LEICEAGA APOSTA POR UNHA “AXENDA SOCIAL DO CAMBIO COA EDUCACIÓN, A SANIDADE E AS POLÍTICAS DE BENESTAR COMO EIXOS FUNDAMENTAIS”

LEICEAGA APOSTA POR UNHA “AXENDA SOCIAL DO CAMBIO COA EDUCACIÓN, A SANIDADE E AS POLÍTICAS DE BENESTAR COMO EIXOS FUNDAMENTAIS”

LEICEAGA APOSTA POR UNHA “AXENDA SOCIAL DO CAMBIO COA EDUCACIÓN, A SANIDADE E AS POLÍTICAS DE BENESTAR COMO EIXOS FUNDAMENTAIS”

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou hoxe na Coruña por “unha axenda social do cambio”, parella á recuperación económica e “coa educación, a sanidade e as políticas de benestar como eixos fundamentais”.

Leiceaga participou nun encontro con axentes económicos e sociais da cidade xunto ao ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, que mostrou o seu apoio ao candidato do PSdeG e manifestou que ten “o coñecemento preciso de Galicia, claridade nas ideas e capacidade para o diálogo e o acordo”.

Na súa intervención, Leiceaga asegurou que “desenvolveremos unha política social integradora para recuperar a cohesión, a crise económica deixou auténticos dramas nos que a acción pública debe incidir, xenerando condicións de igualdade social e de oportunidades para construir unha sociedade máis xusta”.

“Contrataremos 2.500 novos mestres para mellorar o sistema educativo e queremos que a sanidade sexa o único luxo que teña a nosa administración, unha sanidade universal e pública”, apuntou Leiceaga, que comprometeuse a “rescatar o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, eliminar o copago sanitario para os pensionistas con rentas menores a 18.000 euros anuais e incorporar 1.500 novos profesionais sanitarios”.

Con respecto ao proxecto económico, lamentou que “o goberno do PP limitase a economía ao recorte do gasto, Galicia precisa unha nova política económica que priorice a creación de emprego a través da reindustrialización e a innovación, e iso témolo que facer dende o diálogo e a concertación social”.

“Precisamos dunha auténtica política de promoción de solo industrial, reformar en profundidade o IGAPE para que sexa un instrumento útil para o noso tecido empresarial e desenvolver un novo plan galego de I+D+i”, explicou Leiceaga, que lembrou que “a miña primeira medida como presidente da Xunta será o impulso dun Plan de Emprego dotado con 100 millóns de euros para que as empresas galegas poidan contratar 10.000 mozos anualmente”.

No acto, estiveron o rector da UDC, Julio Abalde; o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz; o presidente do Clube Financeiro, Mario Gómez Ulla; o presidente de AJE Coruña, Marcos Balboa; o vicepresidente da lonxa, Torcuato Teixeira; o director de ATA Galicia; Rafael Granados, e representantes dos principais sindicatos e dos grupos municipais socialistas da comarca.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar