Lage denuncia graves irregularidades nunha convocatoria de emprego público en Turgalicia

Lage denuncia graves irregularidades nunha convocatoria de emprego público en Turgalicia

Lage denuncia graves irregularidades nunha convocatoria de emprego público en Turgalicia

O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista José Manuel Lage esixiu hoxe á Xunta, na Comisión 1ª do Parlamento, que “non se vulnere a LOFAXGA, e se rectifique a política de acceso ao emprego público que está realizando o actual goberno galego”.

Mediante unha pregunta parlamentaria, o deputado socialista interesouse pola convocatoria dunha praza de xefe de área de xestión económica e persoal de Turgalicia, con carácter indefinido para a referida sociedade.

Lage Tuñas explicou hoxe que “da análise da convocatoria despréndese que non se cumpre o artigo 58 da Lei 16/2010, do 17 de decembro de organización e funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia”.

O deputado do PSdeG engade que “o artigo 58 mencionado, establece que a selección do seu persoal, agás o directivo e demais excepcións previstas nesta lei, será realizada polo centro directivo competente en materia de función pública e seranlle aplicables as disposicións da lexislación galega sobre emprego público relativas a:
a) Composición e funcionamento dos tribunais ou das comisións de selección.b) Bases das convocatorias, e c) Probas de selección”.

Lage Tuñas sostivo que “debería ser logo a Dirección Xeral de Función Pública a que realizara a selección para cubrir esta praza ao non tratarse dun posto directivo e non a propia sociedade. Incúmprense polo tanto o artigo 58 da referida lei.”

O Portavoz da Área Institucional do PSdeG-PSOE recordou hoxe que “convocaron unha praza para titulados superiores e soprendentemente só se esixe o coñecemento de dez temas, cando para prazas do mesmo nivel na administración autonómica se solicitan entre 70 e 80 temas”.

”Mentres nas probas selectivas do grupo I de persoal laboral ou do grupo A de funcionarios se fan 3 ou 4 exercicios, neste caso faise só unha simple proba teórica - práctica sen máis especificar”.

Lage Tuñas engade que “nas bases non se observa que se estableza ningunha garantía para asegurar o anonimato dos opositores nin garantía de que o exame, ese “suposto teórico - práctico” non se vaia filtrar”.

Os socialistas galegos constatan que “dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta de Galicia a existencia de continuas anomalías e irregularidades na función pública é habitual, sen que se pare esta sangría”.

Lage Tuñas engade que “algo cheira mal, xa que é unha convocatoria para unha praza de persoal indefinido que se prevé resolver con unha simple proba teórico - práctica, cando nas probas selectivas do grupo I de persoal laboral ou do grupo A de funcionarios se fan 3 ou 4 exercicios. Isto cheira mal –insistiu-”.

“Estamos diante dunha convocatoria que recorda as peores prácticas clientelares e caciquís que xa se producen nas Deputacións provinciais de Pontevedra e Ourense, son as mesmas prácticas na Xunta de Galicia que nas Deputacións Provinciais de Pontevedra e Ourense” expón Lage Tuñas.

“Porque si chamativas son as bases e o proceso de teórica oposición para esta praza, o que xa é indefendible é o previsto para a suposta fase de concurso, onde non se especifica en que categoría se valora a experiencia, e onde se valora máis a experiencia en sociedades públicas que na propia administración, e onde se dispón que se valora a experiencia ante a AEAT, pero non na propia AEAT (Axencia Tributaria do Estado)”.

“Os tribunais ou comisións de seleccións deben ser nomeados polo Director Xeral de Función Pública, e non pola conselleira - delegada de Turgalicia, como se establece nas bases desta convocatoria, que por outra banda vulnera o artigo 58 da Lei 16/2010, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia. ” explica José Manuel Lage.

Lage Tuñas defendeu, na súa intervención, a necesidade de “respectar as leis”, e denunciou que dende a chegada de Feijoo á Xunta de Galicia “os procesos selectivos de acceso ao emprego público estanse vendo enturbados por malas prácticas por parte dos novos xestores da administración pública galega”.
Lembrou que “casos como o do SERGAS, onde un opositor chegou a corrixirse el mesmo o seu propio exame, puxeron na picota ao goberno galego en materia de función pública”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar