Lage propón a eliminación do 80 por cento dos coches oficiais de altos cargos da Xunta

Lage propón a eliminación do 80 por cento dos coches oficiais de altos cargos da Xunta

Lage propón a eliminación do 80 por cento dos coches oficiais de altos cargos da Xunta

O portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, presentou unha Proposición non de Lei para a eliminación de mais do 80 por cento dos vehículos oficiais destinados ao uso exclusivo dos altos cargos da Xunta. Lage quere “darlle ideas ao goberno para que poida reducir o gasto improdutivo e deixe de facer só propaganda e facer do executivo un muro das lamentacións para atacar a outros gobernos”.

Reta así ao presidente da Xunta a “eliminar os privilexios na Xunta de Galicia” e comece por apoiar a mesma proposta que levou a cabo Esperanza Aguirre na Comunidade de Madrid. Lembra que o parque móbil do goberno galego contaba a finais do ano 2010 con 2.228 vehículos e reclama limitar os vehículos oficiais a membros do consello da Xunta como xa fan Madrid, Extremadura e Castela – León.

En total, os vehículos oficiais pasarían dos 157 que son actualmente empregados polos altos cargos do goberno galego a un total de 30, aforrando 1,5 millóns de euros ao ano do total de 2 millóns que custan actualmente. Explicou que o obxectivo é “frear as malas prácticas na administración pública e cambiar a cultura política” para un uso mais eficiente dos recursos públicos.

Aposta por iso por “limitar a asignación de vehículos oficiais con condutor aos membros que compoñen o consello da Xunta –presidente/a, vicepresidente/s e conselleiros/as- e só para as funcións propias do seu cargo. Defende a supresión da asignación de vehículos con condutor aos demais altos cargos –secretarios/as e directores/as xerais, delegados/as territoriais, presidentes de empresas, fundacións, axencias ou sociedades públicas-.

Lage Tuñas considera que “a flota de vehículos oficiais destinados ao transporte persoal dos altos cargos da Xunta e do conxunto da administración institucional de Galicia é moi numerosa e moi custosa e alcanza a directores/as xerais, secretarios/as xerais, delegadas/os territoriais, presidentes/as de empresas, axencias, fundacións e sociedades públicas e demais altos cargos da administración galega”.

Uso compartido

Os socialistas queren implantar así o uso compartido dos vehículos entre os altos cargos, que poderán dispoñer dun vehículo do parque móbil da Xunta –os denominados vehículos de incidencias- “cando sexa necesario para a realización de desprazamentos por razón do seu cargo, pero sen asignación fixa de vehículo”.

Esta decisión, explica, suporía “a redución da actual cifra de 157 coches oficiais para pasar a deixar o parque móbil do goberno e das consellerías limitado aproximadamente a uns 30 vehículos oficiais que darían cobertura aos membros do consello da Xunta e por outra cubrirían as necesidades do resto dos altos cargos do goberno”.

Lembra que “a lo menos as Comunidades Autónomas de Extremadura, Madrid ou Castela e León xa teñen tomado a decisión de limitar o uso dos coches oficiais soamente aos membros do consello de goberno”. Invita a Feijóo a que “acepte a proposta dos socialistas galegos e siga o exemplo de Esperanza Aguirre que xa adoptou o acordo de limitar os vehículos aos membros do Consello e eliminalo para o resto de altos cargos”.

Considera “imprescindible efectuar unha racionalización real dos recursos improdutivos que se están a gastar no seo da administración autonómica para poder dirixir o esforzo económico a outras áreas de gasto como o fomento do emprego, a sanidade, a educación ou os servizos sociais”.

10 millóns de euros en vehículos

Lage Tuñas engade que “a pesares de que as políticas de austeridade teñen sido unha das principais bandeiras axitadas polos actuais gobernantes cando eran oposición, a súa práctica política durante os dous primeiros anos de goberno ten sido ben diferente”. Sinala que nos dous primeiros anos de goberno, Feijóo ten gastado mais de 10 millóns de euros para adquirir 617 vehículos a través de distintos sistemas de pago.

Considera “necesario” que o goberno galego “adopte medidas que supoñan un recorte nos gastos correntes para poder destinar novos recursos económicos ao gasto produtivo e por iso consideramos un grave erro a contratación sistemática de novos vehículos para o parque móbil da Xunta de Galicia”.

Lembra que o goberno galego “ten prescindido de vehículos con menos de 100.000 quilómetros para adquirir polo sistema de renting vehículos novos, nunha clara mostra de ineficiencia e derroche, nunha época de cirse, na que se pide aos cidadáns un esforzo solidario para afrontar a actual situación económica, e cando o goberno galego se queixa dos escasos recursos económicos dos que dispón no orzamento anual”.

Sinala que resulta “como mínimo preocupante que nesta situación económica o goberno galego prescinda de vehículos con menos de cen mil quilómetros, reducindo a vida útil dos coches que compoñen o parque móbil de forma considerable, nunha actitude frívola e moi pouco meditada”.

Frear a sangría

Engade que “os socialistas apostamos por frear esta sangría e consideramos imprescindible denunciar esta mala práctica por parte do goberno galego e, ao mesmo tempo, facemos propostas construtivas para facer posible un importante axuste no parque móbil da Xunta de Galicia destinado aos altos cargos do goberno galego e aforrar custes, sendo mais eficientes no uso dos vehículos oficiais”.

Os socialistas galegos tamén apostan, nesa mesma liña, por unha nova regulamentación sobre o uso e utilización do parque móbil da Xunta de Galicia “que como mínimo contemple a esixencia da realización dun parte diario de control de saída e entrada dos vehículos”.

Igualmente deberá recoller que os vehículos pertencentes ao parque móbil da Xunta de Galicia “utilizaranse polo persoal ao servizo da administración pública só para accións relacionadas con traballos de servizo público e non para fins individuais ou privados”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar