Lamentamos os prexuízos do PP, que rexeita novas medidas de axuda a familias monomarentais

Lamentamos os prexuízos do PP, que rexeita novas medidas de axuda a familias monomarentais

Lamentamos os prexuízos do PP, que rexeita novas medidas de axuda a familias monomarentais

A portavoz de política social do grupo socialista, Noela Blanco, presentou unha proposición non de lei no Pleno do Parlamento cunha batería de medidas que foron rexeitadas polo PP para axudar ás familias monomarentais e monoparentais, fogares formados por un adulto con polo menos un menor ao seu cargo que, apuntou, supoñen máis do 10% dos fogares en Galicia, un 82% encabezados por unha muller. “Son nenos e nenas que padecen os efectos da pobreza ou exclusión o dobre que nas familias biparentais, un de cada tres”, advertiu Blanco, que chamou a “actuar” sobre esta “grave discriminación” en Galicia. “Se teñen previsto que os socialistas quedemos cos brazos cruzados esperando ao que faga a Xunta, van mal”, dixo.

 

“Representan vostedes a un Goberno cheo de prexuízos que está limitando constantemente o acceso aos dereitos”, reprochou a socialista, que lembrou que “hai que ter en conta que existe unha clara falta de visibilización e de recoñecemento social das familias monomarentais”. Así, pediu o establecemento dun status ou categoría de familia monomarental que recoñeza a súa especial vulnerabilidade fronte á pobreza. “Para iso, sería necesario un recoñecemento legal específico, do mesmo xeito que ocorre coas familias numerosas, cunha definición homoxénea que permita establecer uns mínimos de protección en todo o territorio nacional, tal e como se ven reclamando tamén dende institucións coma o Valedor do Pobo”, afirmou.

 

“Segundo os datos do INE, o 53,3 % das familias monomarentais está en risco de pobreza ou exclusión, fronte ao 30,5 % das biparentais. E o 25 % destas familias sofre pobreza severa, é dicir, viven cunha renda inferior ao 30 % da mediana de ingresos da poboación”, destacou a socialista, que salienta que estas familias sofren a desigualdade engadida á que se enfrontan as mulleres. Ademais, lembrou que Galicia é a terceira comunidade pola cola no referente a cobertura social e reprochou que o PP cargue a culpa sobre os gobernos locais. “Hai que ter cara de cemento armado, cando lles descoseron o peto aos concellos”, dixo.

 

Violencia machista

En referencia ás dificultades das familias monomarentais, Noela Blanco lembrou as afectadas pola violencia machista, e criticou a “vergoña do rodillo do PP” no Senado, despois de rexeitar darlle unha pensión de orfandade aos nenos e nenas vítimas desta violencia. Tamén fixo referencia a un tema “tristemente de actualidade”, como “o uso dun fillo como ferramenta para facer dano á muller”. Pediu “medidas, ademais de minutos de silencio”, e afirmou que quen ve a súa parella como unha propiedade non pode identificar os seus fillos como suxeitos con dereitos. “Un maltratador non é un bo pai”, dixo.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar