Lage e Leiceaga sinalan que a futura Lei da CRTVG “saca das mans do Goberno o mando dos informativos e pono nas mans dos profesionais”

Lage e Leiceaga sinalan que a futura Lei da CRTVG “saca das mans do Goberno o mando dos informativos e pono nas mans dos profesionais”

A futura Lei da CRTVG “saca das mans do goberno de turno o mando a distancia dos informativos e pono nas mans dos profesionais sen interferencias gubernamentais nin partidarias”. Así o dixo hoxe o ponente do Grupo Socialista para a nova Lei, José Manuel Lage, que presentou as conclusións da elaboración do texto xunto co outro representante socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Lage Tuñas explicou que este traballo permitirá o “remate da televisión de partido” e abrirá “un novo escenario de pluralidade, independencia e profesionalidade” a partir da elección do director xeral da CRTVG por maioría cualificada do Parlamento. Esta é a conclusión da ponencia que se constituíu a partir da aprobación no pleno do parlamento dunha moción do PSdeG en febreiro de 2010 e que rematará co debate de totalidade da Proposición de Lei no próximo Pleno.

En opinión do parlamentario socialista, o proceso “pon coto aos intentos de privatización do PP no resto das autonomías” e converteu ao Parlamento no protagonista principal da reforma “ao prevalecer as maiorías reforzadas de 2/3 e 3/5 para o nomeamento dos órganos de dirección da nova corporación pública”.

José Manuel Lage considera que “o pacto é positivo porque favorece a existencia dunha ampla maioría parlamentaria que recolle as demandas de amplos sectores da sociedade que pedían cambios, reformas, profesionalización, independencia e o fin da utilización partidaria dos medios públicos de comunicación. Era un paso imprescindible e por iso impulsamos esta reforma”.

O deputado do PSdeG tamén destacou hoxe que ao longo do debate, “incorporáronse as propostas de máis de medio cento de profesionais e colectivos sociais que participaron nos traballos da ponencia para que “a TVG deixe de ser TeleFraga ou TeleFeijóo e pase a ser a TVG de tódolos cidadáns de Galicia”.

Explicou que a norma cambiará aos cadros directivos do ente, que ao ser elixidos por maioría parlamentaria terán “independencia e estarán afastados das presións do goberno de turno”.

Tamén se recorta á metade o número de membros do Consello de Administración, pasando dos actuais 12 membros aos 6 membros futuros, e “profesionalizase o citado consello de administración acabando coa “ocupación” por parte dos aparatos dos partidos políticos e fixando por Lei as súas retribucións, réxime de incompatibilidades e dedicación exclusiva ao cargo.”

O representante socialista dixo que “é a hora dos profesionais na CRTVG” xa que esta Lei garante a “que prime a profesionalidade dos xornalistas e non as directrices dos comisarios políticos do goberno de turno”.

Estimou que, de ser finalmente aprobada a toma en consideración da Lei no próximo Pleno, en outono tería lugar a súa aprobación e en primavera do ano 2012 estarían renovados os cadros directivos do ente.

Explicou que o ente contará cun Estatuto Profesional da RTVG, ademais dun Consello de Informativos que fortaleza a calidade, profesionalidade e independencia do ente. A Lei creará así unha Autoridade Audiovisual Independente que controle o cumprimento da misión de servizo público a través das canles de televisión, radio e internet.

Compromiso coa lingua

Lage Tuñas explicou que esta Lei confirma o compromiso social coa lingua, xa que o ente “só ten sentido si a promoción da lingua e da cultura galegas son un dos seus obxectos centrais”. Advertiu que “non imos permitir un só paso atrás na defensa da lingua” e así o recolle a devandita Proposición de Lei, que establece que “o galego é a lingua de emisión da TVG e da RG”.

Ademais, engadiu, abre a porta a estender as emisións a comunidades limítrofes con “afinidades culturais e lingüísticas con Galicia”, como son o Bierzo, Sanabria ou a comunidade lusófona. Dixo que “a Tvg e a Radio Galega teñen axudado ao prestixio do idioma e neste sentido os socialistas non imos permitir que se dea un paso atrás”.

“Para o PSdeG a defensa da lingua foi unha liña vermella na negociación do acordo. Estamos satisfeitos porque acadamos un bo acordo que elimina calquera intento de colar pola porta de atrás outras intencións lingüísticas”, explicou Lage Tuñas.

Independencia e neutralidade

O parlamentario Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén ponente na elaboración da Lei, explicou que a independencia e neutralidade do ente estenderase ao seu financiamento, xa que asume o esquema dunha sociedade mercantil garantindo por Lei que teña o cen por cen de capital público en poder do Goberno galego.

Explicou que os órganos directivos teñen delimitados os seus contidos e competencias, por canto o director xeral encárgase da xestión e administración, mentres o Consello de Administración é responsable da planificación, decisións estratéxicas e fiscalización. Esta solución acada, dixo, un “equilibrio razoable entre a capacidade de acción do director xeral e a dirección estratéxica do consello de administración.

A xestión do ente estará rexida por un mandato – marco elaborado cada 9 anos, que debe ser aprobado polo Parlamento de Galicia e concretarase en contratos programa cada 3 anos. Ademais, o financiamento do ente formará parte dos orzamentos da Xunta e serán presentados no Parlamento, e o director xeral será “cesado automaticamente” no caso de que a súa xestión supoña un desvío de gasto do 10 por cen.

A futura Lei galega garantirá o financiamento mixto do ente, semellante ao adoptado por RTVE pero adaptado á realidade galega e permitindo publicidade “porque as empresas que actúen en Galicia teñen moi difícil acceder ao mercado de publicidade televisiva de non ser pola TVG”, ademais de contar cunha compensación por servizo público que será aprobada nos orzamentos elaborados pola Xunta e aprobados polo Parlamento.

32641281A

Artigos relacionados

1 Comentarios

  1. Anónimo
    Xuño 21, 2011 a 10:55

    Deberían asegurarse de que toda a emisión sexa en galego, INCLUÍDA A PUBLICIDADE. Outra cousa é que exista a posibilidade, a maiores, de poder ver un espazo en versión orixinal subtitulada. Neste senso, tampouco estaría de máis relanzar, en soporte DVD, programas ou series de produción propia ou dobradas ao galego.

Deixar a resposta

Pechar