Lage denuncia que a Xunta nomeou a 17 cargos de libre designación para os tribunais de catro oposicións e propón que se elixan por sorteo

Lage denuncia que a Xunta nomeou a 17 cargos de libre designación para os tribunais de catro oposicións e propón que se elixan por sorteo

O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista e portavoz da Área Institucional, José Manuel Lage Tuñas defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha proposición non de lei para reformar o sistema de selección dos tribunais dos procesos selectivos da Xunta de Galicia.

Lage Tuñas defendeu “un cambio profundo nos criterios de selección dos tribunais das oposicións, coa constitución dun órgano estable, unha unidade administrativa que xestione o conxunto das oposicións e vele pola integridade e composición dos tribunais, introducindo o sistema de sorteo para selección aos integrantes dos citados tribunais”.

Lage Tuñas invitou hoxe a Núñez Feijóo a “acadar un acordo ao redor da nosa proposta, que ten por obxecto levar adiante unha reforma dos sistemas de acceso á función pública para garantir a imparcialidade e a limpeza nos procesos selectivos, e rematar con dez meses cheos de conflitos, anomalías, sospeitas de irregularidades e malas prácticas por parte do goberno galego”.

O deputado socialista recordaba hoxe que “dende a chegada ao goberno de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta de Galicia os procesos selectivos de acceso ao emprego público víronse enturbiados por malas prácticas por parte dos novos xestores da Administración Pública galega.”

O Portavoz da área Institucional do Grupo Socialista afirmou que “é preciso un cambio no modelo de tribunais e unha modificación profunda nos sistema de acceso ao emprego público como se pon de manifesto día a día”. Explicou que “consideramos necesario modificar o proceso de designación dos tribunais e comisións de selección para garantir transparencia e especialización, e evitar tamén que sempre sexan as mesmas persoas as que acaben copando as presidencias e as vocalías dos tribunais de oposicións.”

O parlamentario socialista agarda que “as nosas propostas poidan ser un punto de encontro para acadar un acordo cos outros grupos parlamentarios e poidan ser útiles ao goberno e suplan dalgún xeito a ausencia de ideas por parte dos actuais responsables do Goberno galego".

17 CARGOS DE LIBRE DESIGNACIÓN EN 4 TIRBUNAIS DE OPOSICIÓNS
Lage Tuñas denunciou hoxe desde a tribuna do Pazo do Hórreo que “o Goberno galego vén de nomear a 17 cargos de libre designación, dependentes do propio Executivo, como membros dos tribunais de catro oposicións para optar a un emprego na Xunta de Galicia”. O socialista rexeita esta práctica de designar “persoal nomeado a dedo, que ocupan postos relevantes na estrutura gobernamental e que dependen de criterios de confianza política” entende ademais que “non é a mellor garantía de imparcialidade e de que non se reproduzan os escándalos de filtracións ou tratos de favor.”.

Os socialistas galegos expoñen que os nomeamentos de tribunais titulares e suplentes para catro procesos selectivos publicados no DOG de 23/11/2011 e 18/11/2011, deixan ver como “subdirectores xerais, xefes de servizo, secretarios de altos cargos e mesmo vicesecretarios xerais, ocupan os tribunais que xulgarán as probas selectivas de miles de persoas que están inscritas nestas probas.”

FEIJÓO SIGUE O MODELO LOUZÁN-BALTAR
O deputado socialista José Manuel Lage denuncia que “o presidente da Xunta é o máximo responsable de consentir este tipo de prácticas. Feijóo está importando o modelo de oposicións de Louzán e Baltar nas Deputacións Provinciais de Pontevedra e Ourense”.

Asegura que “nalgún caso o tribunal nomeado polo goberno semella un órgano máis dunha consellería concreta, como é o caso do tribunal do grupo A1-Escala de enxeñeiros de camiños, que está maioritariamente ocupado por persoal de libre designación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI).”

Lage Tuñas denunciou que nos atopamos “diante dunha nova fase de deterioro da función pública galega”. Recorda que “xa vimos como nas oposicións do Sergas houbo tribunais presididos por persoas que teñen relación laboral cos opositores que obtiveron as mellores puntuacións nas probas ás que se presentaron, e agora vemos que o goberno sitúa cargos de libre designación nos tribunais de forma maioritaria.”

Lage Tuñas defende que “se cambie o sistema de nomeamento dos tribunais das oposicións, optando por blindar a independencia dos tribunais” e manifestou “un absoluto desacordo co actual criterio de designación política dos tribunais de oposicións que van avaliar o acceso ao emprego público ou a promoción interna cunha independencia cando menos cuestionable, ao estaren nomeados a dedo pola Administración.”

O PSdeG-PSOE seguirá demandando “unha reforma do sistema de designación dos membros de tribunais que asegure o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no acceso á Función Pública, despolitizando a composición dos tribunais e incorporando mecanismos de control e seguridade para os opositores”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar