracións aos medios, o socialista falou por outra parte da necesidade de “incrementar o solo industrial próximo a empresas e clientes, e cun prezo asequible”. Para elo, propón a creación dunha axencia especializada na promoción do solo industrial e a reformulación das actuais Xestures.

“Son necesarias diferentes propostas e iniciativas dialogadas co sector, medidas que teñen que ter despois un seguemento para que non pase o de Feijóo cos anuncios de Pemex, onde houbo moito ruído e poucos barcos”, rematou o candidato do PSdeG.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar