Lage: “A Xunta incumpre a Lei da Memoria Histórica ao negarse a cooperar co Goberno central na localización de persoas desaparecidas"

Lage: “A Xunta incumpre a Lei da Memoria Histórica ao negarse a cooperar co Goberno central na localización de persoas desaparecidas"

Lage: “A Xunta incumpre a Lei da Memoria Histórica ao negarse a cooperar co Goberno central na localización de persoas desaparecidas"


O Portavoz da área Institucional do Grupo Socialista; José Manuel Lage interesouse hoxe na Comisión 1ª do Parlamento polo grao de cumprimento da lei 52/2007 de recuperación da memoria histórica por parte da Administración pública galega.

O Director Xeral de Relacións Institucionais da Xunta respondeu á iniciativa socialista descualificando a pregunta e culpando ao Partido Socialista de reabrir vellas feridas, ademais de explicar que “hai que ocuparse de cousas máis importantes”.

Lage Tuñas denunciou que “a administración galega é unha das poucas comunidades que incumpre a lei 52/2007 da memoria histórica ao negarse a cooperar co goberno de España na axuda aos familiares que descoñecen onde están enterrados os seus seres queridos”.

O deputado do PSdeG dixo que lle constaba que “a Xunta negouse a asinar o convenio marco do ministerio da presidencia coas comunidades autónomas e coa Federación Española de Municipios e Provincias para a localización de persoas desaparecidas e asasinadas polo réxime franquista”

José Manuel Lage explicou que o artigo 12.2 da lei di textualmente: “Las Administraciones públicas elaborarán y pondrán a disposición de todos los interesados, dentro de su respectivo ámbito territorial, mapas en los que consten los terrenos en que se localicen los restos de las personas a que se refiere el artículo anterior, incluyendo toda la información complementaria disponible sobre los mismos”.

O deputado socialista recordou que o convenio marco de colaboración para o cumprimento efectivo do artigo 12.2 da lei foi asinado por unha parte moi importante de comunidades autónomas co Goberno de España, entre outras as de Castela - A Mancha, Aragón, País Vasco, Canarias, Andalucía, Estremadura ou a Cidade Autónoma de Melilla.

O Mapa Integrado dos Lugares de Inhumación é un documento unificado que integra a información de tódalas administracións públicas, e que contén a localización xeográfica, características e outros datos relevantes dos lugares de inhumación.

É unha iniciativa do Goberno de España para dar cumprimento efectivo á lei 52/2007, a través da colaboración de tódalas administracións públicas tal e como recollen os artigos 11 e 12.2 da citada norma. “Galicia negouse a colaborar, e agora vemos como o goberno por medio dun director xeral di que hai cousas máis importantes das que preocuparse” sinala o deputado do PSdeG.

Lage Tuñas dixo que “só pedimos que se lles facilite ás familias e particulares que poidan localizar os restos mortais dos seus seres queridos. E só estamos pedindo que a Xunta cumpra a lei e colabore.”

Engadiu que “non pode ser que no noso país sigan existindo rúas con nomes de asasinos e fascistas ao mesmo tempo que a Xunta se nega a colaborar coas familias para a localización e recuperación dos restos mortais de moitas persoas que foron asasinadas e tiradas á cuneta por parte do réxime franquista” explicou o deputado José Manuel Lage.

Os socialistas galegos demandan que a administración galega cumpra a lei e retire toda a simboloxía fascista, predemocrática e franquista de tódolos edificios públicos. Lage Tuñas sinala que “non hai outro país en Europa onde se produza un esperpento tan grande coma éste, non é de recibo que se lle poñan trabas ás familias dos asasinados polo réxime franquista, que só queren saber onde teñen enterrrados aos seus familiares”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar