Lamentan que a Xunta “esquécese do 80 por cento do territorio” cuns orzamentos de medio rural e pesca

Lamentan que a Xunta “esquécese do 80 por cento do territorio” cuns orzamentos de medio rural e pesca

Lamentan que a Xunta “esquécese do 80 por cento do territorio” cuns orzamentos de medio rural e pesca

Pablo García sinala que “renuncian expresamente a calquera tipo de iniciativa política” con consecuencias “dramáticas” para Galicia

O parlamentario socialista Pablo García criticou que os orzamentos de Medio Rural e Pesca son “continuístas” que supoñen a “renuncia expresa a calquera tipo de iniciativa política”. Na comparecencia da conselleira para presentar os orzamentos na Comisión de Orzamentos, dixo que a Xunta “esquece uns sectores que sustentan o 80 por cento do territorio”.

García criticou que estes orzamentos “consolidan os recortes continuados que ven practicando a Consellería de xeito lineal e sen marcar ningún tipo de prioridade ou orientación”. Lamentou o desleixo do goberno “con dous sectores básicos no tecido económico, social e de vertebración do territorio deste país”, que “de non recibir unha protección básica da Administración farán perigar gravemente a súa viabilidade futura”.

Sinalou que “quedou claro hai un ano, cando fusionaron as consellerías de Medio Rural e do Mar que ningún destes sectores produtivos básicos son importantes para vostedes”. Criticou que “optaron pola inacción e o inmobilismo” cuns orzamentos “que non aportan nada” para resolver a difícil situación destes sectores.

O responsable socialista salientou que os recortes sociais aplicados pola Xunta ten consecuencias “dramáticas” para o rural galego, ao que retiran servizos básicos, mentres suprimen “xeriátricos, centros de día, asistencias domiciliarias, centros médicos”, e cada vez ven mais limitado o ensino para os seus rapaces.

Advertiu do recorte drástico nos orzamentos para o rural, que van dende o 3,7 por cento da secretaría xeral, o 8,4 na dirección xeral de produción agropecuaria, ata o 44 por cento da dirección xeral de desenvolvemento rural. Esta redución afecta especialmente aos programas de infraestruturas e equipamentos no medio rural, onde por exemplo destinan “absolutamente insuficientes” 436.000 euros a concentración parcelaria.

Engadiu que as accións de prevención e infraestruturas forestais absorben 9,5 millóns de euros ao aluguer de medios aéreos de extinción, evidenciando que “pensan que imos rematar coa lacra dos incendios a base de alugar avionetas”.

Mar

Pablo García dixo tamén que os orzamentos correspondentes ao sector da pesca supoñen a “claudicación e a resignación”, que “condenan ao sector a seguir navegando á deriva”, que “evidencian o fracaso das súas políticas cunhas contas que dan as costas aos problemas do sector e das xentes do mar”, que xeran un volume de negocio por riba dos 1.000 millóns de euros e 50.000 traballadores e traballadoras.

Acusou á Xunta de “pintar cifras no papel e falar de potencialidade do sector, pero á hora da verdade non fan nada”, mentres os pescadores afectados polo convenio da UE con Mauritania “levan cinco meses sen cobrar as súas axudas” pola expulsión dos buques galegos do caladoiro.

Dixo que os orzamentos do departamento de Mar sufriron unha caída do 17 por cento con respecto a 2012 por termo medio, que engloban unha caída do 18,81 por cento en competitividade e mellora da calidade de produción pesqueira e acuicultura, un 18,7 na regularización das producións e os mercados da pesca, ou un 18 por cento en promoción social e divulgación da tecnoloxía pesqueira.

Tamén reduciron un 9,34 por cento na dirección xeral de políticas pesqueiras, un 1,8 por cento en ensinanzas pesqueiras, un 13,63 por cento en infraestruturas pesqueiras, e reduciron un 20,75 por cento as transferencias a Portos de Galicia.

Salientou que o único que sube é a partida correspondente á Protección do Medio Rural e Mariño, que pasa de 18,4 a 21 millóns de euros, un 14 por cento, co que “sube o que ten que ver co Servizo de Gardacostas de Galicia”, para “financiar un servizos que nos dixo vostede que grazas á venda dos helicópteros de Salvamento nos ía saír moito mais barato”.

Criticou que “esta debe ser a austeridade do Partido Popular, a súa eficiencia, iso de facer máis con menos, menos para os de sempre, para os mariñeiros e para as mariscadoras, e máis para eses lobbys que son os que dirixen a política da súa Consellería”.

Cualificou á conselleira de “simple executora do que dita a UE” porque “esquece nestes orzamentos daquelo no que realmente ten todas as competencias, como a pesca tradicional ou o marisqueo”, chegando a esquecerse do seguro colectivo de accidentes no mar”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar