Juan Carlos Francisco reclama á Xunta que garanta a recuperación íntegra dos cartos invertidos nas participacións preferentes de NGB

Juan Carlos Francisco reclama á Xunta que garanta a recuperación íntegra dos cartos invertidos nas participacións preferentes de NGB

Juan Carlos Francisco reclama á Xunta que garanta a recuperación íntegra dos cartos invertidos nas participacións preferentes de NGB


O portavoz de Consumo do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco Rivera, presentou hoxe unha iniciativa para que a Xunta garanta a recuperación íntegra dos cartos invertidos nas participacións preferentes de NGB. Así o dixo nunha xuntanza no Parlamento cos representantes dos milleiros de clientes afectados por este produto financeiro na que tamén participou a portavoz de Facenda, María José Caride.

Juan Carlos Francisco lembrou que os “abusos” provocados pola “cobiza e o engano” das entidades impiden aos clientes recuperar ou mesmo amortizar os seus aforros investidos neste produto. Sinalou que “á inmensa maioría dos clientes lle foi ocultada información básica sobre os riscos deste tipo de produto” que foi vendido “como se foran produtos de renda fixa e capital garantido”.

Por este motivo, reclámalle á Xunta que esixa a Novagalicia Banco que permita a amortización das Participacións Preferentes polo seu valor nominal no momento da adquisición, nun prazo máximo de dous meses. O obxectivo desta medida é facultar aos afectados “a recuperación dos cartos invertidos sen penalización de ningún tipo”.

Considera tamén imprescindible que o goberno galego se poña en contacto co Banco de España ou o organismo estatal que teña atribuídas as competencias en materia de supervisión de produtos financeiros, “para que inste, promova e, no seu caso, preste as autorizacións necesarias a NGB para a amortización anticipada das Participacións Preferentes subscritas polos clientes das entidades galegas”.

Advirte que as entidades agocharon aos clientes as características reais destes produtos financeiros, que son “opacos, sen data de vencemento, que cotizan nun mercado secundario e se caracterizan porque non teñen liquidez e só son amortizables a instancias da entidade, previa autorización do supervisor estatal”.

A conclusión é que milleiros de galegos e galegas non poden retirar os seus depósitos “que en moitos casos son os aforros de toda a vida”. Estes están esixindo á entidade bancaria “que utilice a cláusula de amortización prevista nos contratos, sen que ate agora teñan ningún éxito”, e mesmo o novo presidente da entidade “ten amosado a súa indiferenza pola resolución deste problema” e a Xunta mantén un “silencio sepulcral”.

Así llelo trasladaron hoxe ao parlamentario socialista os usuarios da entidade nun encontro no que tamén participou a responsable de Facenda e Orzamentos do Grupo Socialista, María José Caride, e no que escoitaron aos representantes de Adicae e afectados procedentes de Santiago, Pontevedra, Vigo e A Coruña.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar