Lamentamos a política de paliativos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

Lamentamos a política de paliativos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

Lamentamos a política de paliativos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

A portavoz de vivenda e ordenación do territorio do grupo socialista, María Pierres, lamentou hoxe que a consellería de Infraestruturas e Vivenda só estea a realizar unha “política de paliativos para tapar carencias” froito da “mala xestión” do goberno, en lugar de medidas para que Galicia “se recupere” con forza. “Moita ferreña para tan pouca pandeireta”, ironizou. Ademais, criticou a “incapacidade” para defender os intereses autonómicos en reivindicacións como o remate do AVE ou a transferencia da AP-9.

Na política de vivenda, a socialista incidiu na “falta de prioridade” da Xunta para o fomento da vivenda pública. Así, tildou de “anecdótico e falto de ambición” o “precario obxectivo” de ofertar 104 vivendas públicas para 2017. Un obxectivo ademais dubidoso, ao estar só previstos 3 millóns de euros nos orzamentos e tendo en conta o nivel de execución en pasados exercicios. Pierres sinalou tamén que Galicia estivo á cola de España en vivendas de protección oficial no 2015 “con só dúas de 7.931 construídas en toda España”, a pesar de ter 15.523 familias inscritas no rexistro como demandantes. A deputada socialista criticou que “a Xunta aposta pola rehabilitación e o alugueiro só porque entende que é un parche para a situación actual, e lanzou unha proposta para que o goberno galego favoreza a creación de vivendas públicas que promovan a cohabitación e sirvan de exemplo para o sector privado.

Con respecto ás infraestruturas, Pierres preguntou polos tramos que restan na vía de alta capacidade de Tui-A Guarda, a autovía da Costa da Morte, o plan Paradai de Lugo, a prolongación da vía de altas prestacións da costa Norte, a autovía de Celanova a Portugal, a primeira fase da rolda leste de Lugo, o desdobramento da estrada de Pontevedra a Vilagarcía ou a conexión da N-120 de Ourense a Pobra de Trives, así como por toda a rede de variantes das circunvalacións nas principais cidades de Galicia, “todas sen executar”. Tamén criticou o Plan de Reforzos de Firmes, do que dixo que “o que é unha obriga de garantir a seguridade viaria para vostedes é un motivo de autopropaganda”.

A socialista apuntou tamén á “incapacidade” da Xunta para defender os intereses de Galicia en cuestións estratéxicas como o AVE ou a transferencia da AP-9. “O que foi posible noutras comunidades aquí tórnase inviolable”, dixo, ademais de consideralos “cómplices” da supresión de frecuencias e paradas do tren tradicional. En canto ás estacións intermodais, dubidou das partidas programadas despois de que desde o goberno se trasladase que só empezarán polas de Vigo, Ourense e Santiago.

Por último, trasladou que o transporte a demanda que promove a Xunta non é máis que “unha mala resposta a unha situación precaria do transporte regular por estrada” tras a resolución da consellería que foi anulada polo tribunal europeo por vulnerar o regulamento da Unión Europea. Lamentou tamén a falta de avances na coordinación aeroportuaria e a desaparición da política de solo industrial en polígonos prioritarios.

Mercedes Cernadas

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar