Leiceaga acusa ao Goberno de Feijóo de "afogar" a investigación universitaria

Leiceaga acusa ao Goberno de Feijóo de "afogar" a investigación universitaria

Leiceaga acusa ao Goberno de Feijóo de "afogar" a investigación universitaria

O portavoz de Universidades do Grupo Parlamentario dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou ao Goberno de Feijóo de “afogar” a investigación universitaria con continuos recortes, que cifrou en máis de 44 millóns de euros para este ano respecto ao 2010.

En rolda de prensa, o socialista sinalou que en 2010 convocáronse diversos proxectos de investigación, entre elas as de consolidación de estruturación de unidades investigadoras, da Consellería de Industria que apoiou a máis de 500 investigadores; a de programas sectoriais de investigación, de Industria, con máis de 37 millóns de euros para grupos universitarios, centros tecnolóxicos e empresas; o programa de recursos humanos da Consellería de Industria, con apoio a 125 investigadores para saídas ao estranxeiro; ou as de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG, da Consellería de Educación, que prestou apoio a 33 grupos.

Lembrou que a transferencia de competencias da Consellería de Economía e Industria á de Educación suporá unha reducción do esforzo en investigación universitaria da Xunta, tal e como se lle explicou aos vicereitores de investigación das tres universidades galegas nunha xuntanza na Secretaría Xeral de Universidades, o pasado 14 de xuño.

O socialista apuntou que segundo os datos expostos nesta xuntanza, os cambios producidos poñen en risco non só os programas sectoriais, senón as axudas para unidades de investigación, os contratos postdoutorais de tecnólogos ou de agrupacións estratéxicas.

Leiceaga afirmou ademais que da única convocatoria correspondente ao ano anterior elimináronse os grupos emerxentes, e que a internacionalización da investigación, que fora un dos obxectivos declarados de toda a política de investigación, “coártase sensiblemente porque só se facilitan estadías no exterior para dous tipos de contratados, os de María Barbeito e Ánxeles Alvariño, o que suporá “pasar de 125 investigadores que en 2010 viaxaron ao estranxeiro, a menos dunha ducia”.

O deputado socialista denunciou que esta política “errática” e “de axuste cego” da Xunta “está a desarticular todos os esforzos de mellora da calidade de investigación das universidades de Galicia”. Advertiu tamén que a caída do esforzo en I+D+I sobre o PIB “será brutal” neste ano.

Así mesmo, advertiu que moitas das iniciativas e proxectos de investigación planificados van quedar sen poder competir pola falla de fondos, e criticou que a Xunta “está alonxando así da investigación a moitos mozos e mozas”, xa que tras a transferencia de competencias á Consellería de Educación “non se crearán novos grupos de investigación e só os consolidados terán acceso a financiamento”.

Leiceaga denunciou a incógnita que mantén a Xunta sobre o uso de fondos europeos que financiaban boa parte do esforzo en investigación, e lamentou que se renuncie a eles quizais por non aportar a porcentaxe de financiamento que lle corresponde á Consellería.

Por todo elo, reclamou as explicacións do conselleiro de Educación e do presidente da Xunta “porque unha decisión política deste tipo terá fondas consecuencias para o futuro”. Leiceaga anunciou que os socialistas galegos rexistrarán unha batería de iniciativas no Parlamento galego, a fin de obter explicacións sobre os recortes que suporá a transferencia de competencias.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar