José Blanco anuncia que a liña de AVE Ourense-A Coruña inaugurarase o próximo 10 de decembro

José Blanco anuncia que a liña de AVE Ourense-A Coruña inaugurarase o próximo 10 de decembro

José Blanco anuncia que a liña de AVE Ourense-A Coruña inaugurarase o próximo 10 de decembro

O ministro de Fomento, José Blanco, anunciou que "a viaxe inaugural" da AVE que comunica Ourense coa Coruña a través de Santiago será o próximo 10 de decembro, á vez que sinalou que ese mesmo día comezará a explotación comercial desa liña.

"É un fito que quedará gravado no recordo de todos os galegos", salientou, nun discurso ante autoridades como o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, o Delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, ou o Secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez.

E, despois de realizar unha viaxe a bordo do primeiro tren de probas da alta velocidade galega entre O Irixo (Ourense) e o viaduto do Ulla --o máis alto de Europa, situado na Coruña--, o titular de Fomento proclamou que "é o primeiro de moitos" entre Ourense e a cidade herculina en AVE.

"Hoxe facemos un pedazo de historia e seguiremos traballando para que a historia da nosa terra non se escriba nunca máis sobre o esquecemento", destacou, para mostrar a continuación a súa seguridade de que os galegos converterán a AVE en "o tren do futuro sobre o que asentar unha das bases do seu desenvolvemento".

Así, "nun día tan especial", chamou a "plasmar un compromiso de unidade" ao redor dun proxecto "chamado a cambiar o destino" de Galicia. "O meu deber é pedir altura de miras para non caer en debates estériles que fagan desta gran empresa colectiva algo inmerecidamente pequeno", advertiu, aínda que asegurou "entender, como ministro e como galego, a esixencia e a xusta reclamación" de que a AVE "chegue canto antes".

Mantén o compromiso de 2015

José Blanco pediu que se valore "en que momento" está a construírse o AVE galego, posto que "as montañas non son a principal dificultade" a superar. Neste sentido, lembrou que a situación económica "non é a mesma" que cando se planificou a liña ou cando se asinou o Pacto do Obradoiro, para destacar que se mobilizaron "máis recursos que ningún outro país na historia nun período tan curto".

"E imos ter a mesma determinación para dar o impulso económico final ao desenvolvemento da liña pendente entre Galicia e Madrid", garantiu, e avalou as súas afirmacións cos 4.400 millóns de euros que investiu no AVE galego desde a súa chegada ao ministerio en abril de 2009. "Non hai nin unha soa infraestrutura en Europa que, nun período de tempo similar, tivese semellante compromiso orzamentario", ilustrou.

Posteriormente, cuestionado polos medios de comunicación, o ministro asegurou que se mantén o compromiso da conexión con Madrid a finais de 2015 "a pesar da adversidade" mentres "outros países", como Francia e Portugal, "están a paralizar ou prolongando os prazos" das súas liñas ferroviarias.

Crítica aos empresarios de Zamora

Sobre as críticas de empresarios de Zamora sobre atrasos na construción do AVE, recomendoulles Blanco "que se preocupen de traballar e xerar as condicións para que a liña de alta velocidade sexa rendible e competitiva".

Tras asegurar que o seu departamento "cumprirá os obxectivos", recriminou á patronal zamorana que faga esas críticas coa que está a caer e co que se está investindo nesa terra". "Non parece propio de empresarios, senón máis ben de afeccionados da política", sentenciou.

Trens híbridos

Tamén aproveitou Blanco para avanzar que en xullo comezará o proceso de homologación dos trens híbridos --"pioneiros" en Europa-- que impulsou desde a súa chegada ao cargo e que poden circular por trazado de alta velocidade ou convencional, liña electrificada ou sen electrificar e en distintos tipos de ancho.

Empezarán a funcionar o próximo ano e lograrán "unha mellora significativa do tempo de viaxe" mentres "non se completa" o trazado entre a capital galega e Madrid, mellorando así "de forma continua" as relacións entre ambas as urbes.

Visita do ministro americano

Por outra banda, destacou a "capacidade" da enxeñaría española, fundamentalmente, na construción do tramo Ourense-A Coruña, que inclúe 30 túneles e 38 viadutos en 150 quilómetros. Esta liña foi a que escolleu o ministro como exemplo do "desenvolvemento" da rede de alta velocidade española nunha reunión co seu homólogo de Estados Unidos, quen se comprometeu --segundo asegurou Blanco-- "a visitar esta terra o próximo ano".

"É un orgullo para os galegos albergar unha infraestrutura que será visitada por ministros de Transporte de todo o mundo", subliñou, consciente do "valor exportable" que posúe a enxeñaría española. Por iso, defendeu que se aproveite esta cuestión e chamou a que as administracións traballen para "rendibilizar" e "potenciar" as liñas.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar